Cargando....
Concello de Lugo
06/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo reedita con Alonso Montero a edición facsimilar do libro Antonio Machado na nosa voz


# Xoves, 05/03/2009


Imaxe Asociada O Concello de Lugo reedita con Alonso Montero a edición facsimilar do libro Antonio Machado na nosa voz

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o escritor, académico e profesor, Xesús Alonso Montero, presentaron no Concello a reedición facsimilar Antonio Machado a nosa voz, que viu a luz por primeira vez no ano 1966.

López Orozco destacou a figura de Alonso Montero “pai deste libro” e lembrou o Lugo dos anos 60 cando o Círculo das Artes poñía en circulación este título.

 En 1966, en plena longa noite de pedra, publicouse en Lugo, patrocinado polo Círculo das Artes, un libro singular. Era un pequeno volume de homenaxe a Antonio Machado, impreso a multicopista, de 75 páxinas, e como lembra o profesor Alonso Montero, a súa tiraxe foi só de 300 exemplares. A pesar diso, hoxe é considerado con toda razón un libro histórico, do que os lucenses podemos estar orgullosos por moitos motivos.

López Orozco destaca na presentación algúns destes motivos:

“En primeiro lugar, Antonio Machado, o gran poeta de sempre, era daquela un símbolo vivo contra a ditadura. Os seus poemas eran lidos con devoción por milleiros de persoas que ansiabamos o retorno das liberdades polas que, en definitiva, don Antonio dera a súa vida, que se extinguiu en Colliure, cando intentaba refuxiarse en Francia despois da derrota militar da República.

En segundo lugar, a homenaxe e o libro tiveron unha esencial dimensión galeguista, de reivindicación da nosa lingua, de grande importancia naqueles tempos escuros.

En terceiro lugar, á fronte dos promotores da homenaxe e do libro figuraban dous grandes profesores de Instituto que deixaron un rastro indeleble en varias promocións de lucenses. Un deles, Epifanio Ramos de Castro, deixounos vai xa para tres anos. O outro, Xesús Alonso Montero, agora catedrático emérito da Universidade de Santiago, segue vivo e activo, e sexa por moitos anos”.

Para o Alcalde lucense, é precisamente grazas ao profesor Alonso Montero que esta reedición facsimilar se enriquece cun importante ensaio no que relata a historia da homenaxe e do libro. “Lendo ese extenso prólogo poderán entenderse mellor aqueles tempos difíciles, nos que o que hoxe nos parece tan natural era unha aventura da intelixencia contra a censura, unha censura sempre atenta a afogar o pensamento libre, pero que desconfiaba máis aínda dos textos no noso idioma.
Ademais das prosas e dos poemas de don Antonio traducidos ao galego, os lucenses veremos con pracer que entre os poetas que xuntaron as súas propias voces a aquela homenaxe están veciños nosos tan ilustres coma o noso querido Manuel María, Arcadio López-Casanova e Bernardino Graña.

É para min un gozo e un privilexio poñer estas palabras á fronte da reedición de Antonio Machado na nosa voz, un histórico libro lucense e galego, que o noso concello e a nosa cidade se honran en poñer de novo en circulación máis de corenta anos despois”.

Xesús Alonso Montero agradeceu o apoio do Concello de Lugo para que esta publicación vira a luz “trátase da mesma publicación do 66 pero cun estudo preliminar que nos achega a situación socio-política que se vivía en España.

Montero explicou parte da historia da vida deste escritor, “que morreu de tristeza, esa foi a verdadeira causa do seu falecemento, no exilio, sendo considerado xa un dos grandes das letras españolas”.

Pola tarde a Casa do Concello acollerá un acto literario no que participarán Alonso Montero e o tamén escritor Claudio Rodríguez Fer.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova