Cargando....
Concello de Lugo
19/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo cede unha parcela do Sur K para prácticas e investigación dos alumnos da Universidade de Santiago


# Mércores, 28/01/2009
Son máis de 13.000 metros cadrados destinados aos alumnos de ciencias agrarias e grupos de investigación do campus de Lugo

Imaxe Asociada Sur K

A Alcaldesa accidental, Concepción Burgo, asinou co Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, un protocolo de colaboración para a cesión gratuíta da parcela E-10D situada na zona de Sanfiz, concretamente no Sur K.

A finca, propiedade do Concello, estará destinada á realización de prácticas do alumnado que curse estudos vinculados a ciencias agrarias e, para que o profesorado vinculado a grupos de investigación, departamentos ou institutos universitarios no ámbito das ciencias agrarias desenvolva a súa actividade investigadora.

A Universidade de Santiago de Compostela comprométese dende o momento da recepción da finca ao seu mantemento e a destinala exclusivamente aos fins docentes e investigadores sinalados no apartado anterior.

Concepción Burgo, sinalou a “satisfacción que sente o Concello ao poder facer realidade unha demanda da Universidade coa que todo o equipo de goberno era sensible”. Explicou que a colaboración do Concello coa Universidade é moi e moi intensa na cidade de Lugo “somos conscientes da importancia que ten o noso campus como motor fundamental dende un punto de vista económico e de apertura de mentes e pensamento crítico, tan necesario para que unha cidade se faga grande”.

O Reitor, pola súa banda, destacou a importancia da sinatura deste protocolo, xa que supón “que os alumnos do campus de Lugo teñan ao seu servizo, e a tan só 100 metros, unha extensa parcela na que desenvolver a súa actividade habitual”.

A futura cesión  terá unha vixencia de corenta e nove anos, prorrogables por períodos sucesivos a determinar pola comisión de seguimento a petición do cesionario con anterioridade ao vencemento de cada período  e que se recollerá no acordo administrativo de cesión.

No protocolo asinado, exponse que a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lugo, teñen a vontade de cooperar no desenvolvemento do Campus Universitario de Lugo ao entender que a Educación Superior é o ben que maior valor engadido pode achegar á sociedade, máis aló dos beneficios inmediatos que depara a implantación de ensinanzas, os investimentos e a atracción de alumnado e de profesorado.

O protocolo refírese ademais, ao desenvolvemento do campus universitario. Hoxe en día non pode entenderse illado da sociedade e das súas institucións. A apertura da universidade á sociedade e que esta acolla á comunidade universitaria, producirá sen dúbida, sinerxías que redundarán en beneficios mutuos, non só para as institucións senón para o conxunto da sociedade.

Os procesos de converxencia europea, os novos plans de estudos que deles se derivarán e as esixencias de calidades, esixidas non só pola lei, senón polos usuarios, usuarias e pola sociedade en xeral, implica que as ensinanzas universitarias se vexan amparadas polas dotacións docentes e investigadoras que posibiliten que a actividade universitaria se realice plenamente e a sociedade vexa satisfeitas as súas aspiracións.

Outro dos aspectos que recolle este convenio é o relacionado coas ensinanzas con maior arraigo no Campus de Lugo, que son as que teñen que ver con estudos agrícolas, e que na actualidade se concretan nas seguintes titulacións: Enxeñaría de Montes, Enxeñaría Agrónoma, Enxeñaría Técnica Agrícola Especialidade en Explotacións Agropecuarias, Especialidade en Hortofruticultura e Xardinería, Especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias, Especialidade en Mecanización e Construcións Rurais e Enxeñaría Técnica Forestal en Explotacións Forestais. Para que estas titulacións se impartan coa calidade desexada por todos é necesario que profesorado e alumnado dispoñan de fincas de prácticas nas que poder desenvolver actividades docentes e investigadoras.

Remata expoñendo que o Concello de Lugo, consciente da relevancia do campus universitario e a súa actividade, desexa dotar á Universidade de Santiago de Compostela dunha parcela para ser destinada a finca de prácticas e investigación, para que os citados estudos se desenvolvan coa calidade esixida.

A aposta do Concello de Lugo pola zona sur da cidade, concretamente polo Sur K, é evidente tendo en conta o desenvolvemento que se proxecta alí. Está decidida a construción da sede do CETAL, hai arredor de 30.000 metros cadrados destinados a usos deportivos que converterán os terreos no pulmón deportivo da zona sur, un Centro Cívico, unha Casa da Xuventude, unha Escola Infantil, e, por suposto, esta parcela de uso docente cedida á Universidade.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova