Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Os Reis Magos chegan a Lugo cunha cabalgata chea de novidades


# Luns, 05/01/2009
Melchor, Gaspar e Baltasar sairán ás 18:00 horas do parque de Frigsa para encher de maxia e ilusión as rúas da cidade

Como cada ano, os Reis Magos chegan nesta tarde do día 5 de xaneiro a Lugo, cunha cabalgata que se converteu xa no acto máis agardado polos lucenses dentro do programa das festas de Nadal que organiza a Concellería de Cultura, dirixida por Concepción Burgo.

 

Esta tarde, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á cidade nunha comitiva que contará con numerosas sorpresas e novidades, e na que participarán seis carrozas, de nove metros de longo. Catro destas carrozas, ás correspondentes ás Maxestades de Oriente e aos paxes, son do Concello. As outras dúas pertencen á Federación de Comercio e ao centro comercial As Termas.

A comitiva real contará tamén cun animado acompañamento, entre o que haberá un zancudo e varios ronquiños, unha especie de vermes mecanizados sobre os que irán montados os trasnos.

 

A cabalgata sairá hoxe, día 5 de xaneiro, ás 18:00 horas, do parque de Frigsa, e manterá o seu percorrido habitual saíndo por Monte Faro, pasando pola Avenida da Coruña, Porta de San Fernando, Praza do Ferrol, rúa San Marcos, Praza de Santo Domingo e rúa da Raíña ata chegar á Praza Maior en torno ás 19:00 horas.

 

Dende as 18:00 horas, a Banda Municipal de Música amenizará a espera dos asistentes á cabalgata cun concerto na Praza Maior.

 

Unha vez que as Maxestades de Oriente cheguen á Praza Maior, serán recibidas polo Alcalde, José López Orozco, e a Corporación municipal na Casa do Concello. O Rei Melchor será o encargado de pronunciar un discurso ante todos os nenos e os nenas da cidade, aos que finalmente recibirán para escoitar as súas peticións e facerlles un agasallo, como adianto aos que se atoparán mañá.

 

No seu percorrido polas rúas da cidade, a comitiva real repartirá máis de 800 quilos de caramelos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova