Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e a Deputación preparan un concurso de ideas para as actuacións do Urban no contorno do Pazo de San Marcos


# Venres, 20/02/2009
As obras inclúen a apertura ao público do espazo que rodea ao edificio e a peonalización da rúa san Marcos

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Plan Urban
  • Plan Urban

En poucos días daranse a coñecer as axudas para a mellora dos locais de negocio da zona Urban

Unha das prioridades de intervención da memoria do Proxecto de Iniciativa Urbana (URBAN) aprobado para Lugo é a recuperación dos espazos públicos.  Esta é a máxima que trasladaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, aos comerciantes e donos de locais de negocio dos arredores da rúa San Marcos cos que mantiveron unha xuntanza.

Neste zona é onde se enmarca unha das actuacións máis ambiciosas do plan Urban e que afectará á zona da fachada do Pazo de San Marcos, a peonalización desa rúa -que se fará atendendo ao Plan de Mobilidade que está a elaborar o Concello-, aos calexóns laterais e á traseira que coincide coa Muralla.

López Orozco dixo que sente unha “gran ledicia pola boa acollida dos veciños ante a proposta de peonalización da rúa, e pola colaboración que existe na actualidade coa Deputación provincial”.

Suliñou que con esta proposta “gana o conxunto da cidade cun gran paseo entre o fondo dos cantóns e a chegada á Praza do Ferrol”

O Presidente provincial pola súa banda explicou que “É moi positivo que o proxecto naza dunha forma consensuada, por iso hoxe quixemos falar del cos veciños. Farase un concurso de ideas, pero o importante é que a idea nace con unanimidade na rúa. A peonalización debe ser un proxecto ben entendido pola xente”. Desta forma, remarcou Gómez Besteiro “sacamos adiante unha das asignatura pendentes con esta zona”.

Para poñelo en marcha convócarase un Concurso de ideas que previsiblemente estará en marcha no segundo semestre deste ano 2009.

Para facer esta obra, a Deputación de Lugo cede ao Concello de Lugo a propiedade dos  espazos do fronte e dos laterais ata a Muralla, para o seu acondicionamento e uso con acceso público. O Concello responsabilízase do acondicionamento e mantemento. Os termos desta cesión serán establecidos e quedarán recollidos nun Convenio que formalizarán as dúas partes implicadas.

As actuacións previstas  permitirán executar unha gran aposta e un compromiso asumido polo Alcalde e o Presidente provincial cos veciños e veciñas de Lugo, que contarán cunha gran praza diante do edificio da Deputación, acceso aos xardíns traseiros e estase a negociar a apertura dun tramo máis do Paseo interior da Muralla.

A intervención que se fará sobre esta zona incluirá as seguintes accións:

1)  A peonalización da rúa.

2) A recuperación e adecuación dos calexóns que conectan a rúa de San Marcos coa Muralla nos laterais do edificio da Deputación.

3) A adecuación dos xardíns da Deputación como zona de estancia dotándoo de mobiliario urbano. Recupéran desta forma espazos verdes e ábrense espazos públicos descoñecidos para os veciños e veciñas

4) Dar continuidade ao paseo interior da Muralla a través dos xardíns da Deputación.

Os responsables local e provincial anunciaron que se convocará un concurso de ideas no primeiro semestre deste ano.

O Plan Urban inclúe ademais axudas a locais de negocio da zona urban que en poucos días se darán a coñecer aos posibles destinatarios. Trátase de axudar economicamente a aqueles negocios que queiran mellorar a súa estética exterior nas rúas máis comerciais do centro histórico, concedendo financiación a fondo perdido para:

- a adquisición do mobiliario exterior que se instale en las terrazas de hostelería,
- cambio de rótulos e toldos e
- remodelación da fachada.

O orzamento total que se destinará para estas axudas é de 300.000 € neste ano.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova