Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Muralla Romana de Lugo viaxará por todo o mundo


# Xoves, 08/01/2009
A idea naceu a proposta do Alcalde de Lugo logo de ver camións lucenses polas rúas de Europa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou hoxe na presentación dos camións que a empresa lucense Transportes Valín rotulou coa imaxe da Muralla Romana de Lugo e que percorrerán boa parte do mundo exportando o emblema que define a capital lucense.

Son 40 traillers de máis de 17 metros de longo, que fan traxectos nacionais e internacionais e que a partir de agora levarán o nome de Lugo, o símbolo da muralla e a marca E para comer, Lugo que promociona a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo que participa neste proxecto.

A idea naceu a proposta do Alcalde de Lugo quen nunha reunión lle plantexou a Eduardo Valín, responsable da empresa, a posibilidade de que os seus camións, que viaxan por todo o mundo, levasen con eles a imaxe do monumento romano lucense.

O Alcalde de Lugo agradeceu esta aposta dunha empresa privada “que de xeito altruísta decide promocionar a nosa marca, a marca de todos os lucenses, Lugo con maiúsculas, por todo o mundo”.

Transportes Valín asumiu todos os custos da iniciativa que inclúe un vinilo coa imaxe da muralla, o recoñecemento Patrimonio da Humanidade e o enderezo do portal web do Concello de Lugo: www.lugo.es

A imaxe da Muralla, percorrerá así países como Alemaña, Francia, Italia, Bélxica e o territorio nacional.

Os camións de transporte frigorífico levarán ademais a marca E para comer, Lugo que promociona a Asociación de hostaleiros de Lugo e que se refire a unha das grandes execelencias da provincia: a súa gastronomía.

Transportes Valín
A empresa púxose en marcha no ano 1973, fundamentalmente orientada á mercadoría de baixa temperatura.  Polo ano 1984, traslada as súas instalacións a unhas maiores comezando a consolidarse como unha empresa con mentalidade de futuro.

No ano 1995 a empresa inaugura a súa nova sede con 18.000 m2 dos cales 4.000 son cubertos. Un ano máis tarde, amplía os seus servizos cunha nova sección incorporando unidades de transporte de aves vivas.

Unha campaña de similares características, para promocionar a Muralla lucense, tivo lugar no ano 2005 con esta mesma empresa, pero tratouse dun proxecto menos ambicioso.  O obxectivo final é atraer o maior número de visitantes á cidade e sobre todo dar a coñecer o nome, marca desta provincia, Lugo.

No acto estiveron presentes o Voceiro do Equipo de Goberno, José Rábade, o responsable da Empresa Transportes Valín, Eduardo Valín, o Presidente da Asociación provincial de Empresarios da Hostalería, Francisco Real, o Vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao e o delegado de Industria, Ramón Cortés, así como algúns membros da Corporación Muncipal.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova