Cargando....
Concello de Lugo
16/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo é a cidade de España que máis inviste en gasto social


# Xoves, 29/01/2009
As Concelleiras de Economía e Emprego e de Muller e Benestar Social, lembraron que o Concello de Lugo inviste 20.533.856 euros o que supón o 20,3% do orzamento municipal

Imaxe Asociada Gasto Social

Carmen Basadre destacou que o gasto social “non é caridade” senón que é un gasto para toda a cidadanía

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, anunciaron que a análise de concellos de España levada a cabo polo Ministerio de Economía, recolle que o Concello de Lugo é o que máis orzamento destina a seguridade, protección e promoción social, concretamente 20.533.856 euros o que supón 215,20 euros por habitante.

Sonia Méndez explicou que é unha “satisfacción aparecer no primeiro posto nunha estatística destas características, que recoñece o esforzo que fai este Concello polas persoas. Estos datos confirman que apostamos por lograr unha mellor e máis xusta distribución da renda e da riqueza e pola prestación de servizos esenciais a toda a sociedade”.

A responsable de Economía, suliñou que a media dos concellos de España en gasto social é do 11%, mentras que en Lugo supón o 20,3% do orzamento municipal. “Un exemplo de cidade grande, e con máis poboación que Lugo, que dedica unha baixa porcentaxe ao gasto social, é Valencia que só destina o 7%; é dicir, 67 euros por habitante, a este tipo de gasto”.

Todo isto, remarcou, sen ter en conta o destinado a vivenda, cultura, educación ou deportes, que implica unha suba moi importante no orzamento do Concello de Lugo.

Sonia Méndez lembrou que no orzamento do 2009 as partidas que máis aumentan son as de protección social “e fano en case 3 millóns de euros, dous puntos máis que no ano anterior”.

Pola súa banda, Carmen Basadre explicou que o “esforzo duplicouse así como a colaboración entre Emprego e Benestar Social, dúas concellerías que deben traballar xuntas”.

A responsable de Benestar Social explicou que o Concello “aumentou o 60% para Centros de Día superando o millón de euros,-1.025.179 euros- reducimos un 60% as actividades de ocio, mantendo ocio de calidade pero investindo máis en servizos para a cidadanía. Aumentamos as ociotecas para garantir a conciliación laboral e familiar”.

Explicou que aumentou o Servizo de Axuda no Fogar, as subvencións nominativas a asociacións que traballan directamente con persoas -supera os 350.000 euros- as axudas de emerxencia ou as axudas ás persoas con discapacidade.

En emerxencia social o aumento é do 12,5% pasando a ter un investimento de 90.000 euros, tamén en axudas ao aluguer con 60.000 euros para arranxos de accesibilidade en vivendas, e 95.000 euros para aluguer. O Programa de Intervención Familiar ten un orzamento de 98.000 euros para traballar con 215 familias e 340 rapaces e rapazas na prevención do absentismo escolar, a formación de pais e nais…

A zona rural tamén está presente na planificación de Benestar Social, coa posta en marcha dos centros de dinamización do rural “en febreiro comeza Calde e neste ano porase en marcha San Pedro de Mera, Rubiás e Santa Comba”.

Basadre explicou que “estamos facendo un esforzo moi importante, neste ano que é especialmente difícil e apostamos polas persoas investindo, sen contar o investimento en persoal, case 5 millóns de euros exclusivamente en prestación de servizos”.

Quixo aclarar ademais que “o gasto social no Concello de Lugo está destinado ás persoas, non é caridade, toda a cidadanía lucense ten dereito a acceder aos servizos do Concello”.

Bancos do tempo
A Concelleria de Muller e Benestar Social anunciou que nuns meses comezarán a funcionar os Bancos do tempo grazas a unha asociación que vai a traballar na nave das asociacións Clara Campoamor que está no Parque da Milagrosa.

O obxectivo é que a cidadanía comparta o seu tempo con outras persoas. O primeiro paso é crear unha base de datos con demandantes de cada servizo. A tramitación será online e tamén, previsiblemente, no mesmo centro: “Comezaremos cun proxecto piloto e veremos como resulta, será preciso facer entrevistas persoais e comprobar que as persoas que se ofrecen son idóneas para compartir o seu tempo”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova