Cargando....
Concello de Lugo
28/03/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Delegada de Urbanismo anuncia o cambio de data do Pleno do PXOM para garantir a fundamentación das alegacións


# Xoves, 18/12/2008


A Delegada de Urbanismo, María Novo, anunciou hoxe o cambio de data do Pleno que estaba previsto para o vindeiro martes 23 de decembro.

María Novo explicou que este cambio se debe a que, unha vez que o equipo técnico do Concello comezou o traballo de analise das contestacións que as redactoras do plan fixeron ás alegacións, detectaron que algunhas non teñen xustificada dabondo a resposta. “Estivemos estudando as alegacións sen descanso ao longo de todo o día de onte e esta noite, e consideramos que falta fundamentación nalgunhas alegacións. Este non é o documento que queremos remitirlles aos veciños. Por iso decidimos falar co equipo redactor para arranxar estes puntos”.

O equipo de goberno do Concello de Lugo asumiu o compromiso, aínda que a lei non o esixe, de contestar a todas e cada unha das alegacións de unha en unha, e de forma persoal a cada veciño, incorporando  o informe técnico que xustifica a decisión. A lei só obriga a contestar en bloque o mesmo día da aprobación provisional o número de alegacións estimadas, desestimadas ou estimadas parcialmente.

María Novo, explicou que “entendemos que hai alegacións que adolecen das explicacións que nós cun criterio de seriedade e para informar detalladamente aos veciños, cremos que deben incorporar estes informes”.

O equipo redactor é o encargado de realizar o documento de contestación ás alegacións onde di en que se fundamenta para estimala ou non. Este informe de 6.818 alegacións é o que están a revisar completamente os técnicos do Concello para garantir a claridade e rigurosidade das respostas que reciben os veciños.

A insuficiencia de fundamentación dalgunhas delas, arredor dun 15-30%, motivou que a Delegada de Urbanismo decidise desconvocar a Comisión de Planeamento que tería lugar o día 19 de decembro e aplazar o Pleno no que se debatirá o documento urbanístico. Novo suliñou que “para nós é fundamental, é prioritario, poder dar resposta ben fundamentada a cada unha das máis de 6.000 alegacións presentadas polos veciños e veciñas de Lugo”. 

 

A Delegada de Urbanismo xa anunciou que nestes días volverán a reunirse co equipo redactor para subsanar estes detalles e que o Plan Xeral de Ordenación Municipal poida ir a Pleno o antes posible “prefiro non adiantar datas, pero a miña intención é levalo a Pleno no menor tempo”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova