Imprimir

A OMIC DO CONCELLO DE LUGO ATENDEU NOS PRIMEIROS MESES DO ANO 241 CONSULTAS E 146 RECLAMACIÓNS


12/3/2009 A Concellería de Servizos Xerais celebra o Día Mundial do Consumidor cunha conferencia e unha visita ao porto de Celeiro

O portal web do Concello conta cun novo espazo con información sobre a OMIC

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou o programa de actos do Día Mundial do Consumidor xunto a Presidenta da Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Lugo, Pilar Becerra.

A edil aproveitou a ocasión para ofrecer un balance das consultas e das reclamacións rexistradas na Oficina Municipal do Consumidor (OMIC) ao longo dos meses de xaneiro e febreiro de 2008. Zarzuela explicou que nestes dous meses a OMIC atendeu 241 consultas e 146 reclamacións unha cifra que creceu considerablemente respecto ao mesmo período do 2008 debido, principalmente, ás reclamacións relacionadas cos recibos das compañías eléctricas que suman 75 consultas e 67 reclamacións.

Os servizos de telefonía móbil e internet continúan a liderar os motivos de consultas e reclamacións atendidas nesta oficina, debido principalmente aos problemas que atopan os consumidores para darse de baixa nos servizos contratados, para cambiar de operadora ou por desacordos coa facturación.

Outros temas sobre os que se reciben consultas habitualmente son o gas e a electricidade e sobre servizos ofertados polos sectores da banca e dos seguros, que supoñen o 10% das solicitudes de información atendidas, respectivamente.

Luisa Zarzuela destacou o incremento de consultas realizadas polos consumidores sobre a compra de vehículos usados, que supoñen o 14´1% das consultas atendidas e o 7´6% das reclamacións atendidas na OMIC.

Respecto ao periodo de rebaixas, rexistrouse o 14´6% das consultas e o 3% das reclamacións relacionada con produtos como a roupa, o calzado oe o 3´4% das consultas e o 2´2% das reclamacións sobre electrodomésticos. A Concelleira destacou que “os consumidores cada vez están máis informados e os comerciantes cumpren coa normativa vixente”, manifestou Zarzuela.

Día Mundial do Consumidor
O Día Mundial do Consumidor conmemórase cada 15 de marzo dende o ano 1962 para difundir os dereitos dos consumidores. O Concello de Lugo súmase a esta celebración cun programa de actos que se desenvolverán dende hoxe xoves, 12 de marzo, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa de Lugo.

A partir das 19:30 horas terá lugar no Salón de Actos do Centro Social Uxío Novoneyra unha conferencia sobre Produtos precociñados e conxelados que impartirá Isabel García Gómez. Xa na xornada do venres celebrarase unha visita ao Porto de Celeiro.

A OMIC en www.lugo.es
A Concelleira anunciou ademais que o Concello de Lugo porá no seu portal web www.lugo.es un novo enlace con información sobre a OMIC de utilidade para a cidadanía.

Este novo espazo no portal municipal aporta datos sobre a ubicación da OMIC, contacto e o horario de atención ao público. Ademais explícase que é a OMIC, os servizos que ofrece, os asuntos que trata e a información necesaria sobre lexislación e follas de reclamacións.

O espazo ofrece á cidadanía a posibilidade de facer chegar ao servizo municipal as súas suxestións e reclamacións a través do correo electrónico.

Con este novo enlace, o Goberno Local pretende ofrecer á cidadanía unha información clara sobre a Oficina de Información Municipal.