Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo organiza un ano máis o magosto popular pola tolerancia


# Luns, 17/11/2008
Será o 22 de novembro na Praza de Santa María e estará aberto ao público

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou unha nova edición do Magosto popular pola tolerancia que o Concello de Lugo leva varios anos organizando e dedicando a colectivos sociais. Este ano realízase coa colaboración da Asociación de Rioplatenses de Lugo, cuxo presidente, Jorge Rodríguez destacou a importancia do traballo conxunto.

Na actualidade no concello de Lugo hai máis de 300 persoas de orixe arxentina e uruguaia. O ano pasado, tal e como lembrou a Concelleira, dedicouse ao colectivo marroquí, “o obxectivo é traballar conxuntamente con eles para que nos ensinen as súas costumes e nós lles deamos a coñecer as nosas”.

Jorge Rodríguez explicou que para os arxentinos e uruguaios o magosto é unha novidade que non existe nos seus países, por iso lle dan tanta importancia a que este ano incorpore tradicións propias. “Bailarase tango, milonga, o folclore do interior de Arxentina que se coñece como Malambo, candombe uruguaio e combinarase con danza galega”.

Participarán o Colectivo Cultural María Castaña, o Conservatorio Profesional de danza de Lugo, a Academia de Baile Ritmo e o grupo teatral Achádego.

Será o sábado 22 de novembro a partir das 17:00 horas na Praza de Santa María e distribuiranse máis de 1.000 quilos de castañas do Courel.

Plans de Programación do tempo e Dependencia
A Concelleira quixo aclarar tamén unhas manifestacións erróneas feitas por unha representante do Partido Popular hai uns días referíndose aos bancos do tempo. Carmen Basadre explicou que a representante popular non contaba con datos reais ao falar, e referíase aos bancos do tempo equivocadamente cando o que se aprobou foi solicitar unha subvención que anuncia a Consellería de Traballo para a elaboración de Plans de Programación do tempo na cidade: “supón unha axuda do 75% e aínda non está concedida. Ademais non se refire aos bancos do tempo.”

Esta subvención, que sae publicada no DOG do 16 de outubro, recolle a elaboración duns plans para a promoción de medidas de conciliación por parte dos Concellos para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, atendendo á Lei 2/2007 de 28 de marzo do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

 Carmen Basadre explicou que o obxectivo desta iniciativa, subvencionada pola Xunta de Galicia é “establecer unha coordenación dos horarios da cidade coas esixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía”.

A Concelleira tamén quixo aclarar informacións verquidas polo PP relativas á Lei de Dependencia. “O Concello non ten competencias para conceder axudas á Dependencia, iso é competencia de Vicepresidencia. Tramitamos máis de 1.000 solicitudes, e desas, 42 son valoracións feitas e remitidas ao Concello. A esas é as que xa se lles vai a dar a prestación. Os pasos que se seguen son: a solicitude, remítese á Xunta cun informe da traballadora social, a Xunta fai a valoración da persoa e remítella ao usuario. Con toda a documentación esa persoa debe dirixirse á traballadora social que é a encargada de facer unha proposta do Plan Individual de Atención que lle remite a Vicepresidencia que é quen decide a prestación que recibe a persoa solicitante”.

Carmen Basadre tamén se referiu á ordenanza fiscal sobre o Servizo de Axuda no Fogar que finalmente recollerá unha exención do 100% para as persoas incluídas no IPREM.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova