Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentada a maqueta da futura sede do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo


# Martes, 20/01/2009
A exposición Espacio Cetal mostra as 43 propostas presentadas polos arquitectos ao concurso de proxectos

Imaxe Asociada CETAL

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o director xeral do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, Enrique Rei, e o subdelegado do Goberno, Jesús Otero,  patrón da Fundación CETAL, entregaron os premios correspondentes ao concurso de proxectos para a futura sede do centro: Jacobo Bouzada Jaureguízar (gañador, 16.000 euros), Marcos Parga e Idoia Otegui (2º premio, 8.000 euros), e Jorge Meijide e Fernando Martínez (3º premio, 4.000 euros).


A entrega de premios foi o prólogo da inauguración da exposición ESPAZO CETAL, que recolle os 43 proxectos presentados ao concurso. A mostra, que se poderá visitar nas próximas tres semanas no Centro Sociocultural Uxío Novoneyra, inclúe a maqueta elaborada polo arquitecto gañador. O proxecto de Jacobo Bouzada destaca pola súa versatilidade para poder adaptalo á demanda de servizos do CETAL e a súa integración coa contorna.


"Esta exposición define o momento de pór en público as propostas que se consideraron de interese para o deseño do ESPAZO CETAL e ao mesmo tempo queremos que sexa tamén un punto de inflexión para empezar a presentar as diversas propostas que imos desenvolver desde a Fundación CETAL para encher ese espazo interiormente con proxectos e iniciativas de interese para o sector agroalimentario", explicou Enrique Rei, director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo.


O complexo deseñado por Bouzada terá unha estrutura modular que lle permita ir crecendo cando se incremente a actividade do centro, que se situará no barrio de San Fiz, nunha parcela cedida polo Concello de Lugo. As unidades administrativas e tecnolóxicas do edificio serán as primeiras en estar operativas. As zonas dedicadas á investigación e as plantas piloto situaranse en cubículos que serán ocupados de forma independente, do mesmo xeito que os laboratorios asociados ás diferentes liñas de traballo.

”Valórase a rotundidade da imaxe, así como os mecanismos desenvolvidos na sesión do edificio para a iluminación e ventilación dos distintos espazos”, indica o acta do xurado, que tamén destaca “a separación dos distintos espazos técnicos e administrativos”.

A proposta de Jacobo Bouzada enriquece a contorna urbana ao liberar o maior espazo axardinado posible, concentrando todo volume no extremo sur para ocultar as prazas de aparcadoiro e ofrecer un gran espazo arboledo compatible coa impoñente lonxitude da fachada. Expón un dobre acceso á parcela: un principal a través do espazo axardinado e outro secundario para tráfico rodado e mercancías. A disposición lineal optimiza a superficie de contacto dos espazos de traballo ao xardín, construíndo un espazo no que paisaxe e tecnoloxías atópanse.


Aproveitando as solucións propostas pola industria do vidro e os plásticos para invernadoiros e explotacións agrícolas, o arquitecto propón a creación dunha envolvente exterior para formar un colchón térmico que minimice o gasto enerxético da climatización do edificio. Recorre a métodos pasivos de arrequecemento do aire segundo a época do ano.


O proxecto contempla a utilización de materiais reciclables e reciclaxes. Ademais de recoller e reutilizar a auga de choiva para rega e limpeza, está previsto a subministración de enerxía eléctrica mediante paneis fotovoltaicos colocados nas galerías. A superficie axardinada prevé a plantación de especies florais autóctonas que, ademais de facilitar solucións de baixo custo, achega valor ecolóxico.


Un edificio flexible

Jacobo Bouzada proxecta sinxelas plantas diáfanas, baseadas nun “preciso e modulado” sistema estrutural de pórticos. Define as oficinas como bandexas flexibles, multifuncionais e facilmente compartimentables. Son espazos diáfanos, abertos ao exterior e adaptables a necesidades variadas, permitindo simultanear unha gran diversidade de usos e programas.


Os espazos de traballo teñen unha disposición lineal modulada para satisfacer as esixencias de ventilación e iluminación natural. A flexibilidade da proposta prevé futuras ampliacións no edificio para atender demandas de servizo que xurdan no futuro.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova