Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Infanta Elena e o seu primoxenito, socios de honra do Azkar Lugo FS


# Xoves, 12/03/2009


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Hoxe foi un día histórico para o Azkar Lugo. O club lucense que neste ano 2009 cumpre 25 anos de historia, escribiu unha páxina máis na súa humilde historia como club de fútbol sala. E é que hoxe se deu a coñecer que A Súa Alteza Real, a Infanta Dona Elena, así como o seu fillo, o Excmo. Sr. Don Felipe de Marichalar de Borbón, aceptaron a proposta da entidade galega para ser socios de honra do club.

No mes de setembro do pasado 2008 o club púñase en contacto coa Casa Real para facer a petición. Dende a entidade lucense enténdese que para nomear aos seus Socios de Honra había que comezar polo máis alto e que mellor xeito que facelo que a través da Casa Real tendo en conta que a Infanta Dona Elena é á súa vez Duquesa de Lugo e ademais é unha persoa moi ligada ao deporte, facendo esta petición tamén extensiva ao seu fillo, Felipe de Marichalar de Borbón. O pasado 15 de xaneiro chegaba unha carta ao club admitindo que a petición estaba en curso e que a mesma estaba sendo estudada directamente pola Infanta. Pois ben, o pasado 27 de febreiro a petición era aceptada e dende este día o Azkar Lugo FS xa ten aos seus dous primeiros Socios de Honra.

A presentación, en rolda de prensa
Na mañá deste xoves o club quixo facer oficial o nomeamento. O Concello de Lugo acolleu o acto co seu Alcalde, José López Orozco, así como o Presidente do Azkar Lugo FS, Manuel Vázquez. Ademais todos os representantes dos grupos políticos no Concello tamén se uniron a esta importante noticia para a cidade lucense. A Deputación Provincial de Lugo non puido estar representada no acto por problemas de axenda dos seus representantes, pero tamén manifestou o seu apoio total ao nomeamento dos Socios de Honra da entidade.

Manuel Vázquez asegurou mostrarse “orgulloso porque hoxe é un día especial para o noso club e creo que tamén para toda a cidade de Lugo. Conseguiuse algo histórico para o club, pero isto non é froito só da nosa xente, senón tamén de todas as institucións, afeccionados e medios de comunicación que día tras día fan máis grande a este club, porque nós non só somos un club cun equipo na máxima categoría, se non que detrás diso hai moito máis”. Pola súa banda o Alcalde da cidade manifestaba que este feito é “importante para todo Lugo e é todo un detalle por parte da Casa Real o aceptar a proposta levada a cabo polo Azkar Lugo. Se se lle concedeu a este equipo é polo seu bo facer e animo ao club a seguir por este camiño porque Lugo vai ser importante no día de hoxe por este feito”.

Unión das institucións e o club
Na rolda de prensa Manuel Vázquez tamén adiantou que vai propor a todas as institucións crear un grupo de traballo para reunir ás mesmas e ao club e conseguir elaborar un proxecto institucional no que a Infanta Elena e o seu fillo estean presentes na cidade e así lle poidan ser entregados en persoa os carnés como Socios de Honra do club. Este acto estaría enmarcado dentro dun gran acontecemento deportivo e institucional.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova