Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo entrega o título de Fillo Predilecto da cidade ao artista Blas Lourés


# Martes, 23/12/2008
Foi unha proposta de Alcaldía aprobada no pleno do pasado 1 de decembro

Don Xesús Blas Lourés, naceu en Lugo o 28 de novembro de 1926, na rúa Armanyá, cidade na que residiu ao longo da súa vida, no seno dunha familia que atendía un negocio de somieres na rúa Aguirre.

Foi mentres traballaba alí cando tivo os seus primeiros contactos con esa xente do agro galego que tanta presenza tería na súa obra posterior. E foi tamén alí onde se iniciou, da man involuntaria do seu pai, no camiño que o levou á pintura, xa que, co fin de que aprendera debuxo, mandouno á pasantía de Rafael Estrada, que era técnico en vidreiras artísticas.

A finais dese ano, Rafael Estrada seleccionouno para un concurso de pintura de ‘Educación e Descanso’, e ganouno. Estaba no xurado Xulia Minguillón que lle propuxo enviar o cadro a exposición nacional de Madrid.

Por aquel entón, a Deputación Provincial ofrecía unhas bolsas anuais en Madrid para que os novos lucenses con talento puidesen estudar e preparar o ingreso na Escola de Belas Artes de San Fernando. Blas Lourés viu nesas bolsas a súa gran oportunidade, conseguindo unha con Tino Prados e Tino Grandío.

En Madrid pasou moitas horas no Museo do Prado, admirando aos grandes mestres como Goya, Veermer e O Bosco.

Empezou a traballar a cabeza co Greco (figuras estilizadas), tamén lle influíu Gutiérrez Solana (caretas do Entroido), etc. Das súas etapas creativas destaca especialmente a vermella e a azul, na que se move dende fai anos.

No ano 1962, xunto con Pacios, Tino Prados, Juan Puchades Quilis, Antonio Estrada, López Guntín e Manolo Cancio -alumnos de don Rafael Estrada-, a pesar de que a nivel creativo non tiñan moito en común, forman a asociación Los Urugallos.

Exerceu como profesor de pintura e debuxo nos colexios do Sagrado Corazón e no Seminario Conciliar. Dende 1969 é profesor de pintura e debuxo na sociedade Círculo das Artes de Lugo, onde empezou con seis alumnos, o ano seguinte tiña 20 e o terceiro xa había 70.
Recentemente Blas Lourés mostrou no Círculo das Artes unha magnífica exposición antolóxica de toda a súa obra, na que se puido ver a coherencia da súa pintura.

A súa producción artística atópase en mans de coleccionistas particulares e en institucións como a Deputación Provincial, Concello de Lugo, Círculo das Artes, Banco Gallego, Caixa Galicia, Caixanova e Centro Galego de Madrid.

Dende 1995 está casado con Xosefina Álvarez, aínda que, neste caso, o termo esposa non abranga a inmensidade do que ela supón para o pintor. Xosefina encheu a súa vida e a súa obra, unha obra na que a presenza feminina era xa unha constante.

Di Miguel Olarte, na biografía publicada no catálogo da exposición ‘Blas Lourés, unha vida en chamas: Xuntar a un raparigo cun don especial para a pintura coa pintura mesma foi como prender lume á pólvora’.

Xesús Blas Lourés converteu nunha forma de vida a loita diaria por ser quen quería ser: un pintor de soños posibles e ambicións recortadas, un artista fiel ao seu talento.

Outros artistas opinan
Uxío Novoneyra di -en Santos 1974- que no cadro ‘Feiral de San Froilán’  Blas Lourés ‘pechouse para unha festa con todas as súas xentes luguesas/ é un cadro emocionante no qu’il quixo meter a todos/ para sempre a todos como querendo salvalos da posible desaparición da Galicia labrega’.

Escribe Xulio Valcárcel: Nunca se discutiu o talento creativo de Xesús Blas Lourés. A súa pintura foi aprezada desde o comezo. Outra cousa é que se valorase en toda a súa dimensión’.

Manuel María, en A Nosa Terra 1982 di: ‘Xesús  Blas Lourés era un mozo extraordinariamente delgado e lanzal. A nós sempre nos lembrou unha abidueira. O seu longo pescozo e a súa cara semellaban unha figura fuxida dun cadro de Modigliani. A súa personalidade física chamaba poderosamente a atención. Cos anos perdeu algo da súa lanza lía, engrosou e hoxe semella un deses penedos -pedras fitas- traballados polas choivas e luídas polos ventos, tan expresivos, que se poden contemplar en moitos montes galegos’.

Don Anxel Fole escribiu no Progreso o 20-3-77: ‘La firme y cálida pintura de Blas Lourés. Blas es un pintor silencioso y apartadizo. Trabaja y trabaja en la soledad de su estudio, sin muchas comunicaciones con los aficionados a tan difícil arte. Trabajó mucho, muy inteligentemente, para adquirir el dominio del oficio, la maestría que ahora se patentiza en sus obras. Siempre obsesionado por lo mismo: pintar con luminosa honestidad, sin trampa ni engaño para el contemplador. Siguió una trayectoria limpia y precisa de seguridad en el dibujo y el color’.

Darío Xoán Cabana, escribe: ‘Xesús Blas Lourés é un dos grandes pintores do noso tempo, é un home retraído, moi pouco afeccionado á púrpura e ó lauro, sempre elegante e desprendido. Porque este Blas Lourés é un grande. A súa xeración é a xeración dos pintores coetáneos de Novoneyra, de Manuel María, de Ferrín, e como esta foi e é unha grande xeración na literatura, aquela foi e é grande na pintura. A mellor xeira de pintores da historia de Galicia.”

           
 O Excmo. Concello Pleno, decidiu o pasado 1 de decembro, a proposta da Alcaldía, declarar Fillo Predilecto da Cidade de Lugo a don XESÚS BLAS LOURÉS, en atención aos innumerables méritos e circunstancias que concorren na súa persoa e o fan merecente desta distinción.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova