Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade


# Mércores, 28/01/2009


Imaxe Asociada

O reitor destaca o campus lugués como escenario de educación e investigación europea

A Alcaldesa en funcións, Concepción Burgo, participou na tradicional celebración universitaria

A USC celebrou o seu patrón, San Tomé de Aquino, un ano máis no Campus de Lugo no transcurso dun acto na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, presidido polo reitor, Senén Barro, e no que ademais tomou posesión o profesor Luis Gago como decano do mesmo centro. No acto tamén estiveron presentes os membros do equipo reitoral, decanos e directores de centros, así como directores de departamentos, membros do Consello Social, persoal docente investigador e de administración e servizos, entre outros.

Á Facultade de Administración e Dirección de Empresas acudiron tamén numerosas personalidades da vida social, cultural e política de Lugo, entre as que se atopaban representantes da Corporación Municipal, da Deputación Provincial, deputados, senadores e parlamentarios, entre outros, ademais de membros da comunidade universitaria.

‘Mirar, mimar e admirar o campus lucense’
Durante o acto institucional, o reitor centrou o seu relatorio no papel do Campus de Lugo dentro do espazo europeo universitario. Lembrou que nos últimos anos se levaron a cabo investimentos importantes como o CACTUS-Lugo ou o Centro de Investigación de Ciencias, aos que engadirán en breve a nova sede do IBADER, o futuro Centro de Enxeñaría Civil, a segunda fase da Vicerreitoría ou o Centro Tecnolóxico do Sector Lácteo. 

O reitor puxo de manifesto o importante volume da actividade investigadora do campus lugués, que nos últimos anos xestionou máis de sete millóns de euros anuais neste eido, ”a metade en contratos e convenios con empresas e entidades públicas e privadas, en liña co acentuado perfil tecnolóxico do campus”. Neste senso, cabe salientar a produción científica en Agricultura, Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e Gandaría e Pesca, todas elas titulacións do campus lugués, nas que a USC  se sitúa coa contribución investigadora deste campus entre as catro mellores universidades de todo o Estado.

Despois dun sendo recordatorio aos últimos logros acadados pola Facultade de Veterinaria, o reitor lembrou a diversificación das ensinanzas técnicas do Campus de Lugo “que vai camiño de ter no 2010 a oferta de graos máis renovada e das máis interesantes de todos os campus galegos”. 

Senén Barro rematou o seu relatorio coa mención do novo plano estratéxico da USC, “actualmente en desenvolvemento”. Un plano, continuou, “que deberá atender a novos modelos de gobernanza, organizativos e de xestión dunha Universidade bicampus”. 

Novo decano
No transcurso do mesmo acto o profesor Luis Gago tomou posesión como cargo de decano de Administración e Dirección de Empresas. O seu discurso fixou entre os seus retos para os próximos catro anos diversas apostas como a dedicación do centro lugués ao ámbito da Empresa Familiar, tema no que xa está plenamente implicado coa súa participación na creación e dirección da Cátedra do mesmo nome.

Por outra banda, Gago subliñou a implicación da facultade luguesa no ámbito do traballo conxunto coas organizacións da sociedade civil. Finalmente, o novo decano anunciou a creación dunha revista, inicialmente virtual, “na que teñan cabida temáticas que están a ser áreas de traballo doutros centros do noso campus”, dixo.

‘Economía do coñecemento’
O acto continuou coa lectura da lección maxistral titulada ‘Economía do coñecemento, xestión do coñecemento’, a cargo do propio Luis Gago. Nela o decano falou da información que inicialmente se atopa  nos individuos e que tras a súa clasificación se converte en coñecemento colectivo.

Gago destacou tamén a Estratexia de Lisboa votada en 2001 polos estados membros da Unión Europea, “mediante a cal se establecía o compromiso de todos de alcanzar a economía do coñecemento máis competitiva e máis dinámica do mundo, de aquí ao ano 2010, capaz dun desenvolvemento económico sostible, acompañado dunha mellora cuantitativa e cualitativa do emprego e dunha maior cohesión social".




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova