Cargando....
Concello de Lugo
17/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo informa ás Pemes das liñas estratéxicas de apoio das que dispoñen


# Mércores, 19/11/2008
A xornada formativa foi impartida polo director xeral do IGAPE

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, inaugurou acompañado polo Alcalde de Castroverde, José María Arias Fernández, en representación da Deputación Provincial, unha xornada impartida no Centro de Empresas e Innovación polo director xeral do IGAPE, Álvaro Álvarez-Blazquez e que persigue achegar aos empresarios e emprendedores de Lugo as novas liñas estratéxicas de apoio das que dispoñen o IGAPE para impulsar as iniciativas empresariais.

O Alcalde indicou que “o papel do Concello debe ser o de animador, sobre todo neste momento no que debemos resistir colaborando todos, administración, sector financeiro e empresariado”. “Queremos que coñezan todas as liñas de financiamento para que as pemes lucenses aguanten, resistan e venzan este tsunami que é a crise. Nunca choveu que non escampara”.

Nesta xornada os empresarios lucenses coñeceron que as pemes galegas xa poden solicitar a tramitación de tres liñas de axuda dirixidas a facilitar o acceso ao financiamento co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.

O director do IGAPE explicou que as tres novas liñas de financiamento están dirixidas principalmente aos sectores manufactureiro, agroalimentario, turístico e comercializador. Os préstamos subsidiados e avalados terán un custe euríbor para as empresas que recibirán unha subvención de ata dous puntos, ademais do custe da comisión do aval das SGRs e do 50% da comisión de apertura.

Álvarez-Blazquez explicou os diferentes programas que sestán a disposición dos empresarios:

- No programa de apoio ao circulante a contía máxima do préstamo é de 600.000 euros cun período máximo de 3 anos.

- No programa de refinanciamento de pasivos, o importe máximo é de 1 millón de euros cun prazo máximo de 7 anos

- No programa de ampliación de capital, a contía máxima é de 600.000 euros e para un período de 7 anos.

Combinando as distintas modalidades os préstamos poden acadar 1,5 millóns de euros.

Con esta xornada o Concello de Lugo busca que as Pemes lucenses sexan coñecedoras deste programa que complementa as medidas xa dispoñibles para financiamento de investimento que tamén están dispoñibles para empresas de maior tamaño a través de préstamos do Banco Europeo de Investimentos, das liñas do ICO, ou da liña de avais para todo tipo de empresas.

Ademais, con esta actividade o Concello de Lugo continúa co seu afán de por a disposición de todos os empresarios, emprendedores e da cidadanía en xeral as instalaciones do CEI-Nodus e do Espazo Lab.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova