Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aproba un Plan Xeral que aposta por desenvolver unha cidade de futuro para vivir


# Venres, 23/01/2009
Aposta polas zonas verdes, polo respecto ao río, o turismo de calidade, a protección da muralla, o solo industrial

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

* Aposta por potenciar a esencia dos barrios, mellorando os servizos, dotacións e as súas conexións internas e co resto da cidade

* Este Plan proxecta 2.198.673 metros cadrados de espazos libres e 1.816.790 de equipamentos deportivos e culturais

* O 82,87% do solo está cualificado como rústico, o 8,54% núcleos rurais, o 3,5% solo urbano e o 5,09% solo urbanizable

* O propio Concello asume o compromiso de desenvolver os plans especiais dos núcleos catalogados como conxuntos de interese

O Concello de Lugo aprobou provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal, cos votos a favor do Partido Socialista e do Partido Popular que apoiaron o seguinte trámite neste documento urbanístico, que será remitido á Xunta de Galicia logo das dilixencias oportunas que debe realizar o Secretario do Concello.

A Delegada de Urbanismo, María Novo, comezou a súa intervención deixando claro que o equipo de goberno cre neste Plan e que por iso pide o apoio dos distintos grupos. María Novo defendeu que o documento aprobado hoxe de forma provisional -a aprobación definitiva terá que outorgala a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes- pensa no futuro, ordena a cidade e mellóraa dende un punto de vista urbanístico e de calidade de vida.

82% de solo protexido
No documento final aprobado neste Pleno, queda protexido o 82,87% do territorio; é dicir, nesta porcentaxe de territorio non se poderá edificar, e só poderá facerse no 17,13% restante. Con estas cifras, para a Delegada de Urbanismo non se entenden as críticas feitas polo BNG que di que o documento plantexa un modelo de crecemento desmesurado.  "Non é coherente dicir isto e considerar o modelo como expansionista cando se protexe máis do 80% do territorio".

Urbanísticamente estrutura a cidade, conectando os barrios entre si e co resto de Lugo, potencia a esencia de cada barrio mellorando os seus servizos, as dotacións, a estrutura da cidade e as zonas verdes.
Establece dotacións en todas as zonas, superando as esixencias que marca a lei, que di que en equipamentos deben reservarse 5 metros cadrados por cada 100 metros cadrados de solo residencial e o Plan recolle máis de15 metros cadrados, e en espazos libres o 18,89%, cando a lei recolle 15. Fixa ademais, un modelo de sistemas xerais de espazos libres. A Delegada explicou que se aposta por todos os barrios, pero especialmente por aqueles tradicionalmente máis esquecidos. A título de exemplo citou:

- Ao final da Avenida de A Coruña e Paulo Favio Máximo:

* 13.000 metros cadrados de equipamentos
* 26.000 metros cadrados de zonas verdes e espazos libre

- En Albeiros:

* 25.000 metros cadrados de equipamentos
* 46.000 metros cadrados de zonas verdes e espazos libres

- En Gándaras e Paradai:

* 15.000 metros cadrados de equipamentos
* 27.000 metros cadrados zonas verdes e espazos libres

- En Barrio Feijóo, parque de Frigsa:

* 1871 metros cadrados de equipamentos
* 5.773 metros cadrados zonas verdes e espazos libres

- Carmen:

* 13.163 metros cadrados de equipamentos
* 23.696 metros cadrados zonas verdes e espazos libres

- Pousadela- A Cheda:

* 24.400 metros cadrados de equipamentos
* 45.000 metros cadrados zonas verdes e espazos libres

- A Ponte:

* 2.300 metros cadrados de equipamentos
* 4.300 metros cadrados zonas verdes e espazos libres

Isto da lugar a un urbanismo de calidade, que mellora a calidade dos espazos públicos e con iso a calidade de vida dos lucenses. Permite ademais unha visión de conxunto da cidade e é un plan que por primeira vez pensa en cal é o potencial de Lugo e quere darlle forza.

Novo explicou que este PXOM reforza as zonas verdes, mira cara o río, aposta polo turismo de calidade, protexe indirectamente a muralla mediante un sistema viario que permite desconxestionar o tráfico e apartalo desta zona. Ademais fai unha aposta decidida polo solo industrial e de actividades económicas, dando resposta ás demandas da cidade, da provincia e de zonas máis amplas.

É un plan que tamén pensa na vivenda protexida e de calidade. Máis do 40% do solo residencial queda destinado a vivenda protexida en todos e cada un dos barrios da cidade.

As grandes cifras
O Plan Xeral de Ordenación Municipal recolle 2.198.673 metros cadrados de espazos libres incrementando notablemente as zonas verdes e estos espazos en Lugo. Ademais completa un cinto verde ao redor da cidade e protexe o patrimonio natural lucense. Este Plan potencia ademais a zona do Rato e a Fervedoira e aposta por unha reserva verde no Leste de Lugo que vincula a zona urbana coa rural.

Inclúe 1.816.790 metros cadrados de equipamentos deportivos, culturais… especialmente na zona norte, unha das grandes esquecidas na historia de Lugo. Nesta zona conta con dous grandes equipamentos como son o Hospital e unha gran zona de equipamento deportivo pegado á zona das Gándaras

Este Plan dedica só o 3,5% a solo urbano, o 5,09% a solo urbanizable, o 8,54% a núcleos rurais e o 82,87% a solo rústico. É dicir só se ocupa o 17,13% do territorio total do municipio.

Desenvolvemento económico
Neste documento só medran os urbanizables industriais, o que demostra a aposta clara do equipo de goberno polo crecemento e desenvolvemento económico da cidade, mediante a posta no mercado de solo industrial con boas conexións, o que permitirá que empresas de Lugo e do resto de Galicia e España veñan a instalarse aquí creando postos de traballo.

O PXOM inclúe 5.324.836 metros cadrados de urbanizables industriais, o que solucionará a falta de solo industrial cos dous polígonos xa existentes e outra gran zona que se proxecta noNorte, nesa zona da N-VI

Este Plan presenta un modelo de cidade do século XXI, que medra de forma organizada. Potencia o río, pon en valor o patrimonio natural de Lugo e aposta por potenciar tamén os núcleos rurais mantendo as súas estruturas típicas e protexendo o solo rústico, moito do cal se fai compatible co desenvolvemento de actividades deportivas  e de natureza.

No relativo á zona rural, ademais o Concello comprométese a ser, de oficio, o que desenvolva os plans especiais daqueles núcleos que no plan do 90 estaban catalogados como conxuntos de interese. Esto implica que a iniciativa pública asumirá o desenvolvemento e estudo destes núcleos e ademais aposta pola posta en valor dos mesmos e a protección dos intereses etnográficos e culturais que teñen.

A Delegada destacou ademais que este documento non recolle un crecemento sen control da cidade, de feito ten as mesmas expectativas que o do 90, o que sucede é que ese Plan non computaba como capacidade residencial os núcleos rurais, que agora si se recollen.

Alegacións
María Novo tamén se referiu ás alegacións. Lembrou que unha vez tramitada a aprobación provisional comezará o proceso de comunicación das mesmas mediante cartas a cada unha das persoas que as presentaron.

Novo quixo aproveitar para aclarar algunhas informacións sesgadas vertidas por algún representante do Bloque Nacionalista. Explicou que de 6.818 alegacións presentadas, o 55% das alegacións están estimadas e entre as desestimadas suliñou que hai que incluir:

- As que recollen faltas de grafía -por exemplo que non aparece un camiño no plano-.
- As que se presentan fóra de prazo.
- As que non piden nada.
- As que fan solicitudes que xa desestimaba o Plan do 91.
- As que xurden de disposicións legais e, en moi contadas ocasións, dunha decisión de planeamento -arredor dun 10% do total-.

María Novo explicou que na zona rural todas xurden da aplicación estricta da lei do Solo e dos criterios que establece a Xunta de Galicia que é quen aproba o Plan definitivamente.

Algún dato interesante relacionado coas alegacións é que do total de alegacións presentadas, 557 eran sobre un mesmo tema: o xardín de Gallego Tato, que se solucionou en Pleno no ano 2007. Outra cifra chamativa é a que indica que 67 persoas presentaron case o 10% das alegacións dándose algún caso dunha mesma persoa que presenta 45 alegacións.

Remítese á Xunta de Galicia
O documento aprobado en Pleno remitirase de inmediato, unha vez que o Secretario do Concello o dilixencia, á Consellería de Medio Ambiente, que xa o coñece, para que decida se é preciso o estudo de impacto ambiental. Posteriormente remítese á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, para a súa aprobación definitiva.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova