O Convenio Lugo Cultural continuará o xoves 22 de xaneiro cun novo ciclo de concertos da serie Lubicán, cos que se pretende achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
Dende agora, o ciclo desenvolverase todos os cuartos xoves de mes entre xaneiro e maio e entre outubro e decembro. Haberá representantes de estilos tan diversos como folk, rock, pop, jazz, canción protesta e cantautores.
Nesta cita musical mensual, varias formacións se presentarán ante o público lugués, como Uxía, coa que se inicia o ciclo, e que na presentación do seu disco ‘Eterno navegar’ estará acompañada por Quine, Xacobe Martínez, Santiago Cribeiro e Paulo Borges. O concerto comezará ás 21:00 horas no Círculo das Artes. No mes de febreiro continuará co Trío Vaamonde. Ophiusa actuará en marzo e Abraham Boba, no mes de abril. O 21 de maio o Lubicán acollerá a presentación do novo traballo de Pepe Vaamonde, Intro Terra. Despois do verán, está prevista a actuación do grupo lugués Kentokaki, no mes de decembro, e que pecharán o ciclo.
Este ciclo foi presentado polos representantes das cinco entidades que integran o Convenio Lugo Cultural, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo; a Vicerreitoría de Cultura da USC, con Elías Torres; a Xunta de Galicia, co delegado de Cultura Xoán Xosé Molina; a Deputación Provincial, co asesor técnico de Cultura e Deporte Eduardo Fernández Abel, e a Fundación Caixa Galicia, co seu xerente Sinesio Pérez, ademais da presenza da artista Uxía.
A intención de Lugo Cultural con este ciclo e ofrecer estabilidade á programación atendendo sempre á diversidade, tal e como comentou o vicerreitor.