Imprimir

O CONCELLO DE LUGO E CAIXA GALICIA REEDITAN A GUÍA DO CONTRIBUÍNTE PARA FACILITAR O ACCESO Á INFORMACIÓN DE TODA A CIDADANÍA


13/3/2009 Un total de 150.000 exemplares permitirán aos veciños e veciñas de Lugo coñecer o calendario para o pago dos tributos municipais

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, e o Director Territorial de Caixa Galicia en Lugo, Walter Álvarez, presentaron a reedición en papel da Guía do Contribuínte que patrocina Caixa Galicia e que a partir de abril se repartirá entre a cidadanía e se poderá descargar dende o portal web do Concello www.lugo.es.

Trátase dun manual con información de moita utilidade para os contribuíntes, e que, entre outras cousas recolle un calendario estable para o pago dos tríbutos. Sonia Méndez destacou que “ese foi un compromiso que asumín o día que aceptei este cargo, que a cidadanía soubese con antelación a data de pago de cada tributo para axudarlles a organizar as súas economías domésticas”. O Concello comezou a repartila con Caixa Galicia o ano pasado para cumprir cunha demanda dos veciños e veciñas que pedían datas concretas e fixas para efectuar o pago dos impostos.

A Concelleira destacou a importancia desta ferramenta e o gran “esforzo que está a facer este Concello para seguir conxelando impostos e taxas, nunha época dura tamén para as administracións locais, e establecendo bonificacións que favorezan sempre aos que máis o necesitan”.

Pola súa banda, Walter Álvarez sinalou a gran utilidade desta guía para os contribuíntes e afirmou que “Caixa Galicia sempre estará disposta a colaborar en todas as iniciativas como ésta, que redundan nun maior beneficio para os cidadáns”. O director territorial de Caixa Galicia tamén destacou “a histórica e moi estreita colaboración que Caixa Galicia mantén con esta cidade dende hai anos e que nos permite estar máis cerca de todos os lucenses”.

Esta guía inclúe tamén unha descrición dos Tributos Municipais para garantir que os contribuíntes teñan claras as súas obrigas tributarias, coñezan o feito impoñible e saiban en que circunstancias están obrigados a pagar. Inclúe tamén información sobre os Beneficios Fiscais, para que a cidadanía coñeza os seus dereitos, unha relación dos medios de pagamento existentes, e o modelo de domiciliación de recibos que o contribuínte pode cubrir e depositar nas dependencias da Tesourería Municipal.

Con esta reedición haberá na rúa 150.000 exemplares desta guía que tamén estará dispoñible na web municipal: www.lugo.es e no 010, será distribuída polo Concello nas dependencias municipais, centros sociais, asociacións de Lugo...e por Caixa Galicia a todos os seus clientes.

Sonia Méndez explicou que o que se pretende é a defensa dos dereitos dos contribuíntes, que estén completamente informados de todo o relacionado co pago de tributos. Preténdese tamén o equilibrio nas relacións fisco-contribuínte, facilitar o cumprimento das obrigas tributarias, a mellora da equidade e eficiencia, o incremento da calidade na prestación dos servizos tributarios municipais e, por suposto e ante todo, o aumento da transparencia.

Medios de pago
A responsable de Economía tamén lembrou as novas medidas de pago postas en marcha pola administración local neste último ano e que supoñen novas ferramentas que facilitan a xestións aos administrados.

O pasado 20 de abril a Concellería de Economía, puxo en marcha unha serie de medidas encamiñadas a dar máis garantías aos contribuíntes lucenses e mellorar os medios de pago coa administración local cumprindo os principios de transparencia e de claridade:

  • ampliación das entidades colaboradoras no pagamento
  • pagamento online a través dunha pasarela de pago
  • domiciliación de recibos
  • pago a través de caixeiros
  • pago mediante tarxeta

Sonia Méndez tamén lembrou a existencia do Tribunal Económico Administrativo no Concello de Lugo. Explicou que ten como obxectivo a resolución das reclamacións económicas dos administrados. “A finalidade deste órgano, que recolle a Lei de Modernización de Réxime Local, será axilizar e abaratar calquera reclamación dos contribuíntes”. A Concelleira de Economía subliñou que concederá máis dereitos aos contribuíntes lucenses e a través del terán acceso a un Tribunal colexiado composto por 3 persoas, que resolverá de maneira independente e gratuíta as súas reclamacións económicas.
Para Méndez o “obxectivo final do Concello ten que ser demostrar que somos a administración máis próxima á cidadanía, somos conscientes das súas necesidades e queremos resolvelas e que teñan acceso a toda a información que precisen sobre os servizos que poñemos en marcha”.