Cargando....
Concello de Lugo
15/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O programa europeo Lugo emprego activo comeza as actividades de formación e revitalización do mercado laboral


# Venres, 02/01/2009
Conta cun investimento de máis de 2 millóns de euros

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou hoxe o inicio do prazo de inscrición na primeira fase das accións formativas que inclúe o proxecto europeo Lugo, emprego activo.

O Concello de Lugo vai a realizar unha forte aposta en políticas de fomento do emprego ao longo do ano 2009, para tratar de paliar os efectos da crise entre os lucenses. Ademais de incentivar a implantación de empresas, conxelar impostos e reactivar o traballo en sectores con dificultades mediante a contratación de obra pública, o equipo que dirixe Sonia Méndez porá en marcha programas de formación e reciclaxe de persoas en paro.

O Espazo>Lab, inaugurado en setembro no CEI, acollerá distintos programas para activar e facilitar o acceso ao mercado laboral dos lucenses que o precisen. Entre eles está Lugo, emprego activo, no que se investirán 2.352.766 euros, o 80% procedente de Fondo Social Europeo, e que vai dirixido a un total de 300 beneficiarios.

Lugo, emprego activo é un plan integral de inserción sociolaboral no que a través de itinerarios personalizados, capacítase ás persoas beneficiarias para integrarse de maneira máis eficaz no mercado de traballo. No programa inclúense melloras de habilidades, búsqueda de emprego, talleres, accións formativas, prácticas en empresas, e todo iso baixo a orientación, titorización e intermediación laboral ao longo de todo o proceso.

O prazo para inscribirse estará aberto dende o 2 de xaneiro ata o 2 de febreiro, nas 10 accións formativas da primeira fase do programa. As materias foron seleccionadas atendendo ás demandas do mercado laboral e das empresas lucenses.

-           Auxiliar de Axuda a domicilio ( 445 horas )
-           Monitor de actividades de tempo libre para persoas discapacitadas ( 275 horas)
-           Auxiliar de enfermería en hospitalización ( 675 horas )
-           Auxiliar de enfermería en xeriatría (300 horas)
-           Monitor de transporte escolar adaptado ( 200 horas )
-           Mecánico de vehiculos lixeiros ( 850 horas )
-           Instalador de equipos e sistemas de comunicación ( 690 horas )
-           Electricista industrial ( 610 horas )
-           Instalador de sistemas de enerxía solar térmica (330 horas )
-           Procesador de cátering (500 horas )

Dirixido a persoas paradas
Nesta primeira fase de Lugo, emprego activo, serán 150 os beneficiarios. Con carácter xeral poderán participar no proxecto, as persoas que se atopen inscritas como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego, con prioridade para os empadroados no concello de Lugo.
Prestarase especial atención aos colectivos que teñen máis dificultades para atopar emprego como a mocidade, os maiores de 45 anos, desempregados de longa duración e outros colectivos en risco de exclusión social.

Prazo e lugar de presentación das solicitudes
As bases de selección e os impresos de solicitude estarán a disposición das persoas interesadas no Espazo>lab, Centro de Orientación Laboral do Concello de Lugo, situado na Avenida da Coruña , 490 (antigo cuartel de Garabolos), na Oficina de participación cidadá na  Ronda da Muralla, e no portal web do Concello. As inscricións deberán presentarse no Rexistro Municipal.

As persoas admitidas percibirán unha beca de asistencia por unha contía mensual non superior ao 75 por cento da fixada para o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM). Esta beca será compatible coa percepción da prestación do subsidio por desemprego, así como con outras axudas públicas para a mesma finalidade, se ben o conxunto das rendas percibidas polo beneficiario da axuda  por estos conceptos, incluído o importe da beca non poderá superar o 75 % da contía indicada para dito indicador.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova