Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Arrinca a sétima edición de Artenadal co traballo de 24 artesáns


# Venres, 19/12/2008
A feira de artesanía estará aberta na Praza da Soidade ata o 5 de xaneiro

A sétima edición da feira de artesanía Artenadal, organizada pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, a Deputación Provincial e a asociación Artimaña, abriu hoxe as súas portas na Praza da Soidade, onde permanecerá ata o vindeiro 5 de xaneiro en horario de 11:00 a 14:30 horas, e de 17:00 a 21:00 horas.

Este ano destaca o aumento no número de artesáns, que ascende a 24, dous máis que o ano pasado,  e que chegan de puntos de toda Galicia, Asturias e Castela e León, o que demostra que Artenadal é unha feira de artesanía consolidada e de referencia entre os profesionais do sector.

Nos postos de Artenadal pódense atopar mostras dos estilos máis clásicos da artesanía, como son os traballos en coiro, en madeira ou en prata, pero tamén se presentan propostas máis innovadoras e sorprendentes.

Destacan pola súa orixinalidade as pezas realizadas en cravos de ferraduras, que se elexiron para protagonizar o cartel anunciador da feira, ou o traballo dun artesán, que participa por primeira vez nesta feira, e que inserta figuras en cristal.

Coma nos seis anos anteriores, Artenadal conta tamén cunha representación de artesáns que traballan a cerámica, o cartón-pedra, o arame ou o bambú, e con outros profesionais que fan reciclaxe, calceta, macramé, gravado, fotografía ou que pintan roupa. 

Artenadal da a oportunidade aos novos artesáns de achegar o seu traballo ao público ao tempo que lle permite aos visitantes descubrir novos produtos, que se converten nunha boa opción como agasallos nestas datas de Nadal.  Ademais, os nenos e nenas poderán atopar nesta feira os máis diversos xogos tradicionais elaborados de xeito artesán.

Artenadal abre as súas portas na Praza da Soidade dende hoxe ata o 5 de xaneiro, agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro. O seu horario é de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova