Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza o Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus


# Xoves, 23/04/2009
O concerto inaugural terá como protagonista a música sacra de Haendel

Comeza a trixésimo sétima edición do decano dos festivais galegos de música clásica: o Festival de Música Cidade de Lugo. XXXVII Semana do Corpus que durante os próximo mes e medio encherá de música a cidade cos dezaoito concertos que se celebrarán en diferentes lugares como o Círculo das Artes, o Conservatorio de Música, a Igrexa de San Pedro e a sede de Fundación Caixa Galicia.

O festival do 2009 chega cargado de novas caras, de contrastado prestixio internacional, como as dos directores Fabio Bonizzoni e Rubén Dubrovsky, o pianista Artur Pizarro e Alexander Shmalcz, os cantantes Verónica Cangemi, Andrew Kennedy, Carlos Chausson, Enrique Viana, Nuria Rial ou Alexandra Rivas que se unen a colaboradores habituais do festival como Roger Vignoles, Julius Drake, Florian Vlashi, Rubén Fernández Aguirre, Fernando Reyes, Plamen Velev ou Massimo Spadano.

O 2009 é un ano marcado, no musical, polas efemérides dalgúns dos compositores, dos xenios, máis sobranceiros da historia da música como Haydn, Haendel ou Purcell. Especial atención merece un dos grandes piares do Barroco no 250º aniversario da súa morte: Georg Friedrich Haendel. A súa música encherá tres dos grandes concertos, tres dos momentos estelares, desta trixésimosétima edición do Festival de Música Cidade de Lugo.

A primeira será no concerto inaugural que estará protagonizado polo Scholars Baroque Ensemble. Esta prestixiosa agrupación inglesa que coordina artisticamente o baixo David van Asch dedica o seu programa á música sacra haendeliana. A cita é na Igrexa de San Pedro mañá venres, 24 de abril, ás 20:30. Nesta actuación poderanse escoitar tres fermosas obras relixiosas de Haendel: o Dixit Dominus, o Salve Regina e o Nisi Dominus.

The Scholars Baroque Ensemble foi fundado en 1987 por David van Asch coa intención de complementar as actuacións do grupo vocal The Scholars, un cuarteto vocal que tivera un extraordinario éxito por todo o mundo durante moitos anos. Os compoñentes de The Scholars Baroque Ensemble son todos especialistas en música barroca e tocan instrumentos de época. O feito de ser un grupo, coral e instrumental, sen director é a causa da súa procura dun maior nivel de comunicación entre os membros do grupo e na consecución xuntos dunha atmósfera especial na creación musical. Os seus concertos en importantes festivais e salas de concerto de Inglaterra, Francia, Alemaña, Austria e Italia recibiron unánimes loubanzas tanto do público como da crítica musical especializada. Especialistas en Haendel, a súa versión editada pola discográfica Naxos de O Mesías foi definida pola revista Classic CD como “o mellor Mesías a calquera prezo”.

Outras dúas citas imprescindibles do festival, cara ao final do programa, o 28 e o 30 de maio, tamén estarán íntegramente dedicadas a Haendel. A primeira coa interpretación do seu fermoso primeiro oratorio, Il trionfo del Tempo e del Disinganno, na destra man dun dos directores máis preocupados pola difusión da obra de Haendel nos últimos anos, Fabio Bonizzoni e o seu grupo La Risonanza. A segunda cun programa dedicado as súas cantatas italianas na voz da soprano arxentina Verónica Cangemi, que debuta en Galicia, acompañada polo Bah Consort Wien, agrupación vienesa que debuta tamén en Galicia dirixida polo seu fundador Rubén Dubrovsky.

A entrada será gratuíta ata completar o aforo do local como é habitual no festival.

A seguinte cita será a próxima semana, o luns 27 de abril, na sede da Fundación Caixa Galicia, co concerto de cámara dedicado á frauta a cargo do francés Laurent Blaiteau.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova