Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo porá en marcha unha Oficina de Información sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal


# Domingo, 25/01/2009
Comezará a funcionar o 25 de febreiro no Uxío Novoneyra e será preciso solicitar cita previa no 010 a partir do 2 de febreiro

O equipo de goberno do Concello de Lugo decidiu poñer en marcha unha Oficina de Información do Plan Xeral de Ordenación Municipal para solucionar todas as dúbidas que teñan os veciños e veciñas sobre o documento urbanístico aprobado provisionalmente no Pleno do 23 de xaneiro.

Esta Oficina que comezará a funcionar en aproximadamente 30 días estará ubicada no Centro Social Uxío Novenoyra e estará coordenada pola propia Delegada de Urbanismo, María Novo. Alí traballarán arredor dun mes e en horario de mañá, 3 técnicos da área de Urbanismo que recibirán aos veciños e veciñas de Lugo e resolverán persoalmente as súas dúbidas.

Para poder ser atendidos será imprescindible a solicitude previa dunha cita a través do servizo telefónico de atención cidadá do 010 que facilitará un día e unha hora para acudir ao Uxío Novoneyra. En caso de que exista moita demanda, e para dar resposta a cada unha das consultas, ampliarase o prazo de funcionamento desta Oficina.

Está previsto que a Oficina de Información PXOM comece a funcionar o día 25 de febreiro, despois das festas de entroido, e unha vez que o documento esté xa dilixenciado e cotexado pola Secretaría do Concello que e quen debe acreditar que todas e cada unha das páxinas do documento son as que están aprobadas.

A cita previa poderá solicitarse a partir do día 2 de febreiro no servizo de atención cidadá do Concello de Lugo, 010.

A intención do equipo de goberno é que esta Oficina permita solucionar as dúbidas que xurdan entre os veciños e veciñas de Lugo, dunha forma personalizada, sobre todo o relacionado co documento urbanístico aprobado provisionalmente, e sobre as alegacións. Non hai que esquecer que o equipo de goberno comprometeuse a contestar cada unha das alegacións e comunicalas mediante carta aos alegantes.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lugo foi aprobado provisionalmente cos votos a favor do Partido Socialista e o Partido Popular, no Pleno que tivo lugar o venres 23 de febreiro. O documento será remitido en breve á Consellería de Medio Ambiente que decidirá se é preciso o estudo de impacto ambiental. Posteriormente, remitirase á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, para a súa aprobación definitiva.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova