Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo reforza os seus programas de inserción laboral


# Mércores, 04/02/2009
A III Fase do PILES dará emprego a 20 persoas e pronto comezará unha nova edición de Lugo, Emprego Activo

Imaxe Asociada

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou as bases e o proceso selectivo para a contratación de persoal no marco do Plan de Inserción Laboral e Emprego Social do Concello (PILES 2009) tal e como indicaron o Voceiro Local, José Rábade, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

A delegada de Emprego do Concello explicou que se trata dunha política activa de emprego que ten como obxectivo favorecer o acceso ao emprego de colectivos que sufren unha maior discriminación en relación co mercado laboral.  Ademais, este plan de inserción den un obxectivo engadido: a realización de obras de interese e mantemento en espazos públicos de todo o Concello de Lugo que estarán supervisadas e dirixidas polo persoal de Vías e Obras e polo persoal de Medio Ambiente do Concello.

A duración deste contrato, para o que o Concello destinará 466.322 euros, está prevista entre febreiro 2009 e decembro 2009.

Para a execución deste novo PILES ofértanse un total de 20 postos de traballo:
- un director en calidade de xefe de obra
- un ecargado de paisaxismo
- un xefe de brigada de albanelería e cantería
- un auxiliar administrativo
- dezaseis peóns

Poderán participar as persoas desempregadas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que estén empadroadas no Concello e que pertenzan a algún dos seguintes colectivos:

- Persoas con discapacidade  que lles permita desenvolver as tarefas propias de mantemento de espazos públicos.
- Homes e mulleres maiores de 35
- Inmigrantes con permiso de traballo e residencia

Poderáse solicitar a instancia para participar nesta selección no Rexistro do Concello, ata 10 días despois da súa publicación no BOP.

Investimento Social
A Concelleira explicou que este novo PILES é un máis dos programas postos en marcha dende o Concello de Lugo para o fomento do emprego e que “este ano reforzaremos aínda máis xa que dende o Goberno Local queremos dar solución á dificil situación económica actual”. Por iso, dende o Concello de Lugo incrementarase o investimento en programas de inserción laboral, para que cada vez sexan máis as persoas que poidan beneficiarse deles” .

Méndez lembrou que acaba de rematar o prazo de inscripción no programa Lugo, Emprego activo e no que se presentaron unhas 500 persoas para participar neste itinerario de inserción sociolaboral con obradoiros de formación e prácticas en empresas, ademais de recibir formación en novas tecnoloxías, medio ambiente e igualdade.

Ao longo de todo o proceso os participantes disporán dunha orientación personalizada e dun seguimento continuado por parte dos técnicos/as do proxecto.

Nesta primeira fase poñeránse en práctica dez itinerarios formativos:
- Auxiliar de axuda a domicilio
- Monitor de actividades de tempo libre para persoas discapacitadas
- Auxiliar de enfermería en hospitalización
- Auxiliar de enfermería en xeriatría
- Monitor de transporte escolar adaptado
- Mecánico de vehículos lixeiros
- Electricista industrial
- Instalador de equipos e sistemas de comunicación
- Instalador de sistemas de enerxía solar térmica
- Procesador de cátering.

As persoas participantes todas elas desempregadas, inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego recibirán durante o itinerario unha beca por asistencia que poderá chegar ata o 75% do IPREM.

Posteriormente se publicarán as listas dos admitidos e as datas exactas de comezo das accións formativas que se prevén para a segunda quincena do mes de marzo.


Asuntos da Xunta de Goberno
Por outra banda, o Voceiro Municipal explicou que a Xunta de Goberno aprobou  dúas licenzas de actividade e de obras, e once licenzas urbanísticas. Ademais, aprobouse a
proposta de revisión de prezos para a actualización do contrato administrativo correspondente á prestación do servizo de conservación e mantemento das instalacións de iluminación pública dentro do termo municipal de lugo para o período que vai dende o 12 de xullo de 2007 ata o 11 de xullo de 2008 con UTE ESYCSA ETRALUX SA , por 919.509 euros anuais e para o mantemento programado na cantidade de 248.313 euros.
Tamén se revisaron os prezos para o período comprendido entre o 21 de decembro de 2008 e o 20 de decembro de 2009 para a actualización do contrato administrativo, correspondente ó servizo de mantemento das aplicacións do sistema integral de xestión municipal asinado coa empresa T-Systems ITC IBERIA S.A.U.que queda fixado en 44.642 euros, e do contrato asinado coa empresa A Billarda SL. Para a execución do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando, por 195.745 euros.

Ademais aprobáronse os pregos de condicións técnicas e cláusulas administrativas particulares para a apertura do procedemento de adxudicación da contratación do servizo de transporte de nenos e nenas de 0 a 3 anos dende o Carqueixo ata as escolas infantís da cidade de Lugo. O prezo máximo de licitación será de 22.651 euros, así o prezo por día queda establecido en 93,60 euros.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova