Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Publicada no BOP a apertura do procedemento de adxudicación de dúas obras máis do Fondo Estatal de Investimentos Locais


# Xoves, 05/03/2009
Anúnciase a licitación do edificio destinado a Casa da Xuventude en San Fiz e da mellora das instalacións do Centro de Servizos Municipais

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou hoxe, xoves 5 de marzo, a apertura do procedemento de adxudicación de dúas obras do Concello de Lugo incluídas nos 79 proxectos con base ao Fondo Estatal de Investimentos Locais do Goberno para este ano.

O BOP anuncia a licitación dun edificio destinado a Casa da Xuventude, que se ubicará en Montirón-San Fiz. Esta dotación virá dinamizar a vida social dunha zona da cidade na que residen un elevado número de mozos e mozas, que verán ampliada a súa oferta cultural e de lecer coa posta en funcionamento do centro. A construción da Casa da Xuventude conta cun orzamento de 974.400 euros do Fondo Estatal de Investimentos Locais.

O Boletín Oficial da Provincia publica tamén a apertura do procedemento de adxudicación da renovación da cuberta, a rehabilitación da fachada e a incorporación dunha galería, no Centro de Servizos Municipais, sito na Ronda da Muralla. Esta obra conta cun orzamento de 782.066,39 euros.

A apertura do procedemento de adxudicación destas dúas obras súmase á licitación do novo ximnasio, da ampliación da piscina de Frigsa, da Casa Domótica para persoas con discapacidade e da renovación da cuberta da Casa Consistorial, publicadas esta mesma semana no BOP.

As obras incluídas polo Concello de Lugo no Fondo Estatal de Investimentos Locais, promovido polo Goberno para o 2009, supoñen un investimento de máis de 16 millóns de euros nos barrios e na zona rural do municipio,  así como a creación de preto de 400 postos de traballo ao longo do ano en Lugo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova