Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo Cultural celebrará un concerto do ciclo Lubicán todos os cuartos xoves de mes 


# Mércores, 14/01/2009
Comezarán o día 22 coa actuación de Uxía, no Círculo das Artes, para presentar o seu novo disco "Eterno navegar"

O Convenio Lugo Cultural continuará o xoves 22 de xaneiro cun novo ciclo de concertos da serie Lubicán, cos que se pretende achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.

Dende agora, o ciclo desenvolverase todos os cuartos xoves de mes entre xaneiro e maio e entre outubro e decembro. Haberá representantes de estilos tan diversos como folk, rock, pop, jazz, canción protesta e cantautores.

Nesta cita musical mensual, varias formacións se presentarán ante o público lugués, como Uxía, coa que se inicia o ciclo, e que na presentación do seu disco ‘Eterno navegar’ estará acompañada por Quine, Xacobe Martínez, Santiago Cribeiro e Paulo Borges. O concerto comezará ás 21:00 horas no Círculo das Artes. No mes de febreiro continuará co Trío Vaamonde. Ophiusa actuará en marzo e Abraham Boba, no mes de abril. O 21 de maio o Lubicán acollerá a presentación do novo traballo de Pepe Vaamonde, Intro Terra. Despois do verán, está prevista a actuación do grupo lugués Kentokaki, no mes de decembro, e que pecharán o ciclo.

Este ciclo foi presentado polos representantes das cinco entidades que integran o Convenio Lugo Cultural,  a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo; a Vicerreitoría de Cultura da USC, con Elías Torres;  a Xunta de Galicia, co delegado de Cultura Xoán Xosé Molina; a Deputación Provincial, co asesor técnico de Cultura e Deporte Eduardo Fernández Abel, e a Fundación Caixa Galicia, co seu xerente Sinesio Pérez, ademais da presenza da artista Uxía.

A intención de Lugo Cultural con este ciclo e ofrecer estabilidade á programación atendendo sempre á diversidade, tal e como comentou o vicerreitor.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova