Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo porá en marcha un plan de control e de aforro do gasto de oficina


# Xoves, 23/04/2009
Dependerá directamente da Concellería de Servizos Xerais que dirixe Luisa Zarzuela

Imaxe Asociada

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou o Plan de control e aforro do gasto de oficina realizado polo departamento que dirixe. Trátase dunha aposta máis do equipo de goberno por reducir o gasto dos cartos públicos e controlar o consumo de material de oficina, fundamentalmente consumibles, nas oficinas da administración pública.

Con este plan prevese un aforro de preto do 30% no gasto de consumibles e mantemento dos equipos de impresión, pasando dun gasto de preto de 105.000 euros, que hai agora mesmo, a non máis de 81.000 euros.

Ademais con esta planificación reducirase un 60% o gasto en toner e tintas pasando dos 50.757 euros que se gastan actualmente, a 20.303 euros.

A Concelleira explicou que se substituirán todas as impresoras por outras de menor consumo e que imprimirán a dobre cara. Tamén se controlará o número de impresións de cada usuario e o gasto de papel e toner de cada departamento, para facer un seguimento exhaustivo dos usos.

O Plan de aforro inclúe a substitución das 183 impresoras que hai neste momento, por 153 novas moito máis modernas e con maiores prestacións para a redución de gasto e o seu control, de feito incorporan un sistema de limitación do número de copias por usuario.

Deste xeito, e segundo anunciou Luisa Zarzuela, prevese unha redución de máis dun millón de folios anuais.

Este cambio vai incluído nun programa de renting que establece a renovación das máquinas neste momento, polo que non repercute no erario público, excepto na redución do gasto.

A responsable do departamento tamén anunciou que progresivamente se irán eliminado as máquinas de fax que empregan papel e os servizos pasarán a usar paulatinamente o fax integrado no propio ordenador.

Co novo servizo o mantemento ademais pasará a realizalo a empresa adxudicataria. Todos estes cambios, segundo explicou a Concelleira, e "grazas a un programa de control de gasto, permitirannos coñecer o que gasta cada impresora"

Luisa Zarzuela subliñou ademais que dende hoxe os servizos do Concello farán un traballo de concienciación "que simboliza a aposta deste Concello polo consumo responsable" e recomendarán a través dos correos electrónicos o uso controlado do papel e a impresión só das informacións que se consideren necesarias.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova