Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo imparte tres cursos para a inserción profesional destinados a 45 persoas en situación de desemprego


# Martes, 21/04/2009
Formarase aos asistentes en materia de xestión financeira das empresas, xestión de solvencia e financiamento empresarial e axente de innovación

Imaxe Asociada

O Concello de Lugo vai impartir tres accións formativas de plan FIP (Formación para a Inserción Profesional) no que poderán participar un total de 45 persoas en situación de desemprego tal e como o anunciou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

Estas accións formativas contan cun orzamento de 129.624 euros financiados ao 100% pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, e instruirán aos asistentes no sector dos servizos profesionais a empresas co "obxectivo de dotar ás empresas lucenses de expertos en diferentes áreas".

Os cursos que se impartirán son os seguintes:

Empregado de Xestión Financieria de Empresas: Trátase dun curso de 500 horas que comezará o 26 de maio e rematará o 14 de outubro. Os destinatarios deste curso serán 15 persoas en situación de desemprego inscritos como demandantes de Emprego no INEM.

O obxectivo deste curso é que o alumnado coñeza os medios existentes para financiar a actividade empresarial, e dominar os métodos para optimizar a financiamento na empresa. Permitiralles analizar a situación económico-financeira da empresa a través dos estados contables e financeiros. Ademais, os alumnos coñeceran os elementos teóricos e os criterios prácticos necesarios para xestionar con eficacia a tesourería nunha empresa. Tamén serán instruídos en materia de ofimática financeira para comprender e exercitarse no funcionamento de equipos ofimáticos empregados nas entidades financeiras e no uso de diversas aplicacións; así como en seguridade e saúde laboral.

Xestor de solvencia e financiamento empresarial: Este curso conta cun programa de 430 horas que se desenvolverá do 26 de maio ao 22 de setembro. Ofértanse 15 prazas para demandantes de Emprego inscritos no INEM.

Esta actividade formativa permitirá aos asistentes aplicar as ferramentas e métodos básicos da análise de solvencia e da financiamento empresarial, combinando elementos de análise económico-financeiro, de fiscalidade, de Seguridade Social, así como o coñecemento do sistema financeiro, coa fin de diagnosticar e avaliar a coherencia e a viabilidade da política de financiamento empresarial. Tamén facultará ao alumnado para a elaboración do informe de solvencia empresarial da entidade.

A Concelleira explicou que a xustificación destes dous cursos atópase na situación de crise pola que atravesan as empresas, derivada da situación económica mundial, e que trae consigo dificultades na obtención de financiamento, problemas de tesourería á hora de xestionar cobros e pagos a clientes e provedores, situacións de insolvencia , etc.

Axente de innovación: Esta actividade formativa terá unha duración de 200 horas a desenvolver entre o 26 de maio e 20 de xullo. Ofértanse tamén 15 prazas para persoas en situación de desemprego inscritos como demandantes de Emprego no INEM.

Este curso, que vai xa pola súa terceira edición, capacitará aos alumnos para xestionar as políticas de innovación da empresa, definir e desenvolver proxectos de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico. Igualmente coñecerá as convocatorias de subvencións para a realización de proxectos de I+D+i, e poderá solicitar a protección dos resultados xerados nos mesmos, e incluso coñecer o proceso da creación dun spin-off na forma de empresa de base tecnolóxica.

Con este curso preténdese formar aos asistentes ante a crecente importancia da I+D+i na supervivencia das empresas nos mercados e as maiores posibilidades de axudas e financiamento para os proxectos encadrados neste eido. Este curso vai xa pola súa III edición, e a razón de solicitalo novamente debeuse a que nas pasadas edicións quedaron persoas interesadas na súa realización, que non puideron acceder por falta de prazas.

As persoas interesadas deben acudir, o antes posible, á oficina de emprego na que estean inscritos como demandantes e manifestar expresamente o seu interese na realización destes cursos, para que a propia oficina os poida convocar á proba se selección de candidatos. Se non están inscritos, deben facelo, e indicar o curso que lles interesa.

Os asistentes ao curso deben contar co título de bacharel ou coñecementos equivalentes, ou ser titulados universitarios de grao medio ou superior.

Os interesados en obter máis información sobre estes cursos poden contactar co Centro de Empresas e innovación do Concello a través dos teléfonos 982 29 74 74 - 982 29 74 68 ou do correo electrónico formaciónarrobacei.lugo.es.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova