Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acolle a celebración da First Lego League, por primeira vez en Galicia


# Domingo, 23/11/2008
Máis de cen rapaces participan na competición que terá lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo

Hoxe Lugo acolle por primeira vez en Galicia a celebración da First Lego League Galicia organizada polo Concello de Lugo e na que mozas e mozos de 10 a 16 anos participarán nunha competición que combina un práctico programa interactivo de robótica cun ambiente deportivo.

Os rapaces e rapazas, divididos en equipos de 3 a 10 participantes traballarán na construción dun robot, a resolución de problemas, e a preparación dun traballo investigación científica. Grazas a este certame os participantes desenvolven habilidades creativas, pensamento analítico, comunicación e traballo en equipo, adquirindo coñecementos técnicos e científicos, fomentando os valores da innovación e da creatividade.

En total serán 111 escolares divididos en 16 equipos integrados por entre 4 e 10 nenos e nenas guiados por un adestrador. A maioría dos equipos son da provincia de Lugo, únicamente participarán dous da provincia de A Coruña (un de Ferrol e outro de Rois).

Con esta actividade o Concello de Lugo quere impulsar e promocionar proxectos académicos e de investigación cun alto impacto social, que se recoñeza a ciencia e a investigación como vías para a innovación e a creación de riqueza, a estimulación e promoción de vocacións científicas entre os estudantes de Educación Primaria e Educación Secundaria, e a promoción do espírito innovador.

O desenvolvemento desta competición en Lugo permitirá achegar a innovación a nenos e adolescentes, e promover a aparición de novas inquietudes en favor do coñecemento científico entre futuros estudantes universitarios, o cal traducirase a medio e longo prazo nun incremento do número de titulados en carreiras técnicas e, consecuentemente, nun maior número de patentes creadas na cidade.

A competición estará aberta ao público e  desenvolverase no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, con capacidade para 700 persoas que poderán seguir en directo todos os detalles da competición.

Estrutura da competición
Os equipos compiten en dúas categorías:

1.- Presentación do Proxecto de Investigación Científica: os equipos deben realizar unha investigación científica relativa á temática da edición, neste caso o cambio climático.

2.- Competición contrarreloxo de robots: os equipos deben realizar cos seus robots o maior número posible das actividades do reto, cada unha das cales ten asignado un número determinado de puntos.

Presentación do Proxecto Técnico Robot: Ademais cada equipo defende ante un xurado, formado por 3 técnicos, a forma en que deseñaron o robot, o proceso que seguiron, as dificultades que atoparon e como as resolveron. O xurado valora tanto a eficacia do robot como os restantes aspectos do desenvolvemento do proxecto.


Premios:
Os premios que se outorgan son:

Premios principais (que outorgan o pase á Final Nacional):

-Premio á Mellor Innovación e Creatividade no Deseño de Robot
-Premio ao Mellor Proxecto Científico
-Premio ao Mellor Robot

Premios secundarios:

-Premio ás Novas Promesas
-Premio ao Mellor Traballo en Equipo
-Premio ao Mellor Adestrador
-Premio ao Mellor Espírito de Equipo
-Premio ao Mellor Deseño para Todos

Os trofeos para equipos consisten nunha copa feita con pezas de Lego.

O obxectivo desta competición é que participar sexa en si mesmo un premio, ao cal engádese a posibilidade de competir a nivel nacional e ata internacional. Así, os equipos gañadores na final nacional da edición 2007 competiron, a nivel internacional, no Open Asian Championship, en Xapón e no World Festival de Atlanta (USA).




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova