Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Preto de 200 rapaces e rapazas participarán nas VI Xornadas de achegamento ao tear tradicional e artesanía da lá


# Luns, 12/01/2009
A actividade organizada polo Concello de Lugo pretende fomentar o coñecemento das tradicións galegas entre os máis novos

A Concellería de Muller e Benestar Social, que dirixe Carmen Basadre, organiza para a vindeira semana as VI Xornadas de achegamento ao tear tradicional e artesanía da lá. Esta actividade, que terá lugar entre as 9:30 e as 13:00 horas do 19 ao 23 de xaneiro no Centro Social Municipal de Fingoi, está dirixida a nenas e nenos de 4º, 5º e 6º  de primaria.

O obxectivo é contribuir ao fomento do valor da cultura galega favorecendo ao coñecemento das tradicións e contribuir a preservalas entre os máis novos. Ademáis o Concello de Lugo pretende establecer vínculos de colaboración sociocultural permanentes entre os Centros Sociais e o resto de institucións implicadas no desenvolvemento da poboación neste eido.

Un total de 186 alumnos e alumnas de cinco centros educativos da cidade participarán na demostración das distintas tarefas que os seus antepasados realizaban para elaborar prendas de vestir e de enxoval doméstico a partir de materiais que se producían en Galicia como a lá ou o liño. Ademais poderán coñecer utensilios, materiais, aparellos e prendas de vestir utilizadas noutros tempos.

Para a realización destas xornadas contarase con teares tradicionais, devadoira, tear de fleques, máquina de fiar, mazorqueiro, urdideira, teares de alto lizo, rastelo, así como diferentes utensilios como rocas, fusos, cardas, parafusa, ripio, etc, así como prendas elaboradas no tear, tanto antigas como modernas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova