Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Pregón das festas de Entroido 2009


# Sábado, 21/02/2009


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Pregon Entroido
  • Pregon Entroido
  • Pregon Entroido

O artista lucense José Blázquez, abriu as festas de Don Carnal coa lectura do pregón ás 20:00 horas na Casa Consistorial. No acto participu o Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, algúns membros da Corporación Municipal e outras autoridades locais.

Pregón das festas
“Benqueridas autoridades, benqueridos lugueses, benqueridas luguesas, benquerido público, benqueridas as miñas persoas benqueridas, benqueridos conxéneres en xeral.
Cando un vai vendo como pasa o tempo e cando ves como o tempo ben aproveitado da os seus froitos, éncheste de gozo e mantés as inquedanzas nun grao alto de satisfacción. Iso é o que me está a acontecer, estou a ver cumpridas cousas que levo tempo argallando e, aínda que na miña axenda de proxectos non estaba o que estou a facer agora, compre moi ben na miña auto estima que o Concello de Lugo, a cidade que eu amo a reo, decidira darme a oportunidade de estar aquí para poder pregoar este Entroido 2009. O demais segue o seu curso.  
Non quixera meterme de cheo a falarvos do que outros, con máis tino, o terán dito, incluso publicado, como xa todas e todos sabemos “todo está nos libros” e agora en Internet, aínda que non é sempre aconsellable facer caso de todo o que anda pululando na rede.
Atrévome a pensar que o disfrace nace pola necesidade da camuflaxe, estou a imaxinarme a un habitante dalgún período da Prehistoria, mimetizándose co entorno para poder cazar ou pasar desapercibido na loita. O Entroido é unha máscara neutra que nos transviste ao noso antollo.
Non sempre o tempo nos xunta nas festas de rúa, indiscutiblemente Lugo ten uns valores importantes e aínda que a climatoloxía non nos acompaña en moitas ocasións, o que está moi claro é que iso a nós non nos bota para atrás e chova ou neve, tentamos saír da casa para aproveitar calquera ocasión de ocio. Está tamén claro que a vida é cíclica, o mar, a lúa... en fin que o Entroido ten pasado por altibaixos como todas as cousas, pero o que hoxe toca é animarvos a gozar da festa. A verdade é que levamos uns anos que na nosa cidade está a florecer coma se dun verxel se tratara. Ano tras ano as persoas anímanse a organizar comparsas e presentarse aos concursos que, tanto o Concello como entidades privadas, organizan nestes días. O Enterro da Sardiña vai crecendo en voluntarios e en popularidade o mércores de cinza. Nos colexios preparan disfraces orixinais, aproveitando materiais de desfeito e as rúas soan a festivo entre charangas e a ilusión duns días de cánticos, danza, sátira, e algo de barullo, esquecendo a teima do paro, da crise e dos problemas en xeral que nos asoballan a cotío.
Recoñezo que toda a vida gustoume a festa do Entroido e sempre que tiven oportunidade disfraceime do que se me ocorreu, en pouco tempo, quero dicir que nunca lle din moitas voltas a miña indumentaria carnavalesca, pero, unha vez posta no meu corpo, intentei sempre pasalo ben e gozar do momento. Porque esta festa pagá é unha espiral envolvente que nos transporta a un mundo onírico, ao que sempre tentamos chegar facendo dos nosos disfraces unha camuflaxe da sobriedade á que estamos acostumados. Indiscutiblemente unha vestimenta feminina nun home lévalle a mover cadeiras e pestanas como a máis afectada das mulleres, tamén un mono de traballo ou outra indumentaria de home nunha muller, fai as ledicias indecorosas do comportamento masculino. Este transformismo é ben claro na vestimenta infantil, tanto nenas como nenos queren levar os disfraces dos seus heroes ou heroínas. No fondo todo está no comportamento interior de cada persoa, atreveríame a dicir, e sen ánimo de crítica, que tanto os homes que adoitan unha postura empresarial, política ou uniformada, levan a vestimenta clásica de traxe e garabata, ou no caso das mulleres, traxes de corte ou elegantes e sinxelas a vez e, para min, non deixa de ser unha postura carnavalesca. Sen ánimo de ofensa, ao que eu quero chegar é que, no fondo adoitamos levala máscara a cotío, por iso de sentirnos protexidos ante o mundo que nos toca. De tódolos xeitos todo ten unha contextura, e un traxe que podemos levar nun momento, fora do seu contexto adoitaría ser un disfrace, é dicir que se agora mesmo eu estivera en bata e pixama, todo o mundo pensaría que estou disfrazado, e en realidade adoito estar así na casa.
E falando desta indumentaria, o importante dun disfrace é que sexa cómodo e que non teñamos que pasar calamidades por levar unha apertada careta de goma ou que non podamos movernos coa axilidade acostumada. A comodidade é importante, aínda que non cabe dúbida que hai dúas propostas á hora de poñerse un disfrace, a primeira pode ser a de pasalo ben, meténdose coa xente co ánimo de que non te coñezan e pasar un tempo de troula pola rúa, e unha segunda postura sería o disfrace de concurso. Xa antes comentei que se organizan concursos de disfraces, tanto en categoría infantil como de adultos e, cada ano que pasa, estes eventos énchense de verdadeiras marabillas, tanto en individuais como en comparsas, ofrecen fermosas propostas orixinais, coloristas, críticas e sociais. E por riba, cada vez estamos máis concienciados dunha palabra máxica que é a reciclaxe, penso que é moi importante que todos teñamos a conciencia ecolóxica cada vez máis elevada.
Está claro que as cousas van cambiando. Os meus pais asistían ao Entroido, ao Carnaval, ao Círculo das Artes, ou ao desaparecido Casino, daquela os homes levaban antefaces ou narices postizas e as mulleres traxes inspirados en tempos atrás, os bailes de cores animaban a xente a confeccionar indumentarias para a ocasión, pero cando eu empecei a saír esa tradición xa estaba en desuso aínda que se non ías disfrazado, tiñas que levar chaqueta e garabata. A  miña nai, no seu Madrid natal, xa viña coa influencia do Carnaval; tradición de salóns privados ou círculos recreativos, e sempre mantivo o costume, dende que eramos ben cativos, de levarnos ao baile infantil. Lembro disfraces de chulos madrileños, de faralais, de enfermeiros e doutoras, de reis, de doncelas, de época... en fin que dende moi cativas as miñas irmáns e mais eu, fomos disfrazados con moito agarimo pola nosa nai, coa axuda inestimable da costureira que acostumaba a amañarnos todos os estragos téxtiles.
Lembro a miña xuventude, e falo dos anos sesenta e setenta, daquela era a xiz dos vellos encerados a que marcaba entre cativos de arriba a abaixo os nosos abrigos e trencas; agora tócalle aos ovos, a fariña e ao tomate ser protagonistas entre a xuventude dunha xornada do Entroido, é indiscutible que, os que xa non somos mozos, non aceptamos este comportamento, pero, como xa sabemos, a xuventude leva as rendas do futuro, estou seguro que cando crezan daranse de conta dos seus erros, como os demais o fixemos no seu momento.
Non é posible dar un pregón deste tipo sen amentar, con ironía, aos que mandan, pero o que eu quero é pluralizar con todos os que nos dirixen, non só os políticos que nos gobernan, senón a todas esas mans de ferro que están a rexer os “seus capitais” con cartos ensanguentados, de pobreza e miseria e de egoísmo cego, encarrilando os posibles da cidadanía mundial en proveito da súa propia egolatría. Poñendo armas en conflictos, enganando, con falsas promesas, aos que non saben, creando grandes emporios coa denigración de homes e mulleres, que traballan a troques dunha inmundicia salarial, por carecer ata do máis básico. Contra todas esas persoas que manipulan, que, en realidade, son as que teñen o poder de facer ou desfacer os mercados financeiros, son coas que eu me quero meter. A esa xente lles cribo a alma é so sae zume ácido, corrosivo, mordaz...
É por iso que quero pedir, aos que aínda non son corruptos, que cando fagan algo pola cidadanía que o fagan como se da súa familia, casa ou espazo se tratara, porque en realidade o mundo enteiro e unha grande casa na que estamos alugados e na que todos precisamos de tela cómoda, limpa e coa sobriedade necesaria para poder acadala estabilidade do tempo que nos dura a nosa estancia nesta vida.
O espazo está resolto. A cor quere sobresaír, o tempo espértaa e enche as nosas vidas de beleza, mesturándose e degradándose co entorno; o Entroido ofrécenos o seu xogo e a súas posibilidades. Xoguemos.
Ride, divertirvos e aceptalas grazas, que todos, nalgún momento, temos que rascala.
Viva Lugo! Vivan as luguesas! Vivan os lugueses e todas e todos os que comparten en plural a nosa cidade.  
Viva o Entroido! E viva o Entroido 2009”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova