Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O equipo de fútbol sala xaponés Human é recibido na Casa do Concello


# Mércores, 01/04/2009


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O conxunto xaponés Human que se atopa dende o pasado sábado na capital lucense apura as súas últimas horas antes de pechar a súa estancia na cidade amurallada. Os compoñentes do Human darán por finalizada mañá mércores esta pequena xira de traballo xunto ao Azkar Lugo e a Fundación Azkar, a bo seguro contentos de vivir esta experiencia e coa satisfacción de todo o aprendido levalo á práctica nas cinco cidades xaponesas onde Human ten as súas escolas e onde o fútbol sala está tendo un gran crecemento.

Na xornada de hoxe tivo lugar no Concello de Lugo unha recepción oficial por parte do Concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, o Concelleiro de Protección da Comunidade, Réxime Interior e Transportes, José Rábade, e outros membros da Corporación Municipal. Ademais dos xogadores do equipo xaponés estiveron, en representación do Azkar Lugo, o Director Deportivo, Pablo Prieto, e pola Fundación Azkar o Xerente, Óscar Hermida, e o Responsable da Área Social e Institucional, Alberto Fernández.

Díaz Grandío nas súas verbas ante os membros do grupo xaponés, traducidas polo Sr. Aoki aos xogadores, expresou que “é un orgullo para o Concello de Lugo o poder recibirvos hoxe aquí. Espero que tiverades unha feliz estancia en Lugo e que finalicedes mañá a mesma habendo aprendido todo o que queriades a través do Azkar Lugo e a Fundación Azkar. Esta é a segunda vez que visitabades a cidade (o Human), unha cidade milenaria, e espero que vos levedes un bo recordo da mesma. Esperámosvos en máis ocasións”.

Como recordo da súa visita ao Concello a representación municipal entregoulles un libro sobre a historia da cidade e un pin da muralla para cada un dos xogadores. Pola súa banda, o conxunto xaponés entregou aos Concelleiros un agasallo tradicional do seu país para atraer a boa sorte.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova