Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo pon en marcha un Plan de Mellora da Competitividade das pemes lucenses para combater a crise


# Mércores, 19/11/2008
A Concellería de Emprego destinará 60.000 euros á posta en marcha de programas formativos gratuítos que permitan a diferencianción das empresas lucenses

A Concellería de Economía e Emprego que dirixe Sonia Méndez, sensible ás demandas da pequenas e medianas empresas pon en marcha un Plan de Mellora da Competitividade das PEMES. Trátase dunha nova aposta desta Concellería, polo emprendemento, o comercio e a pequena empresa lucense.

Ante unha situación de crise que afecta sobre todo aos sectores menos fortes, Sonia Méndez, presentou un Plan que recolle un investimento municipal de 60.000 euros e propostas formativas que buscan a diferenciación e o destacamento das pemes lucenses nun mercado totalmente globalizado.

Sonia Méndez, suliñou que para o Concello este Plan supón un esforzo económico importante nun momento como o que estamos a vivir, pero “a aposta do Concello de Lugo polo empresariado da cidade dixemos sempre que é total, e cando as circunstancias o esixen aí estamos. Como di o Alcalde, nunca choveu que non escampara, e nos momentos complexos, coma este de crise económica é cando a administración máis cercana ten que estar cos seus veciños e veciñas”.

A Concelleira explicou que agora é o momento de que as pemes lucenses resistan o embate da crise, e para iso o Concello porá á súa disposición todo o que estea nas súas mans:“Contan co CEI, co NODUS e co Espazo Lab, aberto á cidadanía, contan cos técnicos de desenvolvemento local e co noso compromiso de colaboración”.

Sonia Méndez explicou que este Plan de Mellora da Competitividade das pemes, inclúe programas destinados a mellorar a rendibilidade empresarial, e son de acceso libre e gratuíto para todas as empresas que o soliciten. As empresas interesadas deberán dirixirse ao CEI antes do 31 de decembro para solicitar a súa inscripción.

Son programas personalizados, feitos a medida tendo en conta as necesidades de cada empresa, e están destinados a cubrir as carencias máis importantes das pequenas e medianas empresas, como son a escasa implantación das TICs, a falta de innovación e as dificultades de financiamento.

A responsable de Economía e Emprego destacou as liñas que seguirá este Plan municipal:

1) Programa de dinamización tecnolóxica, en colaboración coa aula TIC pemes da Universidade de Santiago de Compostela

Haberá 12 dinamizadores tecnolóxicos da USC que axudarán ás empresas lucenses a implantar ferramentas de xestión do coñecemento de software libre. Desenvolverán proxectos sobre plataformas web de código aberto e realizarán na propia empresa unha diagnose e sesións de demostración das distintas ferramentas. Ademais transmitirán ao empresario as vantaxes das aplicacións para mellorar a súa xestión: intranets, portales web, relacións con clientes, etc.

2) Programa de xestión financeira

Por segundo ano consecutivo, os expertos da Escola de Organización Industrial desenvolverán un programa á medida de cada empresa participante para axudarlles en temas tan importantes e de tanta necesidade hoxe en día como a elaboración dun plan estratéxico para mellorar a situación económica da empresa.

3) Programa de innovación empresarial

Grazas a este programa as pemes lucenses coñecerán as axudas económicas procedentes da Unión Europea para a innovación e a I+D e poderán aproveitarse delas. En moitos casos existe descoñecemento sobre como acceder a esta financiación da innovación. A Fundación Innovapyme ofrecerá esta asistencia desde o CEI.

4) Incentivos para a contratación de persoas com discapacidade

Este é outro dos aspectos dos que tampouco existe moita información. O Concello de Lugo proporciona axudas económicas ás empresas para formar as persoas con discapacidade e para a adaptabilidade do posto de traballo.

 O Concello de Lugo investirá 60.000 euros -10 millóns das antigas pesetas-, nestes programas e está prevista a participación de máis de 60 empresas da cidade.

Sonia Méndez tamén lembrou que as empresas lucenses teñen á súa disposición as instalacións do CEI-Nodus, o Espazo Lab e tamén aos técnicos que os informarán e asistirán á hora de solicitar axudas económicas.

O CEI ademais abre as portas aos máis novos. O fomento do emprendemento e as novas ideas de negocio foi a idea orixinal coa que naceu este complexo empresarial, e este ano preto de 250 mozos e mozas de todos os institutos de secundaria e formación profesional da cidade pasaron polo CEI dentro do Programa Aula Emprendedora, para coñecer as bases do emprendemento e do mundo empresarial desde novos. Ademais, estase a tramitar a entrada de novos proxectos no viveiro para continuar co seu apoio ao emprendemento e á creación de empresas de base tecnolóxica.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova