Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reclama unidade e implicación de toda a cidadanía coa lingua galega na inauguración da mostra As nosas palabras, os nosos mundos


# Luns, 23/03/2009


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

López Orozco e a secretaria xeral en funcións de Política Lingüística inauguraron a exposición sobre o galego e o plurilingüismo mundial, que permanecerá na Sala Municipal Uxío Novoneyra de Lugo ata o 5 de abril

Durante a súa estadía en Lugo, a mostra incorporará unha instalación que lle permitirá ao alumnado de diferentes centros da provincia  coñecer e poñer en práctica os segredos do mundo da dobraxe, ao mesmo tempo que realizarán unha visita guiada á mostra

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, Marisol López, inauguraron, na Sala Municipal de Exposicións Uxío Novoneyra, a mostra itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de abril. Tras acadar unha moi boa acollida ao seu paso por Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Bilbao, Bruxelas, Vigo, Madrid, A Coruña e Sevilla, a exposición chega a Lugo para poñer en valor a aposta da mocidade polo galego en todas as facetas da súa vida.

No acto inaugural, o Alcalde de Lugo suliñou a importancia de que “toda a cidadanía se implique, debemos ir da man e pensar que o galego non é incompatible con outros idiomas, todos caben e debemos crer nel”. López Orozco preguntouse en alto “Que fixemos mal para que neste momento a nosa lingua se estea a discutir... Este non é un problema partidista, é un tema de todas e todos e debemos tomalo en serio para non dar marcha atrás en todo o conseguido.” Para o mandatario lucense é incomprensible que o noso idioma retroceda “é unha lingua viva, que transmite ciencia, historia...transmite o que somos”.

Marisol López defendeu “o importante papel que xoga a mocidade no futuro do plurilingüismo”. “Nos seus folgos está o porvir das linguas, a saúde do corpo vivo que constitúe o conxunto dos idiomas do planeta”, dixo. A responsable autonómica en funcións puxo á cantante de rap Aíd, que actuou ao remate do acto, como exemplo dunha vitalidade que tamén posúe o galego; e aludiu ao feito de que esta artista compón en galego e en castelán como un símbolo de que “as linguas deben servir como instrumentos positivos de achegamento e comunicación, e non como armas arreboladizas entre iguais”. Tamén se referiu aos alumnos do IES Perdouro de Burela, convidados especiais á inauguración, como mostra dun compromiso activo co galego, “que entenderon a lingua como un instrumento vertebrador capaz de unir a xentes dispares, de achegar mundos diferentes e de construír unha realidade de progreso común”. Este instituto de Burela é un dos centros galegos premiados no presente curso académico polo seu proxecto de innovación en normalización lingüística.

Marisol López, que tamén tivo presentes no seu discurso aos intelectuais lucenses Ramón Piñeiro e Uxío Novoneyra, fixo un chamamento á implicación de toda a sociedade na defensa e protección do galego e do plurilingüismo co fin de evitar retrocesos nos logros acadados no proceso de normalización. “As linguas trouxéronnos ata onde estamos agora. Non é de sentido común construír nin tolerar discursos de medo e rancor, nin tampouco permitir que, despois de loitar tanto tempo por un exercicio libre dos usos lingüísticos, suprimindo as barreiras mentais e sociais que durante tanto tempo soportou o idioma galego e os seus falantes, se dea nin un só paso atrás nos logros sociais conseguidos. Só xuntos, unidos, podemos construír un país con futuro, esa é a mensaxe desta exposición”.

Ao remate do acto, tivo lugar a actuación da cantante de hip-hop Aíd, gañadora do certame Heineken Greenspace 2008. Aíd interpretou dous temas do seu último traballo, tiulados “Non importa” e “Ai non”, acompañada polo dj Liha.

Aposta da mocidade polo galego
O galego é un idioma vivo e, proba disto, é a aposta da mocidade por empregar esta lingua como ferramenta comunicativa no seu día a día. Cantantes, músicos, escritores, actores ou estudantes novos escollen o galego para transmitir as súas inquedanzas persoais e artísticas. Do mesmo xeito, cada vez son máis os concursos literarios e musicais, entre outras moitas disciplinas, que, dirixidos á xente nova, empregan o galego como nexo e distintivo. “As nosas palabras, os nosos mundos” faise eco destes valores e da importancia do plurilingüismo como garantía dunha convivencia global en harmonía.

Cabina de dobraxe e visitas de estudantes
Na súa estadía en Lugo, e tamén como un elemento máis para reforzar o compromiso da mocidade coa lingua propia de Galicia, a exposición contará cun atractivo máis, concibido como unha actividade de dinamización lingüística. Trátase dunha instalación na que alumnos de diferentes centros educativos da provincia de Lugo, aproveitando a visita guiada que farán á exposición, poderán coñecer de  preto o proceso da dobraxe de producións audiovisuais.

Os participantes nesta iniciativa recibirán unha explicación sobre esta técnica por parte de profesionais da dobraxe e poderán incluso realizar unha pequena práctica para poñerlles voz a algúns dos personaxes máis populares do panorama audiovisual en Galicia. Ata o momento, concertaron percorridos guiados catro institutos da provincia.

Desde as orixes do galego ata hoxe
A exposición estrutúrase en catro bloques temáticos: “As orixes”, “Isto é galego”, “As nosas palabras, os nosos mundos” e “A nosa lingua na nosa vida”. O módulo “As orixes” constitúe un achegamento ao nacemento da linguaxe, así como á evolución das canles de comunicación ao longo da historia da humanidade; nel tamén se ofrece información sobre as 20 familias lingüísticas existentes no mundo.

O módulo “Isto é galego” permite viaxar a través da historia do galego desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos culturais, sociais e políticos relevantes.
No espazo “As nosas palabras, os nosos mundos”, o visitante pode mergullarse na diversidade lingüística do planeta e coñecer o son de múltiples linguas a través dun xogo de escoita.

Por último, o módulo “A nosa lingua na nosa vida” amosa exemplos de recursos e usos da lingua galega nos diferentes ámbitos da sociedade.

A mostra estará aberta na Sala Municipal de Exposicións Uxío Novoneyra de Lugo desde o luns, 23 de marzo, ata o próximo 5 de abril

O horario de visitas é de luns a domingo, de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas

Está en marcha, de forma paralela á exposición, a web www.asnosaspalabras.org. Trátase da primeira web galega sobre o multilingüismo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova