Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Obra Social "La Caixa" presenta en colaboración co Concello de Lugo unha exposición sobre a cultura ibérica


# Mércores, 25/03/2009


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Dúas grandes torres que simulan a entrada a un antigo pobo ibérico flanquean o inicio da exposición, onde se atopa a reprodución a tamaño real da Gran Dama Oferente do Cerro dos Santos (Albacete). O descubrimento desta escultura, xunto á da Dama de Elche en 1897, espertou en toda Europa o interese pola cultura ibérica.
A historia dos iberos iniciouse a finais do século VI a.C. coa aparición dunha aristocracia de príncipes guerreiros que construíu cidades e santuarios, impulsou o comercio e a escritura, e xerou formas artísticas propias. Esta cultura finalizou no século I a.C. cando foi absorbida polo poder político e cultural de Roma.
Reproducións científicas de obras de arte, maquetas, proxeccións audiovisuais, fotografías e gravados son algúns dos elementos que presenta esta exposición para dar a coñecer a vida cotiá nun poboado ibérico, as súas relacións co pobo fenicio e grego, a importancia da agricultura e o comercio ou os misterios que envolven a desaparición da lingua ibérica.
A Obra Social “la Caixa” organizou en 1997 a mostra Los íberos, príncipes de Occidente, que presentou por primeira vez unha visión de conxunto da cultura ibérica entendida como unha das civilizacións máis relevantes do Mediterráneo antigo. Iberos. A nosa civilización antes de Roma nace agora como consecuencia daquel proxecto e coa vontade de amosar unha visión actualizada do mundo ibérico.

A mostra Iberos. A nosa civilización antes de Roma, comisariada polo arqueólogo Lluís Batista, e organizada en colaboración co Concello de Lugo, poderase ver dende o 25 de marzo ata o 6 de maio de 2009 nunha carpa instalada na praza da Horta do Seminario (avda. Ramón Ferreiro).

A Península Ibérica recibe o seu nome da primeira cultura que presentou unha certa homoxeneidade a partir da existencia dunha estrutura social e económica común que se desenvolveu na costa mediterránea do sur de Francia e España. Esta civilización asentouse no Languedoc meridional, en Cataluña, parte de Aragón, Valencia, Murcia e amplas zonas de Andalucía. Gregos, fenicios e cartaxineses influíron de xeito determinante na formación da cultura ibérica.
Os iberos planificaron núcleos urbanos dotados de importantes fortificacións, crearon unha arte propia que se desenvolveu ao longo de cinco séculos, compartiron unha mesma lingua coa súa correspondente escritura e unha economía monetizada que permitiu explotar riquezas agrícolas, gandeiras e mineiras do país, converténdoos na admiración das grandes potencias mediterráneas da época e, á vez, nun modelo para elas.
A exposición Iberos. A nosa civilización antes de Roma presenta reproducións científicas de pezas singulares desta cultura milenaria como recurso museográfico, ademais de amosar diversas escenografías que ambientan escenas da vida cotiá nun poboado ibérico e que se distribúen a partir dos seis ámbitos que compoñen a mostra: o contexto histórico, a organización militar e as formas de goberno, a vida cotiá, a escritura e o comercio, o urbanismo e a arquitectura, e a relixión e o mundo funerario.

O contexto histórico
Logo de acceder á exposición a través das dúas torres que simulan a entrada a un poboado ibérico e que reproducen a muralla ibera de Castellet de Banyoles na localidade de Tivissa (Tarragona), a persoa visitante pode coñecer a modo de introdución o contexto xeográfico e cronolóxico no que se desenvolveu a cultura ibérica a partir da proxección dun audiovisual. Nel amósanse os antecedentes dos iberos, as súas influencias externas e as invasións que padeceron. Do mesmo xeito, presenta a partir dun mapa os principais poboados ibéricos descubertos ata os nosos días distribuídos ao longo da costa mediterránea e da zona meridional da Península Ibérica, dende Andalucía ata o sueste de Francia.

A organización militar e as formas de goberno
O pobo ibero non foi substancialmente guerreiro e non dispoñía de exércitos ben formados. En períodos de convulsión e en certas ocasións, como cando actuaban de mercenarios de cartaxineses e romanos, tiveron que tomar as armas e loitar para defender os seus intereses. Nesta sección amósase a organización militar dos iberos: as estratexias de combate, as institucións guerreiras, a arquitectura bélica e o equipamento de cabaleiros e soldados.
A sociedade ibérica era unha sociedade fortemente xerarquizada. Para asentar e lexitimar o seu poder, os príncipes iberos crearon o seu propio mito heroico: representacións idealizadas de guerreiros a cabalo, enfrontados a inimigos humanos ou a animais fabulosos, aparecen entre as esculturas do Cerrillo Blanco de Porcuna, en Xaén, descubertas a mediados dos anos setenta.
Pódense observar os diferentes estratos da sociedade ibérica a través dunha serie de esculturas idealizadas de personaxes tales como unha sacerdotisa, un guerreiro aristócrata, un comerciante, un artesán e, finalmente, unha campesiña.

Neste ámbito amósanse as actividades que os iberos desenvolvían ao longo do día e os utensilios que empregaban nos traballos máis importantes, en concreto, a agricultura, a gandería e a industria téxtil.
Os iberos desenvolveron novas técnicas agrícolas relacionadas cos avances da metalurxia do ferro e do torno cerámico. Os cultivos máis habituais entre a cultura ibera eran os cereais, a oliveira e a vide.  Neste sentido, os iberos empregaron o muíño rotatorio tanto para moer os cereais como para producir aceite. Unha reprodución deste último pódese contemplar na exposición, ao lado de diversas ánforas de boca plana para a conservación e o transporte de aceite, viño e cereais. Un tear de bastidor, reproducións de ferramentas e obxectos da vida rural son algúns dos elementos que se amosan na exposición.
Esta mostra dedica unha atención especial á cerámica e a metalurxia. Pola súa abundancia e variedade, os restos e pezas de cerámica que chegaron ata os nosos días son un importante instrumento co que contan os arqueólogos para datar os xacementos.
Bronces, terracotas e cerámicas comparten o mesmo tipo de decoración esquemática e de detalle que ofrece informacións sobre os vestidos, a xestualidade, os hábitos e as crenzas relixiosas dos iberos.

A escritura e o comercio
As inscricións que se atoparon en vasos, moedas, chumbos, cerámica ou pedra permiten coñecer algunhas palabras do ibero, unha lingua preindoeuropea dun grupo moi antigo do que non quedan vestixios en linguas coñecidas. O alfabeto ibérico estaba formado por uns signos que representaban letras e outros que representaban sílabas. Paradoxalmente, coñecemos o son da grafía ibérica pero non o seu sentido.
Un signo da existencia dun comercio consolidado é a aparición das moedas a partir do século III. As primeiras cuñaxes imitaban as moedas gregas e fenicias das colonias de Marsella, Empúries e Roses. A distribución dos produtos cos que se comerciaba a través da xeografía ibérica deu orixe á primeira vía de comunicación que percorreu a costa mediterránea: a Vía Heraklea ou Camiño de Aníbal, que máis tarde se convertería na Vía Augusta.

O urbanismo e a arquitectura
No mundo ibérico, o poboado é o centro de poder e de redistribución económica. Ao redor del constrúense murallas e sofisticados sistemas defensivos. Co nome de oppidum coñécense as grandes aglomeracións fortificadas, xeralmente construídas en zonas de altura. As maquetas dos poboados de Ponte Táboas en Xaén, Tejada Vieja en Huelva, e Puig Castellar en Barcelona son tres exemplos de ordenación urbanística que se amosan na exposición. Un elemento expositivo de grande impacto neste ámbito é a reprodución a tamaño real dunha vivenda ibérica, unha casa de planta rectangular, construída con adobes e cuberta con teito plano. A exposición tamén presenta algunhas maquetas de construcións especializadas como pazos e templos, edificios que respondían ás necesidades sociais e relixiosas da vida colectiva.

A relixión e o mundo funerario
Os iberos empezaron a crear espazos destinados á deposición dos defuntos formando verdadeiros cemiterios.
Esta civilización incineraba os defuntos sobre piras de leña xunto coas súas pertenzas máis significativas. Os restos do defunto non consumidos polo lume eran purificados mediante o rito do lavado e posteriormente introducidos, por norma xeral, nunha furna de cerámica que se depositaba dentro da tumba. Un caso excepcional é a estatua da Dama de Baza (Granada), en cuxo trono se escavou un orificio para introducir os ósos queimados. Na exposición reprodúcese esta tumba: a escultura funeraria exposta e o enxoval, colocado tal e como se atopou no seu día. Esta peza demostra tanto a complexidade do mundo funerario coma a carga ideolóxica que contiña. Neste ámbito, tamén se atopa a reprodución a escala real de dúas das pezas máis coñecidas da cultura ibérica: a Dama de Elche (Alacante) e a Bicha de Balazote (Albacete).

Iberos. A nosa civilización antes de Roma
Do 25 de marzo ao 6 de maio de 2009

Inauguración: mércores, 25 de marzo ás 13 horas.

Carpa
Praza da Horta do Seminario (avenida Ramón Ferreiro)
Lugo

Horario: de martes a venres das 12.30 ás 14 horas e das 17 ás 21 horas.
Sábados, domingos e festivos das 11 ás 14 horas e das 17 ás 21 horas.
Luns non festivos, pechado

Visitas escolares:  pedir cita previa ao teléfono 902 906666

Información:
www.lacaixa.es/ Obra Social
Tel. 902 223040

Para máis información e material gráfico:
Victoria Lobato. Departamento de Prensa da Fundación ”la Caixa”
Tel. 629 732351


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova