Imprimir

A CORPORACIÓN LUCENSE PARTICIPA EN FERROL NA TRADICIONAL CELEBRACIÓN DE SANXILLAO QUE ESTE ANO É NO TEATRO JOFRE


8/1/2009 Un ano máis o Alcalde e algúns representantes municipais asisten a esta celebración que coincide coa entrega dos galardóns Ferroláns do ano

O Alcalde de Lugo pediu o fin do conflito na franxa de Gaza “precisamos unha paz global”

Ferrol recoñece coas súas máximas distincións a labor de José Luis Pego e do Proxecto Esmelle e á poetisa Julia Uceda como Filla Adoptiva

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado por unha parte da Corporación municipal lucense, participou en Ferrol no programa de actos da festividade de San Xiao, que este ano se celebra no Teatro Jofre.

Coincidindo con esta data, o Concello nomeou Filla Adoptiva da cidade á escritora sevillana Julia Uceda e fixo entrega da distinción de Ferrolán do Ano ao Director Xeral de Caixanova, José Luis Pego Alonso, e a Insignia de Ouro da cidade, ao Proxecto Esmelle.

Esta celebración serve ademais para reeditar o pacto de irmandade que une ás cidades de Lugo e Ferrol dende hai oito anos de xeito oficial, e oficioso dende hai máis dun século.

O acto institucional comezou coa recepción da comitiva lucense e os homenaxeados desta edición polo Alcalde ferrolán Vicente Irisarri. Logo do recibimento oficial, asinaron no Libro de Ouro do Concello para deixar constancia do seu paso pola cidade. Un momento que aproveitou o rexedor ferrolán para agradecer a presenza das autoridades lucenses nunha das xornadas máis importantes do calendario festivo local. Tamén a estreita colaboración que existe entre ámbalas dúas cidades dende hai anos, e que se viu reforzada tras o irmandamento que tivo lugar no 2000.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, suliñou a importancia simbólica deste irmandamento entre dous pobos irmáns “o mundo debería convivir e respectarse como nós o facemos. O mundo necesita unha paz global que poña fin a confitos tan inhumanos como o que se está a vivir nestes momentos na franxa de Gaza”.

As cidades de Lugo e Ferrol están irmandadas dende hai oito anos, pero o costume de que os lucenses visiten a cidade naval vén de lonxe. Concretamente de 1906, cando se celebraron uns eventos musicais primeiro en Ferrol, no Teatro Jofre, e logo en Lugo. Máis tarde, coa entrada en funcionamento do ferrocarril en 1913, xeneralizáronse estas excursións ata hoxe, no que as dúas urbes teñen por tradición reunirse co gallo dos patróns das súas cidades: San Froilán, no caso de Lugo, e San Xiao, no de Ferrol.

López Orozco tamén lle pediu ao mandatario ferrolán “un traballo conxunto para mellorar o ferrocarril en Galicia”.

Na intervención do Alcalde lucense, tamén houbo un guiño á cultura de Lugo “Eu reclamo que un Día das Letras Galegas a Real Academia decida dedicarllo a un escritor tan insigne como o lucense Uxío Novoneyra. Traballaremos por iso”. O responsable ferrolán tamén pediu na súa intervención ese día para Carvalho Calero.

Filla Adoptiva
O pasado 23 de decembro, o Pleno acordaba conceder por unanimidade o título de Filla Adoptiva á escritora Julia Uceda. Un dos recoñecementos máis significaticos da cidade naval especialmente pola súa carga emocional. E, é que foron moitos os cidadáns e cidadás, tanto a título individual como en representación dos diversos colectivos e entidades existentes na urbe, que presentaron as súa adhesión a esta iniciativa.

Nacida en Sevilla en 1925, Julia Uceda realizou na capital andaluza os seus estudos de Filosofía e Letras, doutorándose cunha tese sobre o poeta José Luis Hidalgo. Como profesora universitaria exerceu na Universidade de Cádiz. Pouco despois obtivo a cátedra de Literatura Española na Universidade de Sevilla. Xa en 1965 trasládase a Estados Unidos, onde impartiu clases de literatura na Michigan State University. Máis tarde, en 1973, fixou a súa residencia en Galicia, concretamente en Ferrol, onde se sentiu sempre ben acollida. Tamén chegou a pasar dous anos da súa vida na cidade irlandesa de Ardee.

Distinguida co Premio Nacional de Poesía, Julia Uceda é autora dunha obra rigorosa e intensa iniciada en 1959, que comprende un total de sete libros reunidos en 2002 baixo o título “En el viento, hacia el mar”.  Unha antoloxía que lle serviu para acadar o Premio Nacional de Poesía. Así mesmo, “Extraña Juventud” foi tamén distinguida cun accésit do Premio Adonais de poesía.

Ferrolán do Ano
Na mesma sesión plenaria na que Julia Uceda era nomeada Filla Adoptiva se acordaba conceder tamén por unanimidade a distinción de Ferrolán do Ano ao Director Xeral de Caixanova, José Luis Pego Alonso. Este galardón outórgase a aquelas persoas ou entidades que destacan especialmente en calquera das ramas do saber humano e cuxas iniciativas, esforzos ou feitos proxectan vinculación con Ferrol ou significan unha promoción dos intereses sociais, económicos e culturais do municipio e dos seus veciños e veciñas.

Este é o caso de José Luis Pego, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, o actual director de Caixanova ingresaba en 1985 na Caixa de Aforros Municipal de Vigo, estando ligada a súa traxectoria profesional dende entón a esta entidade e, logo, á actual Caixanova, froito da fusión das Caixas de Aforro de Vigo, Ourense e Pontevedra. Alí desempeñaría diferentes postos de responsabilidade nas áreas de Planificación e Estudos; Márketing e Publicidade ou Comunicación e Relacións Públicas, entre outras. Ata o ano 2006, cando é nombrado Director Xeral da entidade bancaria, posto que ocupa na actualidade.

José Luis Pego Alonso, ferrolán do barrio de San Xoán, é galardoado pola súa decisiva contribución e labor a favor do desenvolvemento da cidade. Unha labor que exerce con responsabilidade dende o seu posto como director de Caixanova. Unha entidade que está a contribuir de xeito decisivo no desenvolvemento cultural e social da cidade de Ferrol a través da súa Obra Social. Non só iso, e xa como entidade financieira, Caixanova participa activamente na dinamización económica da cidade a través da súa implicación directa nos convenios de rehabilitación dos cascos históricos, entre outras accións.

Insignia de Ouro
Tamén se acordou conceder a Insignia de Ouro da cidade ao Proxecto Esmelle, un plan de recuperación do patrimonio material e inmaterial desta parroquia ferrolá posto en marcha no ano 2003 pola Asociación de Veciños “Val de Esmelle”. O obxectivo pasa por recuperar o patrimonio e dotalo de determinados servizos cara ao turismo, pero sempre respectando a súa arquitectura e a función primitiva.

O Concello de Ferrol concede esta distinción como recoñecemento público das persoas ou entidades que durante o tempo viñeron desenvolvendo unha actividade altruísta en favor dos demáis ou que teñen un labor ou mérito merecente de premio pola súa utilidade pública e social.

O Concello de Ferrol recibiu de mans do Alcalde de Lugo unha figura de cerámicas Regal.

Finalizada a entrega de distincións, tivo lugar a tradicional degustación de arroz con leite, antes do xantar no Parador

Intervención do Alcalde de Ferrol
Ferrol, 7 de xaneiro de 2009

Excelentísimo alcalde de Lugo, excelentísima corporación municipal de Lugo, compañeiras e compañeiros de corporación de Ferrol, señoras e señores homenaxeados, excelentísimas e ilustrísimas autoridades e señoras e señores, bos días a todos.

Como cada ano, a celebración de San Xiao, patrono de Ferrol, nos permite estreitar os fortes lazos de amizade que mantemos co Concello de Lugo. Con tal motivo, quero, en primeiro lugar, dar a máis cálida benvida á nosa cidade ao alcalde e aos concelleiros da capital lucense. Ferrol e Lugo reeditan así un encontro entre ambas cidades que se repite xa dende hai máis dun século e que se veu a consolidar no ano 2000, co irmanamento entre ambos municipios. E, para os ferroláns e as ferrolás, é un orgullo contar na nosa casa cos nosos irmáns de Lugo nun día como hoxe. O día grande de Ferrol. Un día no que concedemos tradicionalmente as máximas distincións da nosa cidade: a de Ferrolán do Ano e a Insignia de Ouro da Cidade. E que ten, neste recén iniciado 2009, un valor engadido, xa que tamén recoñeceremos oficialmente hoxe a especial vinculación con Ferrol da Premio Nacional de Poesía, Julia Uceda, coa concesión do título de Filla Adoptiva da Cidade. Sen dúbida, é hoxe un día moi relevante e entrañable, dese tipo que só se pode compartir entre irmáns.
Pero tamén confío en que a vosa estancia na nosa cidade nos dé a oportunidade de multiplicar os intercambios, reforzar o diálogo e compartir experiencias. Porque esa actitude de colaboración e cooperación entre administracións, entre cidades, entre cidadáns, define dende hai tempo o carácter e a visión coa que os ferroláns e as ferrolás queremos afrontar o noso futuro.

Unha relación próxima na que están a xogar un papel decisivo as infraestructuras de comunicación. Precisamente hai poucos días, a Xunta de Galicia, coa conselleira de Política Territorial, María José Caride, á cabeza, inauguraba o penúltimo tramo da autovía Ferrol-Vilalba, achegando se cabe máis ambas cidades, que xa case se tocan, facilitando a vertebración do Norte de Galicia e mellorando a conexión co resto do territorio nacional, cara o sur coa Meseta e cara o norte coa Trascantábrica, que nos unirá a Asturias, Cantabria, País Vasco e Francia. Sen dúbida, o próximo outono con esta autovía rematada, visitar Lugo será como dar un paseo e permitiránnos deixar definitivamente atrás o secular aillamento de Ferrol por estrada. Pero o futuro, nestes momentos de incertidume económica, tamén pasa por acelerar a chegada do AVE e do ferrocarril de mercadorías ao porto exterior e, como non, por consolidar un tecido empresarial diversificado a través da xeneración de solo industrial. E concretamente para este obxectivo, temos boas novas, pois o último Consello do ano da Xunta de Galicia aprobou, tras máis dun lustro de trámites administrativos e resolución de alegacións urbanísticas e ambientais, o parque empresarial e loxístico de Leixa. Aprobación que permitirá avanzar no camiño para convertir en realidade o proxecto, fixando para a primavera o prazo para o inicio de obra. Dende logo, ese primeiro parque empresarial do Concello é unha ferramenta clave para diversificar a nosa industria e, aínda máis lonxe, a nosa economía. E o noso optimismo se basa en tres razóns.

A primeira, porque a condición sine quanom para conseguilo, que consiste en dispor das infraestructuras adecuadas, se está a cumplir. A segunda, porque o noso sector básico, a industria naval, atravesa un bo momento,  con carteira de pedidos de enxeñería de deseño e carteira de producción ata 2014. E, a terceira, pola unión, por primeira vez en anos, de sindicatos e empresarios ao redor do chamado Plan Ferrol, instrumento que no período 2007-2013, periodo na nosa opinión suficientemente longo, coordina as políticas de desenvolvemento na zona.

Convén aclarar tamén o significado que lle queremos dar hoxe en Ferrol á diversificación económica. Cando falamos de “diversificar” non nos estamos referindo a facelo exclusivamente no sector industrial. Pois sen esquecernos dese sector primario ligado ao marisqueo nunha ría próxima a sanearse integralmente que pode chegar a ser moito máis productiva, estamos pensando sobor de todo no sector terciario. É este o gran desafío para a próxima década: Os servizos ligados á loxística, o turismo, a sanidade e a universidade.

Concretamente Ferrol debe conquistar a cuota que merece no mercado do sector turístico. E ten sobrados elementos para iso: a súa riqueza patrimonial histórica que pode convertilo en Patrimonio da Humanidade, e temos hoxe con nós o exemplo de Lugo, e o seu patrimonio natural, que pode ofrecer elementos singulares ao turismo de natureza, deportivo e de aventura, modalidades hoxe en continuo crecemento. Neste sector temos, tamén, os recursos necesarios e un Plan de Dinamización Turístico en marcha que potenciará un rápido desenvolvemento, xunto a Empresa Mixta de Turismo do noso Concello.

Comentaba ao inicio da miña intervención a confianza no diálogo e na colaboración entre administracións de cara á consecución de obxectivos comúns e non querería deixar pasar esta oportunidade sen solicitar o respaldo do Concello de Lugo, ao longo deste 2009, para un dos obxectivos que se plantexa Ferrol en materia cultural para o 2010. Conseguir que a Real Academia Galega adique o Día das Letras Galegas ao autor e investigador ferrolán Ricardo Carvalho Calero no ano no que conmemoraremos o centenario do seu nacemento e as dúas décadas do seu pasamento. Un merecido recoñecemento para unha figura senlleira, indispensable da cultura galega do século XX. Os ferroláns e as ferrolás estamos convencidos que nese anhelo obteremos o apoio da nosa cidade irmá, como estamos convencidos de que unidos, calquer reto está máis preto.

E falando de retos e de desexos, dende esta privilexiada terra onde temos a enorme fortuna de vivir en paz, quixera, tan clara como humildemente, alzar a voz para pedirlle ás Nacións Unidas que faga todo o que sexa necesario para deter o conflicto bélico en Palestina. Por razóns de xustiza e de humanidade.

Remato esta miña primeira intervención e como mostra de afecto e agradecemento pola súa visita, teño a satisfacción de facerlle entrega ao alcalde de Lugo, Xosé Orozco, dun recordo deste acto.

Un ano máis, o Concello de Ferrol recoñece os méritos daquelas persoas e institucións que teñen destacado especialmente pola súa contribución á construción dunha cidade culta, emprendedora, próspera e atractiva, e á proxección da súa imaxe no exterior.
Señor Secretario, proceda por favor á lectura do acordo de concesión do título de Filla Adoptiva de Ferrol a dona Julia Uceda Valiente