Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reúnese co Secretario de Estado de Planificación para estudar a integración da alta velocidade na cidade


# Luns, 09/02/2009
A Comisión comprométese a que a estación de tren se manteña no mesmo barrio

Imaxe Asociada Tren Alta Velocidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo unha xuntanza de traballo co Secretario de Estado de Planificación e Relacións Institucionais, Víctor Morlán, para constituir oficialmente a Comisión Institucional que estude a Integración da alta velocidade na cidade.

Nesta Comisión participaron tamén o Director Xeral de Ordenación do Territorio da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia, Ramón Saúl Lueje e o Subdirector Xeral de Proxectos da Dirección Xeral de Fomento, José Molina Soto.

O Secretario de Estado destacou que esta xuntanza prodúcese neste momento “porque foi agora cando o Ministerio de Medio Ambiente fixo pública unha declaración favorable de impacto ambiental ao estudo informativo da alta velocidade Ourense-Monforte-Lugo. Esta é a pauta que se segue en todas as cidades españolas a onde chega a Alta Velocidade”.

Estación no mesmo barrio
Na primeira xuntanza de traballo para analizar a chegada da alta velocidade a Lugo o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello chegaron a varios acordos. Un deles foi cumprir o compromiso de López Orozco cos veciños e veciñas de Lugo de manter a estación de tren no barrio onde está. Neste senso Morlán explicou  que “as mellores experiencias na integración do ferrocarril danse en cidades nas que a estación se mantén no centro”.

Neste encontro institucional tamén se decidiu unha nova xuntanza, esta vez de técnicos, para estudar o Convenio asinado en 1997 entre o Concello de Lugo e Renfe sobre a xestión de solos e outros elementos. Nesta xuntanza decidirase tamén o tipo de estación que se quere para Lugo e os beneficios que reportará para o barrio, que debe converterse nun punto importante de conexión ferroviaria.

Doble vía electrificada
Víctor Morlán explicou que a alta velocidade a Lugo chegará aproveitando un estudo informativo aprobado polo Partido Popular pero “complementado para ter unha liña de alta velocidade de tráfico mixto  -mercadorías e viaxeiros-, con doble vía e electrificada”. O Secretario de Estado explicou que se conservou este estudo informativo do PP “porque non quixemos perder nin un minuto de tempo volvendo a empezar dende cero, e agora completarémolo para que sexa todo o ambicioso que debe ser”.

Explicou que o Ministerio de Fomento fixo dúas cousas que indican que quere doble vía electrificada: “unha é que a variante de San Xiao, de 11 quilómetros, xa ten plataforma para dúas vías, polo tanto entre Lugo e Ourense non haberá dificultade. Ademais a  variante de Canabal -cuxo proxecto xa está case finalizado- ten unha plataforma para dúas vías. O feito práctico é que Fomento quere que a liña ferroviaría Ourense-Lugo sexa de dúas vías electrificadas.

Neste senso pediu responsabilidade a aqueles “que din entender de ferrocarril. Fomento quere que a alta velocidade chegue a Lugo e sexa un instrumento de modernización, adecuación dos contornos urbanos e punto de identificación da cidadanía cunha nova forma de mobilidade”.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova