Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Economía e Emprego presenta unhas ordenanzas fiscais adaptadas ao momento económico actual


# Luns, 22/12/2008
Conxélanse os principais impostos e bonifícase ás persoas dependentes

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, explicou a proposta para a aprobación definitiva das ordenanzas fiscais do 2009, que mañá irá ao Pleno do Concello.

Sonia Méndez explicou que o goberno local acordou unha reforma dirixida ao cumprimento dos obxectivos de creación de emprego e aliviar as cargas económicas dos lucenses que máis o necesitan.

A responsable de Economía explicou que as alegacións presentadas polo Partido Popular tiveron que ser desestimadas, algunhas delas por extemporáneas, "xa que deberan terse incorporado ao debate antes da aprobación inicial e non despois, o que indica improvisación e ausencia de ideas claras, e outras por ser contrarias ao noso obxectivo. O equipo de goberno marcouse como meta beneficiar á cidadanía que está a padecer as consecuencias da crise económica. Os populares, pola contra, propoñen baixar impostos aos que teñen máis ingresos económicos, por exemplo, aos que se lucran coa venda de inmobles (plusvalías) ou ás empresas de nova instalación que facturan máis de 1 millón de euros (IAE)".

Sonia Méndez recordou tamén que o Partido Popular criticou no Pleno a decisión do equipo de goberno de non subir un 26% o recibo da auga "nos recoñecemos que o estudo de costes fala dun incremento do 26%, pero dixemos dende o principio que a suba do recibo sería gradual. O Concello prefire asumir os costes, que repercutilo nun momento coma o actual no peto dos lucenses". A auga subirá só dous céntimos o metro cúbico.

Contención fiscal
Sonia Méndez explicou que por segundo ano consecutivo se conxelarán os principais impostos do Concello: Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Circulación (IVTM). "Con esta medida, que beneficiará a máis de 150.000 contribuíntes, os lucenses poderán aforrarán máis de 700.000 euros".
 
Grazas ás medidas de modernización da Facenda local e a boa xestión, a recadación do IBI en periodo voluntario aumentou en máis de 100.000 euros a pesar da conxelación. A recadación en fase voluntaria foi de 13.029.399 euros en IBI de urbana.

Bonificacións ás persoas dependentes
As ordenanzas do 2009 teñen en conta ás persoas dependentes que teñen menos recursos económicos: acordamos importantes reducións e exencións nas taxas polo servizo de axuda no fogar, comida no fogar, centros de día ou escolas infantís.

Ademais, estes servizos son os que máis aumentan nos presupostos do 2009, o que permitirá multiplicar o número de prazas.

- Taxa pola prestación do SAF: servizo que conta con 359 usuarios: coa nova tarifación, que deixa exentos aos usuarios que teñen renda persoal igual ou inferior ao IPREM, quedan exentos 313 usuarios, o 87%.

- Comida no fogar e centros de día: conxélase a tarifa

- Escolas infantís: bonifícase o 20% ás familias numerosas e aos que teñan irmáns no centro.

Fomento do emprego
O Concello apoiará a creación de emprego e axudará a consolidar as pequenas e medianas empresas.

Para isto acordou:
- A conxelación das licenzas de apertura de negocios
- A conxelación das tarifas do viveiro de empresas CEI-NODUS
- A bonificacións no imposto de actividades económicas para as empresas que contraten persoas desempregadas de xeito indefinido, "que teñan incrementado o promedio do seu plantel de traballadores con contrato indefinido, disfrutarán dunha bonificación igual ao devandito incremento promedio, cun máximo dun 25%, sobre as cotas fixas municipais, sempre que o devandito incremento sexa como mínimo do 10%, o plantel previo ao incremento sexa igual ou superior a 6 traballadores e os traballadores contratados estean empadroados no termo municipal de Lugo".

Imaxe da cidade e calidade da vivenda
Sonia Méndez lembrou que nos últimos anos Lugo mellorou considerablemente a súa imaxe, tanto no centro como nos barrios: urbanización de rúas e prazas, máis e mellores zonas verdes, etc.

Os particulares fixeron un esforzo de rehabilitación dos edificios, tramitándose importantes subvencións a través da empresa municipal do solo EVISLUSA. Foron tamén decisivos os beneficios fiscais e por iso para o 2009 amplianse a máis obras e a máis zonas.

- Bonificación para calquera obra que mellore a habitabilidade na zona PEPRI e na zona ARI: límite do Plan de vivenda
- Bonificación en toda a zona urbana e rural para elementos externos: ademais de fachadas, cubertas, fiestras, etc.
Aumentase a 50% a bonificación a favor de construcións, instalacións e obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo.

Aumenta tamén ao 50% a bonificación a favor de obras de accesibilidade.

Recibo da auga
A responsable de economía tamén quixo aclarar algunhas dúbidas relacionadas co recibo da auga. Aínda que os estudos dos técnicos do Concello aconsellan que o recibo da auga debería subir un 26% para cubrir os costes polas obras de mellora que sitúan a Lugo na lista das cidades con mellor infraestrutura de abastecemento de Europa, "para o equipo de gobernbo sería unha irresponsabilidade cara as familias levar a cabo esa suba nun ano de dificultades económicas. Pretendemos levar a cabo unha suba gradual a partires de 2010, no momento en que os veciños podan comprobar a mellora da calidade da auga. Por iso en 2009 o metro cúbico (mil litros) custará  só dous céntimos máis, pasando de 0,40 a 0,42. O PP, extranamente, aposta porque o goberno suba ese 26%".
 
Cobro por consumo real: "O goberno local ten a vontade de cobrar polo consumo real da auga, gravando máis o despilfarro para así primar o aforro de auga. Actualmente xa existen tramos que gravan máis aos que máis consumen".

Sonia Méndez dixo que o goberno manifestou en numerosas ocasións que o Concello non dispón de medios para facer as lecturas reais de todos os domicilios polo que é necesario crear unha empresa da auga, como teñen o 90% dos municipios de España, incluídos moitos de tamaño sensiblemente inferior ao de Lugo. Estanse a dar os pasos para a creación da empresa da auga.

Novas taxas
A Concelleira referiuse tamén ás novas taxas:

- Nova taxa por entrada museos: O incremento considerable do número de turistas grazas as actuacións levadas a cabo polo Concelllo debe ter consecuencias económicas beneficiosas para a nosa cidade. Lugo era unha das poucas cidades nas que non se cobraba pola entrada nos museos.  A partir de agora cobrarase unha taxa moi baixa de 2 euros (excepto Centro de Interpretación da Muralla que será 3 euros) e con tarifas reducidas para pensionistas a petición das asociacións de persoas con discapacidade.
- Nova taxa para as operadoras de telefonía mobil pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova