Imprimir

O ALCALDE DE LUGO VISITA O XARDÍN E O PARQUE INFANTIL DE GALLEGO TATO


23/3/2009 Todos os veciños e veciñas de Lugo teñen unha zona verde moi preto dos seus portais

O investimento total da nova zona verde e de lecer é de 116.759 euros

O Alcalde de Lugo visitou hoxe o xardín e o parque infantil da rúa Gallego Tato, no barrio lucense de A Piringalla. Trátase dunha zona verde e de esparcemento de 1.300 metros cadrados, na que se prantaron 12 árbores e 160 arbustos. O xardín dispón tamén dunha fonte, 10 bancos e 7 papeleiras.

A zona de xogos infantís ocupa unha superficie de 210 metros cadrados, provistos dun pavimento continuo de seguridade, que se adapta á normativa europea e garante o benestar dos máis novos que usen o recinto.

O orzamento que se adicou á creación desta zona verde e de esparcemento é de 116.759 euros.

O Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, asegurou que coa construción do xardín e mailo parque infantil se deu cumprimento ao compromiso establecido cos veciños e veciñas do barrio, ao tratarse dun espazo moi demandado e que xa no Plan Xeral de Ordenación Municipal aparece como zona verde.

A construción da área de xogo e lecer en Gallego Tato resposta a unha petición xeralizada dos veciños, pero tamén aos desexos do Concello de Lugo, que prosegue nos seus traballos para equilibrar os barrios do municipio, da zona norte e da zona sur, facendo que todos estén equipados con servizos e dotacións. Con este novo espazo verde, conséguese ademais que todos a cidadanía lucense teña unha zona verde moi preto do seu portal.

Con este novo xardín e parque infantil, o concello de Lugo goza xa de 534.000 metros cadrados de zona verde e dispón de 44 xogos infantís, repartidos por todos os barrios do municipio.