Cargando....
Concello de Lugo
10/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Conselleira de Sanidade resalta a importancia dos órganos de participación cidadá para garantir a transparencia na Xestión Sanitaria


# Luns, 09/02/2009
María José Rubio Vidal inaugurou esta tarde en Lugo o Curso de Formación á Cidadanía que conta co apoio da Universidade Internacional

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Participacion Cidadá
  • Participacion Cidadá
A Consellería de Sanidade asinou un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, a Confederación Galega de Asociacións de Veciños e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo para organizar cursos de formación para a cidadanía

O obxectivo destes cursos é formar aos cidadáns no funcionamento dos servizos sanitarios, así como darlles a coñecer os órganos de participación legais dos que poden formar parte

 A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, considera vital promover unha xestión transparente do Sistema sanitario público de Galicia, para o que resulta moi importante, dixo, “dar contido real aos órganos de participación cidadá, xa recoñecidos na lexislación vixente, e que os cidadáns, individualmente ou asociados, se impliquen na toma de decisións”.

A responsable de Sanidade do Goberno galego realizou estas manifestacións na inauguración do Curso de Formación á Cidadanía, que a través da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, se desenvolverá na Delegación de Sanidade en Lugo. No acto inaugural tamén estiveron presentes, a primeira tenente de alcalde do concello de Lugo, Concepción Burgo López; o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o director da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia, José Luís Barreiro Rivas, e o vicepresidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais, o lucense Jesús Vázquez Varela.

Este curso, innovador no estado español e que recibiu os parabéns do Ministerio de Sanidade, conta este ano por vez primeira co respaldo da delegación en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo.

Durante a súa intervención, a titular de Sanidade explicou que “o servizo que máis marca o benestar dunha sociedade é a sanidade”. Neste senso, apuntou que os servizos sanitarios son esenciais para os cidadáns, polo que teñen que dar unha resposta eficaz e de calidade ás súas necesidades de saúde.

Rubio Vidal considera que a administración e os profesionais sanitarios deben vivir a participación cidadá como unha vía de transparencia e de mellora da calidade. “Para mellorar necesitamos escoitar á xente, que nos fagades chegar a vosa opinión, como avaliades os cambios que estamos a facer e que outros cambios precisades que se fagan”, apuntou a Conselleira de Sanidade, quen tamén resaltou que “os cidadáns demandan cada vez máis información, máis participación e máis transparencia nas decisións que afectan á súa saúde individual e colectiva”.

Os axentes claves de saúde (cidadáns, pacientes, profesionais sanitarios e administración) consideran que a participación cidadá é un instrumento útil, válido e necesario, e que hai que buscar novas canles de comunicación entre os profesionais sanitarios e os usuarios e usuarias.

Unha participación responsable da cidadanía precisa que os membros dos colectivos coñezan os seus principais determinantes da saúde, as estratexias para facerlles fronte e o papel das organizacións sociais nas actividades sanitarias.

Para resolver esta necesidade de formación e capacitación, e para coñecer e estar familiarizados coa sanidade e os seus métodos de participación, a Consellería de Sanidade formalizou un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, a Confederación Galega de Asociacións Veciñais e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo coa finalidade de capacitar ao persoal non sanitario das organizacións veciñais, asociacións de autoaxuda e outros colectivos en identificar problemas de saúde nas súas áreas e elaborar medidas para identificalos, así como para poder intervir de xeito eficaz.

Programa de formación
O programa de formación está composto por diversos cursos, talleres, mesas redondas e conferencias que conforme ás directrices do plan de formación da Consellería de Sanidade realizaranse no marco xeral dos cursos da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e outros organizados conxuntamente entre Confederación Galega de Asociacións Veciñais e a Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública.

Nestes cursos, que se levarán a cabo nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, desenvolveranse os seguintes contidos temáticos: elaboración dun diagnóstico da situación de saúde; principais determinantes da saúde, xunto ca metodoloxía para identificalos; manexo de información e indicadores de saúde; a entrevista con informadores clave, cuestionarios; metodoloxía para priorizar os problemas de saúde identificados; elaboración de obxectivos, plans, programas e actividades; traballo en redes de promoción da saúde e órganos de participación comunitaria.

A Consellería de Sanidade será a encargada de asesorar no deseño do programa de formación, así como de poñer a disposición dos organizadores as aulas necesarias para a realización das actividades nas delegacións de Sanidade, así como de colaborar no financiamento do programa de formación obxecto do convenio.

Pola súa banda, a Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública e a Confederación Galega de Asociacións Veciñais terán como cometidos elaborar o programa de formación, seleccionar os participantes e docentes que impartirán os cursos e coordinar coa Consellería de Sanidade o programa lectivo.

Finalmente, segundo contempla o convenio de colaboración, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo, facendo uso da súa experiencia na organización deste tipo de actividades docentes, expedirá os diplomas acreditativos e realizará a recopilación e reprodución da documentación que se achegue nos cursos.

Fomentar a participación dos cidadáns
A máxima responsable da Consellería de Sanidade dixo que “un sistema de saúde máis eficaz e eficiente require que o tradicional rol dos pacientes como consumidores se transforme nunha democracia participativa, para o que é preciso que a administración ceda poder e que os cidadáns acepten a responsabilidade de participar, non só como individuos senón tamén como conxunto de cidadáns a través órganos de participación regulados, como os consellos de saúde de zona, consellos de saúde de área, foros de saúde... é dicir, asociacións estruturadas e cunha traxectoria na defensa do sistema sanitario público.

María José Rubio Vidal aposta por unha participación comunitaria que non só se centre nos servizos sanitarios, senón que tamén abarque outros sectores e condicións sociais directamente relacionadas ao estado de saúde da poboación e ás súas condicións de vida (creación de hábitos de vida saudables, gasto en farmacia, educación para a saúde, uso racional dos recursos sanitarios...).

A titular de Sanidade lembrou que o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha de forma inicial na cidade de Ourense o programa QUERES, de queixas e suxestións, que está a ter moi boa acollida e que permite que todas as reclamacións obteñan unha resposta nun máximo de trinta días, no caso das ordinarias, e de sete días para as urxentes. “Esta participación a través de QUERES é unha oportunidade na que se poñen de manifesto áreas de mellora do sistema sanitario, da relación na atención ao cidadán, e da necesidade de mellorar a comunicación e capacidade de escoita dos profesionais sanitarios”, recalcou.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova