Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza o prazo para o pagamento voluntario do IVTM e do recibo do primeiro trimestre de auga e lixo


# Venres, 17/04/2009
O vencemento do período voluntario será o 20 de xuño

Imaxe Asociada

O vindeiro luns, 20 de abril, comeza o período de pagamento voluntario do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e que rematará o 20 de xuño. Este imposto, con periodicidade anual, afecta a todos os propietarios de vehículos dados de alta no Concello de Lugo que, segundo anunciou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, conta con 1.884 altas máis que no ano 2008, o que supón un aumento do 2%. “Un aumento que supón un incremento dos ingresos para o Concello que poderá investilos en obra pública pero sen ter que subir os impostos, xa que o ano pasado conxelamos as tasas”.

Méndez explicou que este ano porase ao cobro un importe total de 5.690.331 euros, correspondente aos 65.581 recibos. O volume máis numeroso do total son os 48.045 turismos, pero ademais hai 7.322 camións, 3.609 motocicletas, 2.167 ciclomotores e o resto son buses, tractores e remolques.

A Concelleira indicou ademais que son preto de 3.000 os vehículos que se benefician das exencións ou bonificacións por tratarse de vehículos de persoas con mobilidade reducida, vehículos cunha antigüidade superior aos 25 anos ou vehículos ecolóxicos. Por outra banda, tamén o día 20 de abril comeza o prazo de pagamento do recibo de subministro de auga e recollida de lixo correspondente ao primeiro trimestre do ano. Tamén aumenta o padrón respecto ao ano pasado en 885 altas, o que fai un total de 54.771 recibos.

A Concelleira lembrou que dende fai dous anos pasado a cidadanía conta coa Guía do Contribuínte, un manual con información de moita utilidade para os contribuíntes, xa que recolle un calendario estable para o pago dos tributos.

Todas as persoas que teñen domiciliado o pagamento, este pasarase directamente pola súa conta o día 5 de xuño. Méndez indicou que as domiciliacións aumentaron nun 3% o que demostra a comodidade que supón para a cidadanía así como a seguridade que aporta esta medida de pagamento. Tamén poderá realizarse o pago a través de Internet no portal web do Concello ou a través das pasarelas de pagamento das entidades colaboradoras, tamén nos caixeiros automáticos das entidades que dispoñan deste servizo.

A Concelleira lembrou que de non facer o pagamento en tempo voluntario, incrementarase a cuantía cun recargo e posteriormente pasaría a realizarse o cobro por recadación executiva, aínda que confía en que os índices de pagamento sexan tan bos como nas anualidades anteriores xa que “os lucenses pagan en tempo e forma, son moi bos pagadores”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova