Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

POLÍTICA TERRITORIAL LICITARÁ ESTE ANO AS OBRAS DO NOVO AUDITORIO DE LUGO, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE 15 MILLÓNS DE EUROS


# Venres, 09/01/2009
A proposta escollida configura o edificio como fachada urbana-mirador cara a avenida de Magoi

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e maila conselleira de Política Territorial, María José Caride, presentaron hoxe o anteproxecto do equipo Paredes Pedrosa Arquitectos S.L. , gañador do concurso de ideas

 

O edificio contará cun gran salón de actos con aforo para 900 persoas

 

Lugo, 9 de xaneiro de 2009.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes licitará este mesmo ano as obras de construción do  novo Auditorio de Lugo, unha actuación que suporá un investimento estimado de 15 millóns de euros e que dotará á cidade dun equipamento cultural de primeiro orde.

 

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e maila conselleira de Política Territorial, María José Caride, presentaron hoxe o anteproxecto que resultou gañador do concurso de ideas e que recaeu en Paredes Pedrosa Arquitectos S.L.. Ademais de elaborar o proxecto definitivo, este equipo de profesionais recibiu un premio de 50.000 euros.

 

Unha vez resolto o concurso, a CPTOPT está realizando os trámites administrativos correspondentes para formalizar co equipo gañador a firma do contrato (no que se concretarán os prazos para a elaboración do proxecto final do Auditorio) e, posteriormente, procederase a licitar e adxudicar as obras. A Consellería financia os traballos cun total de 13,4 millóns de euros mentres que o Concello de Lugo contribuirá á súa construción con 1,2 millóns. Así mesmo, tal como se recolle na addenda ao convenio asinada hoxe entre a conselleira María José Caride e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, o Concello deberá tramitar todas as licencias e permisos necesarios para acometer os traballos e, unha vez rematada a obra, asumirá a titularidade do Auditorio polo que será o encargado do seu mantemento, conservación e xestión.

 

Características técnicas

Canto ao deseño arquitectónico, o novo Auditorio configúrase como unha fachada urbana que fai de mirador cara a avenida de Magoi e que establece un xogo de volumes con varios espazos construídos que se vinculan a outros exteriores e que se complementan cunha zona axardinada. Todo o conxunto ocupará unha superficie de 9.000 m2. A proposta que finalmente se levará a cabo destaca pola súa integración urbana, a versatilidade e a flexibilidade de usos xa que permite unha utilización independente e simultánea dos diversos espazos. Os materiais empregados para o exterior serán o formigón branco visto pulido en zócalos, aceiro e vidro no muro de cortina e cinc na cuberta pregada.

 

No que atinxe á organización funcional, o edificio divídese en catro niveis. No nivel 0 estarán as áreas destinadas a exposicións e congresos e no nivel 1 os escenarios das dúas salas e a área administrativa. O nivel 2 acollerá o vestíbulo-mirador así como os accesos principais ás salas, á escola de música e á mediateca.. O nivel 3 albergará a escola de música, a mediateca e o restaurante (que disporá dunha terraza exterior e terá tamén un acceso independente dende o xardín).

 

O auditorio contará cun gran salón de actos con aforo para 910 persoas e outra sala menor destinada a representacións teatrais, concertos e conferencias con aforo para 310 persoas. As dúas salas foron deseñadas de tal forma que se lle saca o máximo partido ás condicións orográficas do terreo. Así, as salas apóianse na propia ladeira e as súas gradarías continúan o perfil natural do terreo e aproveitan a luz natural que entrará polos ventanais. Outro aspecto salientable é que, ao contar con cerramentos deslizables, cabe a posibilidade de que os escenarios poidan ser usados para teatro ou para concertos en función das necesidades. Os teitos das salas están proxectados en madeira e vidro.

 

O acceso principal (que será a través do nivel 2) configúrase coma un lugar de encontro entre as dúas salas e o xardín. Así mesmo, o Auditorio disporá dun aparcamento totalmente independente –configurado en dúas plantas- con 320 prazas.

 

SALÓN DE ACTOS GRANDE

-Capacidade total: 910 prazas (entre patio de butacas e anfiteatro)

-Superficie total do escenario para ópera: 525 m2

-Superficie do escenario para concertos sinfónicos: 235 m2

-Superficie foso de orquestra: 75 m2

-Ancho de butacas: 55 cm.

-Área de artistas composta por: 3 camerinos individuais, 2 camerinos triplos, 2 camerinos colectivos e 2 vestiarios de técnicos.

-Área de almacenaxe para pianos e resto de instrumentos.

-Área de premontaxe de escenario e taller

-Contrafoso

-Zona de carga e descarga

 

SALA PEQUENA

-Capacidade total: 310 prazas

-Superficie total do escenario para teatro: 202 m2

-Superficie escenario para concertos: 147 m2

-Ancho de butacas: 55 cm.

 

ÁREA PARA CONGRESOS E EXPOSICIÓNS

-4 aulas (de 50 prazas cada unha)

-Área de exposicións: 500 m2

-Area de información: 50 m2

 

ESCOLA DE MÚSICA:

-Área administrativa

-4 aulas con almacén para instrumentos

 

MEDIATECA:

-Sala de lectura e consulta

-Área de información e préstamos

-Arquivos

-Sala de proxeccións

-Cabinas individuais

 

USOS PÚBLICOS COMÚNS:

-Información e venta de entradas

-Roupeiro

-Área comercial

-Cafetaría

-Restaurante

-Aseos

 

ÁREA ADMINISTRATIVA:

-Recepción

-Despachos

-Sala de reunións

-Arquivo

 

Obras significativas do equipo gañador

O estudo gañador do concurso, Paredes Pedrosa Arquitectos S.L., ten entre os seus recoñecementos o prestixioso premio internacional para xoves arquitectos Europan II. Este estudo madrileño deseñou, entre outros importantes traballos, o Teatro Valle Inclán de Madrid, o Centro de Congresos de Murcia, o Museo Arqueolóxico de Almería ou bibliotecas públicas en Madrid, Córdoba e Ceuta.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova