Imprimir

O IX PREMIO ARESA RECOÑECE O LABOR DA FACULTADE DE VETERINARIA NO DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO DE GALICIA


23/1/2009

A decana da Facultade de Veterinaria de Lugo, Ana Bravo del Moral, recibiu no nome da institución académica o galardón do IX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que distingue o labor do centro pola súa achega ao desenvolvemento económico de Galicia e ao benestar das persoas do medio rural.

A cerimonia estivo presidida pola ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, e a ela acudiron tamén o Alcalde de Lugo, José López Orozco e ademais os membros do xurado desta novena edición, composto polo reitor da USC, Senén Barro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o presidente do grupo empresarial lugués que dá nome ao galardón, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidade de Córdoba, José Manuel Roldán; e o presidente da Asociación Comercial Española de Fertilizantes, Juan Pardo.

O Premio Aresa naceu en 2000 por iniciativa do presidente da corporación Álvaro Rodríguez Eiras, coa intención de favorecer o desenvolvemento e promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago, vinculada así mesmo ao sector labrego polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería, entre outras. O certame é un dos máis recoñecidos dentro do sector profesional ao que se dirixe, tanto polo seu prestixio como pola dotación económica da que vén acompañado, dez mil euros.

O galardón deste ano recoñeceu a traxectoria e o traballo desenvolvido pola Facultade de Veterinaria, que desde a súa fundación, en 1984, contribuíu á sanidade e á produción animal, á protección e ao benestar do gando, á saúde pública, ao coidado medioambiental, á hixiene e á inspección dos alimentos e á prevención de riscos e epidemias, entre outros ámbitos de traballo. O xurado tamén salientou a alta calidade que imparte o centro, de xeito que se considera un modelo para as facultades europeas, tal como se reflicte na súa certificación da Asociación Europea de Facultades de Veterinaria (EAEVE), expedida en abril de 2008.

Lección maxistral
A conferencia maxistral desta novena edición do Premio Aresa correu a cargo de Pedro Urbano Terrón, enxeñeiro agrónomo e catedrático de Fitotecnia da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid. Como experto, Urbano Terrón ofreceu as claves para producir alimentos en cantidade suficiente e con calidade irreprochable para garantir a seguridade alimentaria na súa dobre esixencia de abastecemento e sanidade, "compatible co respecto ao medio ambiente e a conservación dos recursos naturais".

O vicepresidente primeiro da AEFAO (Asociación España-FAO), vogal do Comité de Expertos na Fertilización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e membro fundador e presidente da Fundación Foro Agrario, interveu como conferenciante para afondar na 'Produción de alimentos en agricultura sostible e ecolóxica' . Na súa conferencia,  Urbano Terrón explicou en detalle como "a ciencia e a tecnoloxía aplicadas á agricultura, responsables do manexo eficiente dos medios utilizados na produción agraria, poden permitir desenvolver procesos produtivos axeitados nos marcos establecidos na agricultura ecolóxica e na agricultura sostible".

O traballo de Pedro Urbano, premio da Fundación González Baylín da Cámara de Madrid polo seu expediente académico, está recoñecido en múltiples textos como autor de monografías, capítulos de libros e artigos científicos en publicacións nacionais e internacionais. Todo iso, sen descoidar o seu labor como docente.

A Facultade de Veterinaria
A Facultade de Veterinaria ten os seus antecedentes na Escola Especial de Veterinaria de Santiago creada en 1882 e que desapareceu en 1915, entre outros motivos debido á escaseza de alumnos.
 
O centro actual naceu en 1983 e, a diferenza da súa antecesora, a demanda para cursar a titulación increméntase progresivamente cada ano e conta co apoio e o compromiso das institucións e da sociedade galega. Ademais da súa participación para unha docencia de calidade, o hospital Rof Codina presta unha importante asistencia a gandeiros e propietarios de animais, cun servizo de apoio ambulante e a asistencia técnica aos veterinarios naqueles campos nos que os facultativos non se poden desenvolver axeitadamente, xunto cunha colaboración coa Administración no servizo de control da saúde pública.

Anteriores premiados
O galardón recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren); en 2001 foi recoñecido o investigador Xavier Guitián por un estudo multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira ocasión foi para a Aula de Produtos Lácteos, centro de investigacións integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da USC. A cuarta convocatoria gañouna Xosé Manuel Silva, director xeral de Agricultura na Comisión Europea, sendo o quinto galardón para Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O premio en 2006 correspondeulle ao programa O Agro-Labranza, da TVG, e en 2007 foi para o CRDO Ribeira Sacra. Por último, en 2008 o gañador foi Eladio Rigueira, propietario da empresa Queixería Casa Macán.