Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reúnese coa Asociación Empresarial Textil da provincia de Lugo para coñecer a súa situación actual


# Xoves, 12/02/2009
O Alcalde e a Concelleira de Economía explicáronlles as axudas do Plan Urban 'compatibles con calquera outra subvención' e as medidas de contención económica postas en marcha polo Concello de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, mantiveron unha xuntanza de traballo coa xunta directiva da Asociación Empresarial Textil da provincia de Lugo para coñecer de primeira man a súa situación no momento de crise económica actual.

O Alcalde explicoulles as medidas de contención económica adoptadas polo Concello e que inclúen a conxelación dos principais impostos municipais -IBI e IVTM- e de taxas relacionadas co apoio ás persoas, como o gasto en Axuda no Fogar. Todas estas medidas están  encamiñadas a colaborar cos veciños e veciñas nun momento económico difícil.

O Alcalde e a responsable de Economía explicáronlles ademais as medidas de apoio á revitalización do comercio que inclúe o Plan Urban que está en execución neste momento, e que conta con máis de 16 millóns de euros para dinamizar o centro histórico. López Orozco destacou que se trata de subvencións "que serán compatibles con calquera outra, e iso é o que deben pedir os comerciantes ao resto das administracións, entre todos debemos sumar".

A asociación expresou a súa preocupación pola reducción do consumo e pediu que as administracións axilizasen ao máximo os pagos ás pequenas e medianas empresas. Esta petición foi moi ben acollida polo mandatario municipal, quen explicou que o Concello ten moi en conta a axilidade nos pagos -cumprindo unhas medias de pago por debaixo dos dous meses, pouco habitual na administración pública debido aos prazos de tramitación dos pagos- e é sensible á situación actual das empresas lucenses.

Outro dos puntos tratados na xuntanza foi o do apoio ao comercio tradicional, a regulación dos mercadillos, ou a simplificación da documentación de concursos e subvencións.

López Orozco explicou que o Concello de Lugo aposta decididamente polo aumento do turismo -nestes anos aumentou nun 420%- que é unha fonte importante de ingresos para o comercio lucense: "temos que continuar con este traballo de atracción de xente á cidade, para iso potenciaremos ademais a mellora do ornato das rúas e prazas da nosa cidade".

O Alcalde anunciou ademais que haberá máis xuntanzas con representantes do sector para traballar "todos na mesma dirección e tomar as decisións axeitadas que permitan apoiar ao comercio lucense nun momento no que somos conscientes de que nos necesitan".




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova