Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Declaración institucional de condena do ataque israelí contra a franxa de Gaza, en Palestina


# Luns, 02/02/2009


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Nos últimos días o exército de Israel ten bombardeado e invadida a franxa de Gaza, en Palestina, provocando centos de vitimas, maioritariamente nenos, nenas e mulleres, sen contar os centos de feridos e feridas de carácter grave.                                                             
O Bloqueo económico ao que Israel veu sometendo a Gaza desde que Hamás se fixese co control da Franxa en xuño de 2007, unido á ofensiva militar destas semanas, sumiron á poboación palestina nunha situación humanitaria de máxima urxencia. Os bombardeos indiscrimidados -ata a escolas baixo bandeira da ONU-, a destrución de hospitais, a falta de medicamentos, comida, auga, combustible e subministración eléctrica fai que o coidado dos feridos e a supervivencia dunha ampla parte da poboación civil de Gaza,  sen  posibilidade de fuxida polo peche das fronteiras, estean en grave perigo.
Este ataque é o colofón de máis dun ano de bloqueo do Estado de Israel contra o pobo de Gaza, que xa provocara unha grave crise humanitaria, e as súas vitimas súmanse aos máis de 5.000 palestinos mortos desde setembro do ano 2000, en que empezou a rebelión contra o Estado Israelí na coñecida como Segunda Intifada, e onde tamén morreron máis de 900 nenos e nenas.
Desde numerosos sectores sociais vénse demandando que os representantes políticos, desde un sentimento humanitario, levantemos a voz para continuar esixindo o inmediato cesamento das accións bélicas de Israel contra a franxa de Gaza, á vez que demandemos un maior esforzo diplomático e político para facer cumprir as resolucións da ONU e buscar a solución definitiva ao conflito que enfronta a israelís e palestinos.
Queremos manifestar a nosa solídaridade co pobo de Palestina, facer un chamamento a que se deteña inmediatamente a agresión contra Gaza, instando ao Estado español e comunidade internacional a condenar os ataques, e consecuentemente adoptar polo Pleno da Corporación o seguinte:

ACORDO

  1. Rexeitar os bombardeos e invasión levados a cabo polo exército de Israel, que evidencian o colofón da blocaxe perpetrada polo Estado israelí contra o pobo de Gaza, en Palestina.       
  2. Mostrar a nosa máis enérxica condena as accións militares emprendidas polo Goberno de Israel na Franxa de Gaza, absolutamente desproporcionadas e contrarias ás máis elementais normas do Dereito Internacional, que están causando centos de vitimas, na súa maioría civís e nun gran número nenos e nenas.
  3. Esixír ao goberno de Israel que cumpra coas súas obrigacións segundo a lexislación internacional e a lexislación humanitaria internacional poñendo fin ao bloqueo, permitindo o pleno acceso da axuda humanitaria e da prensa internacional.
  4. Transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo de Palestina en Galiza.
  5. Solicitar, así mesmo, que o Estado español, en virtude da súa capacidade de interlocución con todos os actores da rexión, inste oficialmente ao cumprimento das reiteradas resolucións da ONU relativas á retirada do Estado de Israel dos territorios ocupados; ao tempo que se demanda, no marco das Nacións Unidas, o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co fin de garantir a fin da blocaxe e da agresión militar.
  6. Condenar calquera manifestación de violencia proveña de onde proveña,  tanto israelí como palestina.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova