Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo puxo en marcha un dispositivo especial de protección de preto de 100 persoas para paliar os efectos do temporal


# Luns, 26/01/2009


Bombeiros, Policía Local, Protección Civil, equipos de Zona Rural, servizos eléctricos municipais, servizos de comunicacións, Calfensa e Urbaser traballaron durante toda a noite do venres e durante o día do sábado para garantir a volta á normalidade na cidade,

O Voceiro do Goberno Local, José Rábade, fixo balance das actuacións realizadas polos servizos municipais debido aos efectos do forte temporal que afectou ao Concello de Lugo. O Concelleiro destacou a coordinación dos preto de 100 traballadores dos distintos servizos que formaron parte do dispositivo especial de seguridade que se activou dende primeira hora do venres 23 de xaneiro e que estivo formado por Bombeiros, Policía Local, Protección Civil, equipos de Zona Rural, servizos eléctricos municipais, servizos de comunicacións, Calfensa e Urbaser.

Os equipos estiveron ao longo de todo o día e a noite traballando para garantir que a cidade non se resentira con ventos que chegaron aos 152 quilómetros por hora e que ocasionaron numerosos danos materiais.

O Corpo de Bombeiros do Concello de Lugo realizou un total de 31 saídas na noite do venres ao sábado para retirar obxectos desplazados polo vento como carteles, cristais, árbores que caeron nas calzadas e impedían o paso, así como dúas intervencións para a apertura de portas de garaxes. Xa o sábado pola mañá realizaron outras 6 saídas para continuar cos traballos de retirada de obxectos sendo unha das máis relevantes a caída da cuberta dun edificio na Avenida de Ramón Ferreiro.

O Servizo de Protección Civil, composto por persoal voluntario, realizou unhas 60 intervencións por mor do temporal. Colaborou coa Policía Local na sinalización de obstruccións de vías, na retirada de obxectos desprazados polo vento e na ordenación do tráfico.

Pola súa banda, a Policía Local rexistrou as reclamacións dos veciños en todo momento, recollendo un total de 31 reclamacións de danos en vehículos, a caída de 3 postes eléctricos e 21 de sucesos como caídas de losas, planchas metálicas e desprendementos de fachadas. Ademais, a Patrulla Verde actuou no levantamento de tellados, na caída dunha cheminea na rúa Galicia, na rotura de cristais e caídas de elementos de fachadas.

Os servizos dependentes da Concellería de Medio Ambiente e Zona Rural traballaron ao longo de toda a noite para deixar as vías libres e sacar as árbores das cunetas. Ademais, os servizos eléctricos de Zona Rural repuxeron xa os seis puntos de luz que resultaron danados en Vilarvente, na N- 640 un castaño que caeu sobre o tendido en Mote de Meda e xa está resolto,  así como os problemas ocasionados sobre as liñas de alumeado por caídas de árbores en Santa María Alta, en Devesa de Meilán e Bosende. Na actualidade os servizos están a traballar para analizar a situación de 15 lugares nos que haberá que reconstruir o tendido da iluminación pública.

Por outra banda, os parques da cidade tamén se viron afectados; os fortes ventos fixeron caer 16 árbores no parque de Rosalía de Castro e 7 no Parque de Frigsa. O Concelleiro explicou que "se pecharon preventivamente e serán abertos cando se garanta que son completamente seguros para a cidadanía, xa que aínda hai posibilidades de caídas de ramas".

En canto aos danos nas dependencias municipais destaca a caída do falso teito do CEI, así como desperfectos leves na cuberta do vestiario do campo de fútbol de As Gándaras, danos no peche lateral das pistas de tenis do Palomar, e deteriorios no pavillón municipal.

O Concelleiro anunciou ademais que "dende hoxe luns 26 de xaneiro amplíase o servizo da Oficina de atención cidadá situada na sede da Policía Local,  para atender a todas as denuncias da cidadanía e colaborar cos veciños e veciñas nas reclamacións por danos causados polo temporal". O horario de atención é de 9:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova