Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo visita o desenvolvemento das obras do Centro de Convivencia, Casa das Línguas e a Escola Infantil de A Piringalla


# Xoves, 26/02/2009
Estas importantes obras do norte da cidade estarán rematadas en setembro deste ano e supoñen un investimento total de 1.334.966 euros

Imaxe Asociada Centro Convivencia

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, visitaron o desenvolvemento das obras do Centro de Convivencia-Casa das Línguas da Piringalla e da Escola Infantil que se están a construir neste barrio do norte de Lugo

A primeira parada do mandatario municipal foi na Escola Infantil, situada na rúa das Fontes e que  conta cunha superficie de 2.100 m2.

Escola Infantil

É unha Escola con arredor de 60 prazas que contará con catro aulas e aseos para os máis cativos, sala de usos múltiples, comedor, cociña, despensa, despacho de dirección, administración, baños para o persoal adulto, cuarto de instalacións e un patio cuberto para carros de bebé cunha superficie total de 422,25 m2.

Esta última proposta, ao carón dun dos accesos exteriores, trata de resolver un problema co que se atopan moitas nais cando van chovendo a recoller aos seus fillos e fillas e teñen que esperar fóra da Escola a que saian, posto que ao tratarse de nenos pequenos é necesario ir a buscalos con anterioridade da saída.

A escola proxectouse con tres corpos: un centro de dúas plantas e outros dous laterais: un de aulas e outro de servizos.

O corpo de aulas está formado por catro salas iguais co seu correspondente baño individualizado adaptado a bebés. As aulas están orientadas ao mediodía asegurando o seu soleamento e iluminación natural, e cada unha delas irá pintada dunha cor diferente, xa que se pretende que sexa un edificio cheo de iluminación, luz e positivismo. O corpo de servizos comprenderá a recepción, o comedor, cociña, sala de usos múltiples, o despacho de dirección e o patio cuberto.

Dentro desta área, pero con acceso independente dende o exterior do edificio, están ubicados o cuarto de instalacións e a cociña.

Dado que a Escola Infantil servirá a unha grande área de poboación e para que os accesos ao centro sexan prácticos, optouse por dotala de accesos dende as dúas rúas ás que ten fronte, evitando ter que dar a volta á mazá para ter que acceder.

O edificio debe de ser unha illa entre os bloques de vivendas de gran densidade que o rodean, onde o fundamental serán os xogos e o entretemento dos nenos e nenas, para que tanto no interior do edificio como no exterior se poidan relaxar e sentir seguros e protexidos, polo que se proxectaron areeiros e xardíns exteriores que axudan a conformar un espazo infantil privilexiado.

Ademais, tívose en conta o necesario para conciliar o sono nas zonas de repouso: zonas de penumbra fronte á luz e illamento acústico fronte ao son que favoreza o silencio.

O orzamento total desta obra é de 417.000 euros e está previsto que estea rematada no mes de setembro deste ano 2009. Con esta Escola Infantil, Lugo contará con tres Escolas xunto a Serra de Outes e Fontiñas. En pouco tempo uniranse a do Ceao e a de Montirón Sanfiz, que permitirán aos veciños e veciñas de Lugo contar con 5 Escolas Infantís públicas.

Centro de Convivencia-Casa das Línguas

O edificio do Centro de Convivencia-Casa das Línguas desenvólvese nun volúme único con dous accesos independentes dende a rúa: un para a planta semisoto onde se ubica a Casa das Línguas e outro para a planta baixa que é onde vai o Centro de Convivencia. Desde esta planta é por onde se accederá á biblioteca e ao despacho situados na planta alta.

A parcela, en forma de ele, con fronte ás rúas Ángelo Colocci e Rúa Lavandeira, é anexa a unha mazá de edificios de vivendas e zona verde privada. O edificio ocupa a totalidade da parcela pegándose ás medianeiras existentes e solventando as necesidades lumínicas e de ventilación das dependencias mediante un patio axardinado. A planta alta, destinada á biblioteca, conforma un paralelepípedo con fronte á rúa Angelo Colocci que xera á súa vez en planta baixa espazos cubertos para os accesos a esta planta e á semisoto.

Centro de Convicencia-Casa das Linguas

A planta semisoto, destinada a Casa das Línguas contará con:
- Vestíbulos de 77 m2
- Zona de uso público de 241,60 m2
- Servizo Administrativo de 37,6 m2
- Arquivo, almacén de 25,9 m2
(nesta planta haberá dúas salas de usos múltiples e unha sala de linguas)

Deste xeito estarán en marcha dúas Casas das Línguas –a outra está a piques de comezar a funcionar en Acea de Olga- de forma gratuíta para toda a cidadanía e na que poderán prácticar idiomas estranxeiros.

Na planta baixa estará situado o Centro de Convivencia:
- Vestíbulo 57,30 m2
- Zona de uso público de 108,45 m2
- Servizo Administrativo de 138,95 m2
- Arquivo, almacén de 37,31 m2

Esta planta contará con varias salas de usos múltiples e un ximnasio ou zona de rehabilitación coas correspondentes duchas e vestiarios.

Na planta alta estará a Biblioteca do Centro de Convivencia:
- Vestíbulo 57,30 m2
- Zona de uso público de 108,45 m2
- Servizo Administrativo de 138,95 m2
- Arquivo, almacén de 37,31 m2

A superficie útil do edificio suma un total de 1.009,60 m2 e 1.163,80 m2  de superficie contruída e estará rematada a finais de agosto deste ano.

A superficie total da parcela é de 537 m2 e conta cun orzamento de 917.966 euros.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova