Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo amosa a súa "satisfacción" polo nomeamento de José Blanco como Ministro de Fomento


# Martes, 07/04/2009
López Orozco salientou o enorme orgullo que sente Blanco pola provincia de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, quixo manifestar a súa profunda ledicia e satisfacción polo nomeamento do lucense José Blanco como Ministro de Fomento do Goberno de España.

Para López Orozco “hoxe é un gran día para Galicia e España. Para Lugo ten que ser un día de gran satisfacción porque unha gran persoa, un gran traballador, un home que leva a provincia e leva Galicia sempre na cabeza foi nomeado Ministro de Fomento”.

O Alcalde lucense subliñou ademais a importancia de que as grandes obras de Lugo, como a nova ponte, conten co impulso dun home “que sente dentro esta cidade e esta provincia. José Blanco será o seu máximo valedor”. Ademais destacou que a capacidade de traballo de Blanco é sen dúbida unha garantía para que as obras do conxunto de España saian adiante.

O mandatario municipal referiuse á intuición política e persoal de José Blanco que, “unida a unha capacidade de traballo asombrosa, fixo que soubera rodearse de bos equipos aos que dirixiu perfectamente”.

No ámbito persoal, López Orozco, destacou a amizade persoal que o une a José Blanco, do que foi mestre “úneme a el unha gran amizade, pero en política os obxectivos políticos, de interese xeral, deben estar por riba diso. Polo tanto, sabe que en min vai a ter un leal colaborador como sempre o fun de todas as persoas que ocupan un cargo institucional”.

Novos ministros

José Blanco López, foi nomeado Ministro de Fomento en substitución de Magdalena Álvarez na remodelación do Goberno anunciada polo Presidente José Luís Rodríguez Zapatero. Ademais da incorporación de José Blanco, ata o de agora Vicesecretario do PSOE, forman parte do novo Executivo, Trinidad Jiménez, ata o de agora Secretaria de Estado para Iberoamérica, como Ministra de Sanidade e Asuntos Sociais; Ángel Gabilondo, ata o de agora Reitor da Universidade Autónoma de Madrid, que pasa a ser Ministro de Educación; Ángeles González Sinde, Presidenta da Academia do Cine, pasa a ser Ministra de Cultura; Elena Salgado será Vicepresidenta Económica e Manuel Chaves Vicepresidente terceiro e Ministro de Cooperación Territorial.

Deixan o seu posto, Magdalena Álvarez, César Antonio Molina, Bernat Soria e Pedro Solbes.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistirá convidado á toma de posesión de José Blanco o mércores na sede do Ministerio de Fomento en Madrid.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova