Cargando....
Concello de Lugo
29/03/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Unión Europea subvenciona con 25.000 euros a Oficina de Información Europea do Concello de Lugo


# Luns, 29/12/2008
Esta inversión reforzará as actividades de difusión dos proxectos laborais europeos

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou a ampliación da Oficina de Información Europea do Concello de Lugo que se puxo en marcha o pasado mes de xullo.

Esta oficina convertiuse nun proxecto pioneiro en toda Galicia co que o Concello de Lugo trata de dar resposta á demanda de información dos lucenses sobre aspectos relacionados co mercado laboral europeo e coa súa formación no estranxeiro.

Esta Oficina, ubicada no complexo CEI-NODUS, ofrece información relacionada coa mobilidade xeográfica, as prácticas laborais en empresas, e o emprego nos países da Unión Europea.

O obxectivo prioritario desta aposta do Concello é achegar a Unión Europea aos traballadores e traballadoras lucenses a través de distintas vías: de forma directa presencial cun técnico municipal, e mediante ferramentas informáticas que permitirán que calquera acceda a esta información a través de internet dende a súa propia casa.

A Concelleira anunciou que o ano que ven a actividade da oficina reforzarase grazas a unha subvención de 25.000 euros da Unión Europea para a realización de actividades de difusión. Méndez explicou que “se trata dunha moi boa noticia porque se poderá prosperar e continuar coa difusión dos programas de emprego da UE e dos beneficios que reportan aos participantes”.

O Concello pretende ofrecer á cidadanía a información máis completa posible sobre os recursos e servizos relacionados coas posibilidades de traballo na Unión Europea a través de diferentes medios: Os servizos de información básicos para o público xeral, coa creación dun sitio web, cun boletín electrónico, material audiovisual, material impreso, medios de comunicación e diferentes actos como charlas, conferencias…

A Concelleira indicou que dende o Concello de Lugo xa se están a poñer en marcha dende fai tempo programas europeos como Lugoqualitas, no que xa participaron 15 mozos e mozas lucenses realizando prácticas de 13 semanas en empresas de Italia e Polonia. “Esta experiencia permitiulles aprender outros idiomas e coñecer de primeira man o funcionamento das empresas europeas”.

A Oficina atópase aberta ao público de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas e de luns a xoves en horario de tarde de 16:30 a 19:30.

Coa actividade da Oficina de Información Europea consolídase o compromiso do equipo de Goberno co fomento do emprego e a súa aposta por unha formación de calidade. Ademais, a Concelleira recordou que para o equipo de López Orozco é prioritario dar a coñecer e achegar a Unión Europea á cidadanía lucense, e en especial aos mozos e mozas da cidade para que podan competir pola súa boa formación.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova