Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Cultura e Palimoco Teatro presentan a obra Construcións Clementina, dígame


# Luns, 02/03/2009


Imaxe Asociada Construcións Clementina, dígame

ESCRITA E DIRECCIÓN
A escrita desta obra pasou por diversas fases de creación. O tema
estaba claro dende o principio: tratar a morte dende a vida. A
Morte, un tabú moitas veces, pero tan presente na vida...
A escritora trata de transmitir a crenza de que a xente que xa non
está permanece viva namentres nós a lembremos. Esta xente está
aí, tal vez, como Clementina, velando por nós.
Nun primeiro momento, a autora creou unha serie de debuxos
que narraban un conto. Deste partiu o esquema vertebral da
obra, que se fraguou e acabou de crear no propio traballo cos
actores.
O feito de que Paloma Lugilde era á vez creadora e directora, fixo
que a dramaturxia de movemento e a creación da obra estivesen
intimamente ligados ó traballo cos propios actores.

SINOPSE ARGUMENTAL
A historia de Clementina é a historia dunha persoa maior, que
ten unha casa que xa non consegue pagar… Un día chega a
temida carta de desaloxo, data límite o vinte catro de Nadal. O
corazón de Clementina rompe de dor, pero nese preciso instante,
nesa precisa milésima de segundo, o seu corazón cae nas mans
do Home das Apertas e dos cráteres que a acompañarán na súa
viaxe á lúa...o seu derradeiro soño?
Na lúa agardan por ela a Nena do Ollo Pecho, a Nena das Arestas
e alguén moi especial, o seu compañeiro Sigfrido.

A HISTORIA
Comeza coa marcha da filla de Clementina, Kenia, a Nova York.
Canda ela van o seu marido Robert e Clemens, a súa filla.
É triste deixala soa, pero Clementina non quere abandonar a súa
casa, a casa na que sempre viviu, onde veu medrar o seu amor
polo seu home Sigfrido. Non quere, aínda que el xa non esté.
A súa neta, antes de marchar, déixalle coma agasallo un “mp3”
coa música do avó: Chopin. Clementina, a súa vez, dálle a cámara
de fotos que noutro tempo pertenceu ó avó. “As imaxes fannos
lembrar a xente que xa non está”.
Perto do Nadal chegará unha carta para Clementina. A pensión
non lle chega, e non pode pagar as débedas da casa, polo que lle
obrigan a abandonala. É horrible, pero... non quere molestar,
mellor non chamar a Nova York, queda demasiado lonxe.
Esta nova, vai facer que o corazón de Clementina sufra e non
poida máis.
O tempo de Clementina ven marcado polo que acontece noutro
espazo, metaforicamente representado pola LÚA (que ben
podería se-lo seu cerebro).
Alí habitan personaxes fantásticos (que forman parte da propia
vida e da personalidade de Clementina).
O Home das Apertas: traballador incansable que da moito amor
pero, porén, ás veces semella esquecerse dos que están ó seu
redor.
A Nena do Ollo Pecho: non lle gustan as inxustizas, non quere ver
as cousas malas e ás veces prefire ficar na casa.
A Nena das Arestas: aventureira, precisa ver, coñecer...
Os Cráteres: Mala Pata, Artistiña, Malas Pulgas e Listiño.
Neste mundo lunático todo vai ben pero... xusto no momento en
que Clementina recibe a nova do desafiuzamento, na Lúa comezan
as discusións. A Nena das Arestas, a Nena do Ollo Pecho e o Home
das Apertas discuten por un xogo, pero o conflito maior ten lugar
cando a Nena das Arestas, sen querer, rompe un dos reloxos que
marcan o tempo de Clementina (premonición da morte desta).
Os cráteres baixarán a buscala, pero todo se acelera...
A morte de Clementina fai que esta emprenda un viaxe tolo que
terminará na Lúa. Nesa viaxe, cruzarase coa Nena das Arestas:
Clementina sube á Lúa e a Nena das Arestas baixa(marca a
evolución).
Clementina pregúntase que fará agora... As súas personaxes
dinlle que pode facer o que queira, que pode elixir.
Ela creará “Construcións Clementina, dígame... Fábrica de soños”.

PERSONAXES
O Home das Apertas:
Personaxe lunático, encargado de dar e dar e dar amor e cor ó
mundo. Dirixe ós cráteres e os adestra cada día. É o encargado
do bo funcionamento da Lúa, encántalle ter todo controlado.
Fala do revés. Curiosamente, aseméllase a Robert, o xenro de
Clementina. Xunto ós cráteres, buscará na Terra a Clementina,
no momento en que o reloxo de area se esgote ou se rompa,
como vai ser o caso. Ó traballar tanto descoida ós seus amigos e
compañeiros, sobre todo á Nena das Arestas.
Home das Apertas:
Euq sadna a recaf
Lam, lam, lam
Arim a nim. Ut oniaf noc son
Tula, tula, tula...
Lam, lam, lam
Arap etnaida non arap sarta
Tula, tula, tula...
Atse net euq res a aob, añev.
A Nena do Ollo Pecho:
Personaxe lunático, non quere saír da súa casa. Ten moito medo,
non só ó descoñecido senón a todo aquilo que estea sucio, non
quere que ninguén a toque.
Nena do ollo pecho:
elistoquirracamala,ulastacapelisroqui, estipirrilostimarra,
lustaperrispetimala,rruscacatamala,rruscacatamala, pilirrucatala,
rustapelismarra.
A Nena das Arestas:
Personaxe lunático, encántalle vivir cada milésima de segundo,
ten a necesidade de descubrir. Loita contra os demais personaxes
da lúa, xa que non a entenden nin a escoitan. Na derradeira
discusión decide deixar a lúa. Seméllase á neta de Clementina,
Clemenc.
Nena das Arestas:
eeeiii!!
A jafa brenskili vo. Aaaa raka pénskala vu! e Ju!
E veguelanskalavaaaaaaaaaaaaa
E ranskafrúskala!!(empuxándoos un por un)
A brúskala!!
E grénskala!!
E renskapráskala fráskala pa!!
Clementina:
Muller de 75 anos, viúva. Ten unha filla, Kenia. O seu home Sigfrido
gustaba moito da danza e da fotografía. Foi el quen lle transmitiu
a súa paixón pola danza. Vive na Porta de madeira sita na Rolda
da Muralla.
Os personaxes que ela atopará na lúa son todo aquilo que foi e
que lle gustaría ter sido:
-Aventureira como Arestas
-Traballadora como Apertas, que non cansa de dar amor.
-E medorenta como a Nena do Ollo Pecho.
Precisa ós tres para ser ela, e cos tres atópase na súa viaxe.
Decátase de que estará viva sempre que alguén se lembre dela,
por iso decide que o que ten que facer e seguir coidando dos seus
dunha maneira moi especial creando unha fábrica de soños,
porque o mundo non pode deixar de soñar, senón morrerá.
Sigfrido:
Compañeiro sentimental de Clementina. Morreu fai anos cando
el e Clementina estaban no mellor da vida. No momento en que
a area do reloxo cae, Clementina e Sigfrido están máis cerca de
atoparse.
Cráteres:
Son catro: Gruñón, Mete Pata, Listiño e Artistiña. Son personaxes
lunáticos que axudan ao home das apertas na súas labores.
Os reloxos:
Marcan o tempo de Clementina.
Cachiporra e Chipicorra:
Dous mendigos que aparecen ó final da obra perseguindo a
Clementina, xa como construtora de soños, e que levarán un
susto ó entrar e descubrir a fábrica de soños.
Robert:
O xenro de Clementina.
Kenya:
A filla de Clementina.
Clemenc:
A neta de Clementina.
Os oficinistas:
Os encargados de transmitir as novas a Clementina do
desafiuzamento.

TEMPO E ESPAZO
- Na Terra: A casa de Clementina, as rúas da cidade e a oficina.
- Na lúa: A casa da Nena do Ollo Pecho e a casa do Home das
Apertas.
- Espazo intermedio: Entre a Lúa e a Terra.
- A fábrica de soños
Existen dous espazos fundamentais na obra: a terra e a lúa, así
como o paso intermedio entre os dous.
O espazo da lúa, onde están os seres lunáticos e onde está o
tempo de vida de Clementina, é algo metafórico (a viaxe á lúa é
a viaxe á morte, ou a unha vida eterna).
Todo isto ven marcado polo xogo coas imaxes e as luces, o cambio
deses espazos, e tamén polos personaxes. Os cráteres irán da lúa
á terra en busca de Clementina.
Clementina e Arestas intercambian o seu espazo nun determinado
momento, marcando a evolución

XUSTIFICACIÓN DA POSTA EN ESCENA
Atraíanos a idea de facer unha montaxe infantil debido ós anos
traballados con nenos e nenas no Colexio Fingoi e Escola Arte e
Lecer. Pareceunos todo un reto pero, por que non? Así, o tema
a tratar sería a morte, un tema ás veces demasiado tabú. A posta
en escena e o traballo de dramaturxia de movementos está moi
presente.

XOGO DOS ACTORES

O segundo conxunto profesional de Palimoco está formado por
actores e actrices con experiencia no mundo afeccionado,
universitario e profesional. (O primeiro espectáculo de Palimoco
Teatro veu a luz en xullo de 2008: O RATO DA BIBLIOTECA, cun
elenco de 10 actores, que continúa en xira.
O elenco traballa xunto dende fai anos: Alberte Viveiro, Alba
Fernández e Iria Otero comezaron a súa andaina no mundo do
teatro coa que será a súa compañeira de reparto e directora,
Paloma Lugilde.
Alba Fernández empeza a súa andaina no teatro ós 9 anos, no
Colexio Fingoi de Lugo, uníndose ó grupo de teatro afeccionado
dende moi cedo. Ó chegar ó mundo universitario, pasa a formar
parte da Compañía de Teatro da USC- Lugo, no elenco de “O
Público”, de Federico García Lorca. Ese mesmo ano foi becada na
escola de teatro de Herning (Dinamarca) nun curso de catro
meses. Nese mesmo ano comeza a formar parte do elenco da
Compañía de Os Monicreques de Kukas. Ten formación musical
ampla, especializada na viola.
A partir do 2008, socia da S.L. Actúa no Rato da Biblioteca.
Alberte Viveiro forma parte do Taller de Arte Dramática da USCLugo
no 2004-2005, posteriormente únese a Palimoco Teatro.
No 2006 recibe, xunto con Alba Fernández, a beca a Dinamarca.
Nese ano comeza a formar parte do elenco da Compañía de Os
Monicreques de Kukas, e igualmente forma parte da Compañía
de Teatro da USC- Lugo coa obra “O Público”. A partir do ano
2008, socio de Palimoco S.L. Actúa no Rato da Biblioteca
Iria Otero forma parte do Taller de Arte Dramática da USC- Lugo
no 2003-2005, posteriormente únese a Palimoco Teatro.
Alfonso Miguez (José Antonio) formouse na aula de teatro
universitaria de Ourense. Ten experiencia dentro do campo
afeccionado no grupo Trécola Teatro de Ourense.
Paloma Lugilde, procede do mundo da danza e empezou a facer
teatro no grupo independente da Universidade da Coruña Títeres
sen cabeza. En 1998 funda en Lugo o grupo de teatro afeccionado
Palimoco. Recibe formación actoral en diversos cursos con Antón
Valen, Norman Taylor, Isabel Úbeda, Elena Seijo e Fina Calleja,
Anxeles Cuña, Fernando Dacosta, Suso Díaz, Avelino González e
Claudia Contini, entre outros.
Actualmente fórmase en voz con Vicente Fuentes.
Palimoco Teatro nos seus 10 anos de compañía afeccionada sempre
estivo preocupada pola formación dos seus actores. O grupo é
impulsor do ciclo formativo que se celebra todos os veráns en
Lugo: o Teateatre.
A presenza do actor, o seu adestramento físico e a dramaturxia
de movementos débese principalmente ao asesoramento de
Isabel Úbeda, membro do Odin Teatro durante 10 anos, coa que
recibiron varios cursos. Así como tódolos cursos de interpretación,
construción da personaxe, dramaturxia e dirección recibidos por
membros da compañía Sarabela Teatro.
O corpo da voz veu da man de Vicente Fuentes, asesor de voz da
Compañía Nacional de Teatro Clásico e do Teatro da Abadía, co
que seguimos a ter unha formación continuada Ó longo do ano.

SON
O espazo sonoro parte de claves concretas.
O espazo da terra:
Clementina respira con música clásica de Chopin en lembranza
de Sigfrido
Os oficinistas a través das estacións de Vivaldi. A primaveira no
momento en que estes soñan coa carta que lle querían escreber
a Clementina, en cambio cando se achega o momento real da
ruina soa o inverno.
No momento do Nadal, as compras, a multitade de xente soa
unha música totalmente comercial.
O espazo da lúa:
Empápase da música de Germán Díaz
O espazo intermedio:
Ven dado por unha mistura de atmósferas. Cantando baixo a
choiva, E.T o extraterrestre, O mago de Oz…
Por espazo sonoro tamén entendemos toda a linguaxe dos
personaxes que nos leva a unha atmófersa fantástica.

REPARTO ARTÍSTICO E TÉCNICO
Reparto Artístico
Alba Fernández: Clemens, Nena das Arestas, cráter Artistiña,
reloxo e oficinista.
Paloma Lugilde: Clementina e reloxo tolo
Alfonso Míguez: Sigfrido, cráter Mala Pata, reloxo e oficinista
Iria Otero: Kenia (filla de Clementina), Nena do Ollo Pecho, cráter
Listiño, oficinista e reloxo
Alberte Viveiro: Robert, Home das Apertas, oficinistas e cráter
Malas Pulgas.

Ficha Técnica:
Produción e distribución: Javier Díaz e Maribel Lugilde
Prensa: Maica García
Cartaces e programas: TATATA
Equipo Técnico de luz e son: Luzsonga. Alfredo Sarille
Escenografía: Suso Díaz
Imaxes: Suso Díaz e Diego Blanco
Fotografía: Mario García Herradón
Música: Germán Díaz PI
Vestiario: Teté Díaz
Realización do vestiario: Teté Díaz, Chelo Trinidad, María Lamela.
Asesoramento: Suso Díaz
Dirección: Paloma Lugilde


Será o domingo 8 de marzo as 18.30 horas no Gustavo Freire
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova