Imprimir

O ALCALDE DE LUGO E A CONSELLEIRA DE CULTURA VISITAN AS OBRAS DA VICERREITORÍA DE LUGO, QUE ESTARÁN REMATADAS A MEDIADOS DE 2009


4/2/2009 O programa expositivo baséase nun percorrido polos tres espazos da vila romana: domus, templo de Mitra e muralla

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, a Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, visitaron hoxe as obras de musealización que o seu departamento está a realizar no Vicerreitorado de Lugo, nas que investiu 1,6 millóns de euros e que estarán rematadas a mediados de 2009.

O proxecto de musealización realizado pola empresa Castro&Val S.L. propón un percorrido circular a través de plataformas elevadas que permiten atravesar as distintas estancias da vila romana. O programa expositivo artéllase a partir dos tres espazos máis relevantes do xacemento: a domus ou casa altoimperial, o mitreo e a muralla. Ademais, incluirá diverso material divulgativo que contextualice e interprete o xacemento na súa época, e dentro da cidade romana de Lucus Augusti.

Estes traballos de consolidación e posta en valor da vila romana e do Mitreo realizáronse grazas a un convenio que ascendeu a 3,2 millóns de euros, dos que a Consellaría achegou 1.600.000 euros, a Universidade de Santiago 1 millón de euros, e o Concello de Lugo investiu case 600.000 euros.

A casa romana e o Mitreo

No 2000, as obras de construción no novo edificio da Vicerreitoría do Campus de Lugo, fixeron saír á luz un importante xacemento romano tanto polas súas dimensión coma polas súas características e conservación. Por tal motivo, Cultura determinou a súa conservación “in situ”, o que implicaba facer compatible a súa musealización co levantamento do novo inmoble.

Desta maneira, optouse por unha solución técnica consistente na colocación dunha estrutura que servise ao mesmo tempo de cuberta dos restos e de base para o edificio, respectando a traza histórica entre a muralla e a praza da catedral.

O xacemento componse dunha gran domus da primeira época do imperio romano, aínda que con modificacións posteriores. O espazo artéllase arredor dun patio enlousado flanqueado por varias estancias nas que se atoparon pezas de gran valor e interese como utensilios, moedas, muíños de agro, restos de cerámica...

Pero o elemento quizais máis salientable deste conxunto é o templo dedicado ao deus Mitra, un pequeno edificio de planta rectangular e que testemuña a presenza de cultos orientais na cidade de Lucus Augusti, testificado ademais por unha inscrición completa que constata o importante papel cidade como capital do convento xurídico lucense. Ademais, destaca tamén a visión da altura completa e ben conservada da muralla nesta parte, cunha escaleira orixinal, sendo a primeira vez que se poderán ver ben contextualizados uns importantes restos urbanos co trazado e orixinal do recinto baixoimperial de Lugo, o que resulta de vital importancia para o coñecemento da súa historia.