Cargando....
Concello de Lugo
16/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo destaca o extraordinario traballo dos servizos municipais durante o temporal da noite do venres


# Sábado, 24/01/2009
O Alcalde, responsable de Protección da Comunidade e o de Medio Ambiente estiveron toda a noite coordenados cos distintas servizos municipais

* O luns amplíase o servizo de atención cidadá da Policía Local para colaborar coa cidadanía nas reclamacións por danos materiais

O Concello de Lugo anunciou a alerta laranxa a primeira hora da mañá e xa a mediodía anunciou que a partir das 21:00 horas se activaría a alerta vermella en todo o municipio.

Ás 8:00 da mañá do venres 23 de xaneiro tivo lugar unha xuntanza de urxencia para poñer en marcha un dispositivo de seguridade que, dende ese momento quedou activado.

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, co Alcalde José López Orozco ao fronte, coordenaron un equipo formado por Bombeiros, Policía local, Protección Civil, equipos de Zona Rural, servizos eléctricos municipais, servizos de comunicacións, Calfensa e Urbaser.

Os equipos estiveron ao longo de todo o día e a noite traballando para garantir que a cidade non se resentira con ventos que se aproximaron aos 140 quilómetros por hora e que ocasionaron numerosos danos materiais.

A cidade de Lugo sufriu un apagón xeralizado ao redor das 23:00 horas e recuperouse a partir das 2 da mañá, sendo unha das cidades galegas que antes recuperou o servizo eléctrico.

O equipo de goberno, a través do Voceiro Municipal, destacou o extraordinario traballo que fixeron conxuntamente os servizos municipais implicados na seguridade do concello lucense.

A maioría das actuacións centráronse na colocación de colectores desprazados polo vento -a pesar da precaución que tomou o Concello de non baleiralos para que pesasen máis-, árbores afectadas no Parque Rosalía de Castro, Parque de Frigsa e costas do parque, retirada de obxectos que invadiron rúas e podían ocasionar accidentes, colocación de lonas e vallas de obra…

As incidencias que maiores consecuencias tiveron foron a caída dunha cheminea na Rúa Galicia que afectou a un vehículo, o corte da ponte de Santiago pola caída do tendido eléctrico, unha actuación importante no Hospital de Calde que quedou sen luz debido á caída da liña de media tensión, e a colocación dunha cuberta nun edificio da Rúa Ramón Ferreiro.

O temporal tamén afectou á planta de auga que non puido bombear auga durante unhas horas, aínda que esta situación non afectou aos fogares xa que a auga de reserva permitiu o abastecemento da cidade con normalidade.

Na zona rural, as patrullas estiveron toda a noite en alerta e retiraron árbores e ramas que afectaron a algúns camiños das parroquias lucenses.

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, anunciou ademais que a partir do luns ampliarían o servizo da Oficina de atención cidadá situada na sede da Policía Local,  para atender a todas as denuncias da cidadanía e colaborar cos veciños e veciñas nas reclamacións por danos causados polo temporal.

Ao longo da noite os Bombeiros lucenses realizaron 31 saídas e a Policía Local e Protección Civil estiveron toda a noite polas rúas da cidade atendendo as chamadas dos lucenses que se viron afectados.

Esta mañá Lugo recupera a normalidade, e o dispositivo de emerxencia continuará traballando ata que a cidade volva ao seu ritmo habitual.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova